Pestanas principais

O programa AmesON prepara para a fin de semana cine ao aire libre, 4 concertos, batucada, coches a pedais e obradoiros.

Martes, 04 de agosto de 2020

O grupo de música tradicional Leilia, a banda de rock alternativo Battosai, o dúo acústico Arévalo e Gianetto e unha sesión vermú con Eva e Camilo conforman a oferta musical para esta fin de semana en Bertamiráns. Ademais unha sesión de batucada na zona do paseo, ao carón do mercadillo, e coches a pedais na rúa Ameneiral completan o programa que prepara o Concello para uns días nos que a vila estaría celebrando as festas da Peregrina. En Milladoiro tamén haberá coches a pedais e un obradoiro que leva por título: “Crea a túa bolsa”. Todas as actividades son de balde, teñen o aforo limitado por mor de gardar as distancias e as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia, e están incluídas no programa de dinamización da cultura e o comercio de Ames, AmesON.

A programación de AmesOn comezará o xoves coa inauguración do ciclo de Cine Xuvenil ao aire Libre que traerá ao parque do Ameneiral unha das últimas películas de Luís Tosar: “Quen a ferro mata”, un thriller psicolóxico no que o actor lucense da vida a un enfermeiro, traballador nun centro para maiores, que tras o ingreso na institución dun dos narcotraficantes máis importantes da zona, deberá afrontar os  fantasmas do seu pasado.

4 concertos en Bertamiráns
En Bertamiráns, non haberá atraccións de feira nin verbenas, pese a que estes días , de non ser pola pandemia, a vila estaría celebrando as festas da Peregrina. Porén, non vai deixar de soar a música nas súas rúas. A praza do Concello será, ás 13:00 horas do sábado 8, escenario dunha sesión vermú que amenizarán Eva e Camilo; o dúo, habituais desde hai moitos anos nas festas de maiores de Ames, interpretan un repertorio composto por baladas, pasodobres e todo tipo de ritmos latinos. Pola tarde, entre as 18:00 e as 19:30 horas, a Percutería dinamizará o mercadillo cunha batucada.

Ás 22:30 da noite, o parque do Ameneiral acollerá a actuación do grupo “Lelilía”. As cantareiras – pandereteiras que naceron  hai 31 anos coa intención de recuperar do esquecemento á tradición oral galega, ofrecerán un repertorio no que combinarán a interpretación de temas emblemáticos da súa discografía con outros menos coñecidos que representan a evolución sonora do grupo e a súa experiencia de tres décadas sobre o palco.   

Un chisco máis tarde, ás 23:00 horas, a praza do Concello será escenario da actuación do dúo Arévalo e Gianetto. Carlos Arevalo, batería e voz, e Leo Geanetto, guitarra e voz, son membros da Banda de Nash e Michael Legend Tribute”, entre outras formacións eléctricas. Como dúo acústico interpretan clasicos do pop, o soul, o jazz, o regaee e a bossa, conferindo a todos os temas dun son e un espírito propio.  

O grupo de rock alternativo Battosai porá broche a esta xeira de concertos o domingo, día 9 de agosto, ás 22:00 da noite na praza de Chavián. O grupo bebe do grunge e do rock dos años 90 e filtra estas fontes a través de sons actuais, mestura que lle confire unha personalidade propia no panorama musical contemporáneo. No seu prineiro disco “Cuánto tiempo” aprécianse estas reminiscencias dos 90. O nome de Battosai fai alusión a un dos personaxes do anime: Kenshin, o guerreiro samurai, serie da década dos 90 que algúns dos compoñentes da banda vían cando eran nenos.

En Milladoiro obradoiros e coches a pedais
Tamén a través do programa AmesON, a Casa de Cultura de Milladoiro acollerá esta fin de semana un obradoiro que leva por título “Crea a túa mochila e que inmpartira Nuria Ruibal, directora da Escola de Debuxo e Pintura “Lápices”. Terá lugar o día 7 de agosto entre as 11:00 e as 14:00 horas. Na mañá do sábado 8, entre as 12:00 e as 14:00 na praza de Manuel Murguía instalaranse coches a pedais. Esta atracción estará despois pola tarde, entre as 18:00 e as 20:00 horas na rúa do Ameneiral en Bertamiráns.

A Concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradece á veciñanza e os visitantes a súa participación nestas iniciativas que serven para reactivar e impulsar o noso Comercio local , a nosa hostalería e o sector Cultural . Así mesmo Ana Paz destaca o éxito dos actos e espectáculos do AmesON e anima aos amesáns a seguir participando nesta programación,que se estenderá nas vindeiros fins de semana .

Pola súa banda, Natividade González, concelleira de Cultura, agradece a resposta que a veciñanza está a dar as actividades do programa AmesON: “É toda unha satisfacción ver á veciñanza nas prazas e nas rúas gozando dunha boa actuación, dun bo espectáculo e facéndoo con toda a precaución, respectando as medidas que as actuais  circunstancias impoñen”. A concelleira convida aos veciños e ás veciñas a non perderse nada do que o programa AmesON ofrece esta fin de semana: “Estes días estariamos preparándonos para as Festas da Peregrina, a pandemia impídenos celebralas ao xeito tradicional, pero eu agardo que os veciños e as veciñas de Bertamiráns se vexan un pouco compensados coa ampla e variada programación que o AmesON ten prevista levar a cabo a vindeira fin de semana”.

Cómpre lembrar que todas as actividades do programa AmesON  son de balde e teñen o aforo limitado por mor de gardar as distancias e as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames presenta los eventos de la segunda semana del AmesON"

El Correo Gallego: "Ames oferta música, coches a pedais, cine"

 

Programación AmesON fin de semana