Pestanas principais

O primeiro campus de baloncesto de Ames clausurouse co reparto de agasallos

Martes, 12 de xullo de 2016

[12-07-2016] A primeira fin de semana de xullo clausurábase o primeiro campus de baloncesto celebrado en Ames, organizado polo Club Básquet Ames e polo Club de Baloncesto Rosalía de Castro, e que contou coa colaboración do Concello de Ames. Un total de 40 rapazas e rapaces, de entre os 7 e os 16 anos de idade, participaron nesta edición e recibiron, no acto de clausura celebrado no pavillón polideportivo do Milladoiro, a despedida do alcalde de Ames, José Miñones, do presidente do club amesán de básquet, José Luís Penas, do baloncestista Pablo Hernández, que xoga en Estados Unidos, e dos adestradores amesáns e do Rosalía de Castro que ensinaron á rapazada durante o campus.


O alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, destacou que “o obxectivo do goberno municipal é promocionar e potenciar o deporte en Ames, polo que dende o primeiro momento no que nos transmitiron a idea de organizar este campus apoiámola sen dubidalo un só instante. En Ames xa hai outros campus pero este é o primeiro que se celebrou na modalidade de baloncesto, polo que agardamos que teña continuidade e se consolide no tempo”.

Moito baloncesto; exercicios para mellorar o tiro, os pases ou a estratexia na pista, pero tamén xogos, excursións ás piscinas municipais ao aire libre e unha visita ao parque acuático de Cerceda. Os e as participantes do primeiro campus de baloncesto celebrado no concello de Ames tiveron tempo para coñecerse mellor, divertirse xuntos e aprender dos adestradores do Club Básquet Ames e do Club de Baloncesto Rosalía de Castro. Os monitores cos que pasaron a semana do 27 de xuño ao 1 de xullo foron os encargados, xunto co alcalde de Ames e do presidente do club de básquet e membros do club de Baloncesto Rosalía de Castro, de despedilos, agasallalos con material deportivo e desexarlles verse dentro dun ano.

O presidente do Club Básquet Ames, José Luís Penas, destacou “a boa acollida que tivo este campus entre a poboación moza do concello, xa que a pesar de ser a primeira edición desta iniciativa xuntamos uns 40 rapaces e rapazas de idades moi diversas. O noso obxectivo é consolidar este campus durante as vacacións estivais”. “Tamén queremos que a través desta iniciativa as rapazas saiban que hai clubs en Ames para practicar baloncesto e sexa un deporte de práctica masculina e feminina”, finalizou dicindo Penas.