Pestanas principais

O primeiro Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup, disputarase do 5 ao 8 de abril coa participación de 48 equipos

Venres, 09 de marzo de 2012

[09-03-2012] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do I Torneo de fútbol base, Ames Cup, un evento organizado polo Bertamiráns FC coa colaboración do Concello de Ames. Esta competición celebrarase dende o próximo 5 ata o 8 de abril no campo municipal de Bertamiráns. Neste torneo participan un total de 48 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o vicepresidente e director deportivo da modalidade de fútbol base do Bertamiráns FC, Alfonso Salgado.


O acto comezou coa presentación do torneo por parte do concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, que explicou "o Torneo de fútbol base "Ames Cup", está organizado polo Bertamiráns FC e terá lugar en Semana Santa. Desde a Concellaría de Deportes Tempo Libre e Voluntariado entendemos que esta actividade supón un importante paso adiante no obxectivo común de promover a práctica do deporte entre os máis pequenos cun dobre obxectivo. Dunha banda, trátase de difundir os beneficios do exercicio físico para a saúde dos rapaces pero, ademais, quero incidir especialmente no papel que xoga o deporte como recurso versátil na súa formación como persoas, inculcando valores como o compañeirismo, a solidariedade e, por que non, tamén a competitividade ben entendida".

Os equipos dividiranse en catro grupos de catro equipos cada un. Na primeira fase os equipos enfrontaranse entre eles disputando tres partidos cada un. Esta fase xogarase os días 5 e 6 de abril. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificarase para a fase final, mentres que o terceiro e cuarto xogarán a serie de consolación. A segunda fase disputarse os días 7 e 8 de abril e desenvolverase polo sistema de eliminación directa. As finais de cada categoría disputaranse o domingo 8 de abril pola mañá. Todos os partidos terán unha duración de dous tempos de 12 minutos cada un, excepto nas finais, onde cada parte terá unha duración de 15 minutos.

A competición será mixa polo que os equipos poderán estar formados por nenos e nenas. Haberá tres categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Os equipos da categoría prebenxamín disputarán o torneo na modalidade de fútbol 8, mentres que os rapaces e rapazas dos equipos benxamín e alevín participarán na modalidade de fútbol 7. A categoría prebenxamín está dirixida aos nenos/as nacidos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2004. A categoría de benxamín está dirixida aos nenos/as nacidos a partir do 1 de xaneiro de 2002 e na categoría alevín poderán participar os nenos/as nacidos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2000. O terno rexerase polas normas da FIFA e da Federación Española de Fútbol, sendo necesario que o Club inscrito esta en competición esta temporada.

A organización contará cun máximo de 16 equipos por categoría (prebenxamín, benxamín e alevín), que serán admitidos por rigorosa orden de inscrición, reservándose o dereito a incrementar algunha categoría en caso de necesidade. A inscrición, que é gratuíta, estará aberta ata o vindeiro 23 de marzo. Para inscribirse tan só é necesario cumprimentar o impreso de inscrición e enviala á dirección de correo electrónico a bertamiransfc@gmail.com. Calquera dúbida chamar ao número de teléfono 620 875 369.

Manuel Ferreiro tamén destacou que "para avanzar no fomento do deporte é imprescindible unha colaboración estreita entre as entidades privadas e a Administración e nós o estamos a exemplificar día a día. Esta mesma semana, asinamos os contratos de colaboración cos principais clubs do municipio para dar continuidade ás escolas deportivas, racionalizando gastos e garantindo a calidade do servizo para os usuarios. Eles son e serán sempre a nosa prioridade. Agora, a pioneira iniciativa do Bertamiráns FC permítenos continuar construíndo no Concello de Ames unha oferta deportiva, de lecer e tempo libre cada vez máis atractiva".

Por último o concelleiro de Deportes agradeceulle ao Bertamiráns FC "o esforzo que están a realizar para que o I Torneo de Fútbol Base "Ames Cup" sexa xa unha realidade. Confío, en que se traduza en todo un éxito".