[29-03-2016] Este venres 1 de abril, ás 21:00 horas, a compañía Teatro do Atlántico achégase á Casa da Cultura de Bertamiráns para poñer en escena a súa obra "O principio de Arquímedes". Xúlio Lago dirixe esta peza, cuxo guión foi traducido por Baltasar Patiño a partir dun texto de Josep María Miró i Coromina "O principio de Arquímedes" cobra vida grazas a voz e aos xestos do elenco formado por María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Vieitez e a labor de Baltasar Patiño e Anxo Graña, a cargo da escenografía e da música respectivamente.
A directora dun centro escolar recibe queixas das nais e pais, cuxo branco é a actitude dun dos monitores de natación, ao que acusan de pederastia. Os feitos que serven de fundamento para a acusación son febles, e unha boa ou mala interpretación deles pode servir tanto para crer na súa culpabilidade como na súa inocencia. Un bico dado a un pequeno que se atopa nun momento de medo e estrés servirá de detotante para que os familiares, desconfiados, carguen contra o monitor. O argumento trata de reflexionar, servíndose da historia da protagonista como exemplo, acerca da deriva dunha sociedade que interpreta como ameaza o que pode ser un simple xesto de cariño. Pero tamén da posibilidade, fría e algo escura, de atallar toda mostra de afecto como forma de protección das e dos máis pequenos.
As entradas para a obra, cuxo prezo xeral é de 5 euros, pódense adquirir na Billeteira electrónica municipal, á que se accede a través dun banner situado na marxe superior da web do Concello de Ames. A súa compra online permanecerá aberta até ás 19:00 horas do venres 1 de abril, sendo posible adquirilas tamén directamente no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns unha hora antes do espectáculo.
As persoas maiores de 65 anos, menores de 12 anos e os estudantes con carné poderanse beneficiar dunha redución no importe da entrada do 50%, sendo o custo da entrada para este espectáculo de 2,50 euros. Cada persoa pode adquirir un máximo de catro entradas.




