Pestanas principais

O primeiro exercicio 2024 de Augas de Ames EPEL deixa un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede

Xoves, 28 de maio de 2026

O Consello de Administración de Augas de Ames EPEL celebrou este martes, 26 de maio, unha sesión extraordinaria na que quedaron aprobados todos os puntos incluídos na orde do día, relativos á xestión económica, organizativa e de persoal da entidade pública empresarial. 

Entre os asuntos tratados, deuse conta do informe final da auditoría das contas da EPEL 2024 realizada pola Intervención do Concello de Ames, en colaboración coa empresa auditora BMAuditores. No informe final conclúe que as contas anuais 2024 presentadas por Augas de Ames EPEL expresan, en todos os aspectos significativos, a imaxe fiel do patrimonio e da situación financeira da entidade a data 31 de decembro de 2024, indicando as oportunas observacións e recomendacións. 

A auditoría recolle unha serie de observacións relativas a erros contables de devengo, amortizacións e dotación de provisións, que afectarían ao resultado inicialmente presentado do exercicio 2024, cifrado en 43.172,65 euros. Unha vez corrixidos e regularizados estes axustes contables, o resultado final real do primeiro exercicio de actividade da entidade (2024) elévase ata os 822.000 euros (resultado positivo), importe que nas contas do exercicio 2025 pasa a reservas voluntarias como resultado de exercicios anteriores, quedando ese remanente para actuacións en investimentos e melloras na rede. 

Na sesión tamén se informou das solicitudes de reclasificación profesional e das demandas xudiciais actualmente en curso presentadas por varios traballadores e traballadoras da EPEL. 

O presidente de Augas de Ames EPEL, Blas García, destacou “os resultados económicos do primeiro exercicio 2024 da entidade evidencian a solvencia e a capacidade de xestión da empresa pública, permitindo dispoñer dun importante remanente económico que será destinado á mellora e modernización das infraestruturas hidráulicas municipais”. 

Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, área á que está adscrita Augas de Ames EPEL, dixo que “a boa situación económica da entidade xa está permitindo impulsar actuacións concretas de mellora das infraestruturas hidráulicas municipais e xa se están a iniciar diferentes expedientes de contratación e licitacións públicas orientadas á renovación e mellora das redes de abastecemento e saneamento, así como á modernización das infraestruturas hidráulicas do municipio”.

A xerente, Genma Otero, indica que “con esta batería de acordos, Augas de Ames EPEL continúa avanzando na consolidación da súa estrutura organizativa, económica e de servizo público, reforzando a planificación da entidade e a mellora da súa capacidade de xestión”.

Asuntos abordados sobre o persoal da entidade
No ámbito de persoal, aprobouse a proposta de convocatoria e as bases específicas reguladoras do proceso selectivo para a incorporación e contratación, como persoal laboral indefinido, dun/dunha oficial de primeira de servizos, correspondente a unha praza incluída na Oferta de Emprego Público de 2025. 

Así mesmo, aprobouse a Oferta de Emprego Público de 2026, que contempla a cobertura de tres vacantes: unha praza de oficial de primeira de servizos, correspondente a unha vacante xerada por xubilación; unha nova praza de oficial de segunda de servizos; e unha nova praza de técnico/a de xestión do grupo A2, vinculada á área xurídico-económica. 

Adhesión á Central de Contratación da FEMP e á AEOPAS
Outro dos acordos adoptados foi a adhesión de Augas de Ames EPEL á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), co obxectivo de facilitar a contratación de subministracións e servizos a través dos contratos e acordos marco promovidos pola entidade. 

Tamén se aprobou a adhesión da entidade á Asociación Española de Operadores Públicos de Abastecemento e Saneamento (AEOPAS), unha decisión que permitirá reforzar a cooperación técnica e institucional con outros operadores públicos, acceder a asesoramento especializado, participar en estudos e ferramentas técnicas e fortalecer o modelo público de xestión da auga baseado no interese xeral, a sustentabilidade e a transparencia. 

Regulamento interno sobre o uso de vehículos de servizo da entidade
O Consello aprobou ademais o Regulamento interno sobre o uso de vehículos de servizo da entidade, co obxectivo de mellorar a organización, control e utilización eficiente dos medios materiais da empresa pública. 

Regulación provisional da gratuidade dos consumos municipais
Por último, aprobouse o acordo relativo á regulación provisional da gratuidade dos consumos municipais do Concello de Ames. O acordo recoñece expresamente os consumos vinculados a dependencias e servizos municipais como consumos propios ligados á prestación de servizos públicos, mantendo de forma transitoria a súa gratuidade mentres non se aprobe a correspondente modificación da ordenanza reguladora. O canon autonómico da auga continuará facturándose ao Concello de Ames. O acordo inclúe tamén un anexo cos puntos de subministración municipais afectados, que poderá actualizarse segundo as necesidades e evolución dos consumos. 

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Augas de Ames logra un remanente de 822.000 euros para mejorar y ampliar la red"

La Voz de Galicia: "Augas de Ames cerró el 2024 con 822.000 euros de remanente"

O primeiro exercicio 2024 de Augas de Ames EPEL deixa un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede

Multimedia

  • O primeiro exercicio 2024 de Augas de Ames EPEL deixa un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede
  • O primeiro exercicio 2024 de Augas de Ames EPEL deixa un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede
  • O primeiro exercicio 2024 de Augas de Ames EPEL deixa un remanente de 822.000 euros para investimentos na rede