[02-06-2016] A primeira asociación de sendeirismo e montañismo do concello de Ames, Rutasapie, vén de instalarse fai pouco tempo no Milladoiro. A súa presentación en sociedade terá lugar o sábado, 11 de xuño, colaborando na organización dunha ruta nocturna que une Noia con Santiago de Compostela. Esta saída conmemora a chegada de cruzados británicos ao “Portus Apostoli” de Noia no ano 1147. Trátase da primeira actividade na que colabora o recente nacido club Rutasapie, que traballa nunha programación para o que resta de ano, na que xa contan cunha viaxe ao parque natural Arribes del Duero para os días 24, 25 e 26 de xuño.
O presidente da asociación Rutasapie, Augusto Blanco, naceu en Noia polo que para el esta é unha oportunidade magnífica para colaborar coa súa vila natal e dar a coñecer o club. Varios membros de Rutasapie mantiveron xuntanzas co alcalde, José Miñones, Isabel González, concelleira da área de Turismo, e cos técnicos das áreas de Deportes e Turismo para analizar a posibilidade de programar actividades en conxunto.
Augusto Blanco explica que a ruta “Portus Apostoli” ten unha gran importancia histórica. Noia, historicamente coñecida como o porto de Compostela, recibiu no ano 1147 máis de 200 barcos procedentes das illas británicas dos que desembarcou un exército de cruzados que peregrinou ata o sepulcro do Apóstolo Santiago. Augusto, ademais, está familiarizado coa reivindicación da oficialización da mesma como Camiño de Santiago dunha serie de colectivos e concellos polos que transcorre a ruta, entre eles Ames. Xa se iniciaron xestións ante o Xacobeo e Patrimonio da Xunta de Galicia, pero o proceso puidera ser longo. Un paso máis para acadar este obxectivo será a sinatura dun protocolo de colaboración, mañá venres en Noia, entre os alcaldes dos nove concellos afectados: Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Compostela.
“Esta ruta nocturna ten unha extensión de 40 quilómetros, polo que se lle ofrece aos camiñantes servizo de avituallamento no camiño”, explica o presidente de Rutasapie, club encargado das inscricións e xestións dos autocares con saídas dende os concellos de Santiago, Ames e Brión. Non é a única saída que ten programada esta asociación, senón que xa contan cunha viaxe ao parque natural Arribes del Duero para os días 24, 25 e 26 de xuño. Aquelas persoas que estean interesadas nas rutas ou en obter máis información da asociación poden chamar aos teléfonos 628287957 ou 675680159, ou enviar un correo electrónico ao enderezo clubrutasapie@gmail.com.
Programa do camiño Portus Apostoli
Aquelas persoas que desexen realizar a ruta nocturna Noia-Santiago coa asociación Rutasapie terán autocares gratuítos en dirección Noia tanto dende o aparcadoiro de Santa Marta en Santiago de Compostela, ás 23:00 horas; como dende o aparcadoiro do Carrefour en Bertamiráns, ás 23:30 horas; ou dende a praza do Concello de Brión, ás 23:50 horas.
Ás 01:00 horas, os e as camiñantes xuntaranse na Praza do Tapal de Noia; ás 01:15 horas recibirán a súa credencial de peregrino, para iniciar a andaina ás 01:30 horas. As campás da Igrexa de San Martiño repicarán para darlles a despedida. Corenta quilómetros separan a praza do Tapal da praza do Obradoiro. O grupo recibirá avituallamento na Capela de santa Minia, no concello de Brión. Chegados xa á carballeira de San Lourenzo un autocar recollerá as súas mochilas, xa que non están permitidas na catedral de Santiago de Compostela.
A organización calcula a hora de chegada ao Obradoiro en torno as 12:00 horas. A comitiva entrará á catedral pola Porta Santa para asistir á Eucaristía ás 13:15 horas. Ás 14:30 horas sairán os autocares con destino aos lugares de orixe dende o aparcadoiro de San Xoán XXIII. As persoas que participen no xantar, que se celebrará na Hospedaría de san Martíño Pinario, ás 14:45, dispoñerán de autocar de regreso ás 17:00 horas, tamén dende Xoán XXIII. As persoas interesadas poden atopar máis información na páxina: http://www.portus-apostoli.es/programa.html
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Nace una asociación para el senderismo con ruta propia"
La Voz de Galicia:" Nueve concellos unidos en la promoción del Camino"




