[02-11-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a Concelleira de Medioambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín Vicente, asistiron esta mañá a unha recepción na empresa de material sanitario Conic Vascular España. Dende o ano 2008, Conic Vascular España ten a súa sede en Bertamiráns localidade que o presidente da empresa, Manuel Parente, considera moi apropiada para o desenvolvemento e fabricación de produtos de cardioloxía e radioloxía intervencional e para o a súa posterior comercialización. A firma ten a súa sede central en Lugano (Suíza), pero elixiu Bertamiráns e Cedeira para ter outra sede e un laboratorio.
As instalacións de Bertamiráns sitúanse nun local de 400 metros cadrados, na rúa de Entrerríos. Hoxe a empresa ten representación nuns 40 países coma Estados Unidos, Brasil, Exipto, India, Rusia, China...Conic Vascular conta ademais co ISO 13485/2007, un certificado do sistema de calidade e de fabricación que lle permite fabricar produtos de uso hospitalario para todos os países e empresas do mundo. Manuel Parente explicou ademais que a empresa abrirá proximamente en Cedeira un laboratorio.
O presidente de Conic Vascular presentoulle ao rexedor amiense, Santiago Amor e á concelleira Eugenia Martín, as instalacións que ten a empresa en Bertamiráns, así como os produtos patentados. O produto estrela da empresa é o Balón Cónico, único no mundo, que ten a forma do sistema arterial. Tamén teñen, entre outros, o stent para nenos, que permite o seu crecemento sen necesidade de cambialo someténdoos a varias operacións de corazón dende a nenez ata que son adultos.
Santiago Amor e Eugenia Martín agradeceron o interese desta empresa por darse a coñecer e manifestaron a dispoñibilidade do Concello de Ames para todo aquilo no que a Administración local poida serlle útil a esta empresa en crecemento e que está a facer unha clara aposta por Ames, co que isto implica economicamente para o municipio.




