Pestanas principais

O presidente da Xunta visita as instalacións do futuro IES de Ames para coñecer o estado das obras de cara á apertura do centro no vindeiro curso

Martes, 18 de xuño de 2013

[18-06-2013] O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, desprazouse onte ata O Milladoiro para realizar unha visita ás instalacións do futuro instituto co obxectivo de coñecer de preto o estado das obras de cara á apertura do centro no vindeiro curso. Nesta visita para examinar o estado dos traballos de construción do futuro centro educativo, o presidente estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e por varios membros do Goberno municipal.

Respecto ao novo IES Milladoiro, que estará en funcionamento o vindeiro curso e no que a Xunta investiu 6 millóns de euros na obra e no equipamento, Feijóo remarcou que demostra, unha vez máis “o compromiso permanente do Goberno galego co ensino público”. Así mesmo, a construción deste instituto “é unha constatación de que, por fin, esta localidade importante na área metropolitana urbana de Santiago, ten unha oferta educativa pública de calidade e tamén é unha resposta a unha demanda histórica” do municipio, incidiu.

Pola súa banda, o rexedor amiense  subliñou que a próxima posta en marcha deste IES foi un compromiso do equipo de Goberno popular, que cumpriu coa palabra dada e que coas súas xestións contribuíu a que a partir do vindeiro curso se poña en marcha un centro educativo que permitirá cubrir parte das necesidades de prazas escolares que presenta esta localidade. 

O futuro IES Milladoiro contará cun programa formativo de 4 liñas de ESO e 2 liñas de Bacharelato nas dúas modalidades –Ciencias e Humanidades-; albergará 22 aulas polivalentes e 2 de pequeno grupo -16 de ESO e 8 de Bacharelato-, 3 laboratorios, 2 aulas taller, 2 aulas de plástica, 1 de debuxo, 2 aulas de música e 2 de informática, ademais das instalacións deportivas; e arrancará cun equipo docente de arredor de 25 profesores, co obxectivo de ilo incrementado ata case duplicalo e chegar a preto de 50.