Pestanas principais

O principio de Arquímedes, gañadora do premio María Casares ao mellor espectáculo, chega este venres a Bertamiráns

Xoves, 31 de marzo de 2016

[31-03-2016] Na gala dos premios María Casares, celebrada onte á noite na Coruña, a obra "O principio de Arquímedes", da compañía Teatro do Atlántico, acadou 5 dos 14 premios que concede o xurado en recoñecemento ao esforzo e mestría das compañías de teatro galegas. Esta obra non só recibiu o premio ao mellor espectáculo, senón o premio o mellor actor, mellor actor secundario, mellor director e á mellor adaptación-tradución dun guión. Este espectáculo representarase mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas, e aínda hai entradas dispoñibles na Billeteira electrónica municipal.

Os nomes que están detrás destes premios son Xulio Lago, director da obra, Toni Salgado, protagonista e actor principal de "O principio de Arquímedes", o actor Alberto Rolán e, por último, Afonso Becerra, encargado da tradución do guión desta peza escrita orixinalmente polo catalán Josep María Miró i Coromina.

A compañía Teatro do Atlántico naceu en 1985, constituída por Xulio Lago e María Barcala, e leva representadas máis de 30 obras dende entón. "O principio de Arquímedes" comezou a xirar polos escenarios galegos en marzo de 2015. Esta é a primeira vez que o elenco formado por María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez aterra en Ames.

Actores e actriz dan vida a unha historia que xira en torno a sospeita de que o monitor de natación dun centro escolar é un pederasta. Sospeita que agroma e medra a partir dun xesto de cariño que o mozo ten cun dos nenos aos que dá clase. Pais e nais preocúpanse de que esta mostra de afecto oculte intencións máis escuras das que o rapaz quere admitir. A función invita ao espectador a reflexionar acerca do funcionamento do medo e da ameaza na sociedade, na forma que teñen de converter en sospeitosos actos aparentemente inocentes. E da paulatina perda do afecto e da cordialidade nas relacións sociais fronte á frialdade das distancias de seguridade e corrección.

Venda de entradas para este espectáculo
As entradas para ver este espectáculo pódense adquirir na Billeteira electrónica municipal, á que se accede a través dun banner da páxina web do Concello, ou unha hora antes do comezo do espectáculo (a partir das 20:00 horas) na propia Casa da Cultura de Bertamiráns.

As persoas maiores de 65 anos, menores de 12 anos e os estudantes con carné poderanse beneficiar dunha redución no importe da entrada do 50%, sendo o custo da entrada para este espectáculo de 2,50 euros. Cada persoa pode adquirir un máximo de catro entradas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Teatro do Atlántico, hoy en Ames"