Pestanas principais

O primeiro Torneo de fútbol base Ames Cup Verán disputarase do 29 de xuño ao 1 de xullo

Martes, 15 de maio de 2012

[15-05-2012] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá a presentación do I Torneo de fútbol base Ames Cup Verán, un evento organizado polo Bertamiráns FC e o Milladoiro SD e que conta coa colaboración do Concello de Ames. Este evento tamén conta co patrocinio de varias empresas como son Beirasar, Espina & Delfín e La Caixa. Esta competición celebrarase entre o 29 de xuño e o 1 de xullo no campo municipal de Bertamiráns e do Milladoiro. Este torneo dispútase na modalidade de fútbol 7 para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín. No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, o vicepresidente e director deportivo da modalidade de fútbol base do Bertamiráns FC, Alfonso Salgado, e o director deportivo da modalidade de fútbol base do Milladoiro SD, Vicente Javier González. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición para participar neste torneo.


O acto comezou coa presentación do torneo por parte do concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, que catalogou o acordo subscrito entre o Bertamiráns FC e o Milladoiro SD para organizar este torneo de “moi importante”. Segundo Ferreiro “trátase dos dous clubs con maior estrutura nas categorías de base do concello”. O Bertamiráns FC conta con preto de 400 nenos/as que compiten en oito categorías diferentes de fútbol base, mentres que o Milladoiro SD conta con 200 nenos/as pertencentes a 7 categorías de fútbol base.

O concelleiro de Deportes continuou dicindo “pódese dicir que esta é a primeira pedra que se pon entre estes dous clubs para poder desenvolver de xeito conxunto futuros proxectos. Creo que están traballando moi ben coas categorías de base e isto é algo primordial para fomentar o deporte entre a mocidade. Dende o Concello de Ames intentaremos darlle un pulo a este torneo traendo algún equipo de fóra de Galicia que serva de reclamo para o resto de participantes. Agardo que este torneo teña o mesmo éxito que a primeira edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup, que se celebrou durante Semana Santa”.

Por último o concelleiro de Deportes aproveitou para darlle as gracias as empresas Beirasar, Espina & Delfín e La Caixa que colaboran neste torneo. Ademais, dende os dous clubs deixaron aberta a porta a colaboración en futuros proxectos e incluso falaron da posibilidade de facer unha selección de Ames para participar nalgún torneo que se celebre fóra do concello.

Características do torneo

Esta competición celebrarase entre o 29 de xuño e o 1 de xullo no campo municipal de Bertamiráns e do Milladoiro. Este torneo dispútase na modalidade de fútbol 7 para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Haberá oito equipos por categoría completando un total de 40 equipos. Os grupos estarán formados por catro equipos cada un.

Na primeira fase os equipos enfrontaranse entre eles disputando tres partidos cada un. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificarase para a fase final, mentres que o terceiro e cuarto xogarán a fase de consolación. A segunda fase desenvolverase polo sistema de eliminación directa. A competición será mixta polo que os equipos poderán estar formados por nenos e nenas.

A inscrición, que é gratuíta, estará aberta ata o vindeiro 15 de xuño. Para inscribirse tan só é necesario cumprimentar o impreso de inscrición que se pode descargar na web do Concello de Ames e na web do Bertamiráns FC. A continuación hai que enviala á dirección de correo electrónico a bertamiransfc@gmail.com. Calquera dúbida chamar ao número de teléfono 620 875 369 ou entrar na web www.bertamiransfc.com