Pestanas principais

O presidente da Xunta comprométese a licitar este ano o novo centro de saúde do Milladoiro no acto de inauguración da ETAP de Ames-Brión

Venres, 26 de febreiro de 2016

[26-02-2016] Esta mañá inaugurouse a Estación de Tratamento de Auga Potable Ames-Brión, que dispón dunha capacidade de 175 litros por segundo, para dar cobertura e servizo a máis de 50.000 veciños e veciñas de Ames e Brión, e uns 100.000 nunha estimación futura. Ao acto de inauguración asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Ames, José Miñones, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, os voceiros dos grupos municipais que forman parte do goberno municipal, así como a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas, e o director técnico da obra, José María García.


Investimento de 8,7 millóns de euros
A continuación interveu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que subliñou que “a ETAP Ames-Brión, cun investimento de 8,7 millóns de euros, representa o grande esforzo orzamentario feito para dotar dun sistema de abastecemento propio a dous concellos en crecemento; dous concellos que forman parte dunha das áreas máis dinámicas como é a comarca de Compostela”.

Feijóo tamén destacou que “o plantexamento da Xunta de Galicia en relación co abastecemento de auga é que chegue a auga en Galicia a todos os núcleos que superen os 50 habitante, con independencia do lugar, e proseguir coas obras de saneamento das rías e dos ríos galegos. É un obxectivo ambicioso pero a auga é fundamental para a garantía da saúde publica”. Para iso anunciouse unha mobilización para este ano 2016 de 90 millóns de euros para acometer obras de saneamento e abastecemento.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando a aposta do Goberno galego pola eficiencia, pola cooperación e pola prestacións de servizos comúns como están levando a cabo os Concellos de Ames e Brión. E, consciente do incremento da poboación de Ames, referiuse tamén a outras actuacións que a Xunta está a levar a cabo no concello de Ames, tanto en materia educativa como no eido da sanidade.

Centro de saúde do Milladoiro
Sobre o centro de saúde do Milladoiro o presidente da Xunta recolleu a proposta lanzada polo alcalde de Ames e adiantou que onte chegou á Consellería de Sanidade a documentación enviada polo Concello de Ames sobre a construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Núñez Feijóo explicou que a Xunta avaliará de xeito inmediato a documentación enviada polo Concello, co obxectivo de poder construír un novo centro de saúde no Milladoiro. “Avaliaremos a documentación para, se é posible, facer o proxecto construtivo e a licitación do novo centro neste ano 2016”, adiantou o presidente da Xunta.

Ampliación do servizo de abastecemento ata O Milladoiro
O rexedor de Ames aproveitou a ocasión para pedirlle a Núñez Feijóo a colaboración da Xunta para ampliar o servizo que presta esta ETAP ata a localidade do Milladoiro. “Na actualidade esta ETAP non dará servizo a todo o concello de Ames facéndose necesaria un importante investimento de canalización para dar cobertura ao resto do noso Concello. É preciso executar a canalización necesaria para que esta ETAP abasteza tamén ao núcleo principal do noso Concello, como é O Milladoiro. Non tería sentido doutro xeito que unha instalación como a que hoxe se inaugura, non preste o servizo a case a metade da nosa poboación ,e que o Concello de Ames teña que seguir comprando auga ao Concello veciño de Santiago para abastecer ao Milladoiro e unha parte de Teo”, apuntou Miñones.

Sobre o modelo de xestión desta instalación José Miñones dixo que “na actualidade Ames está inmersa nun proceso de licitación do ciclo integral da auga e mantendo a declaración de emerxencia para o seu abastecemento a través da empresa concesionaria. Esta motivación, xunto co feito da necesidade de deseñar unha xestión conveniada entre os Concellos que permita regularizar a explotación da ETAP, fai que ambos alcaldes teñamos solicitado á Xunta de Galicia que a explotación desta nova instalación sexa realizada a través de Augas de Galicia ou ben a través da propia sociedade encargada da obra, en concepto de garantía, e como así sucede noutros puntos de Galicia”.

Por último, o alcalde de Ames solicitoulle ao presidente da Xunta axuda en temas tan importantes e necesarios como a construción do novo centro de saúde do Milladoiro, a mellora das instalacións do centro de saúde de Bertamiráns, e a execución dun novo centro educativo.

Esta mañá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do alcalde de Ames, José Miñones, da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, do director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e dos voceiros dos grupos municipais que forman parte do goberno municipal, así como da concelleira de Medio Ambiente de Ames, a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas, e varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal de Ames visitaron a Estación de Tratamento de Auga Potable Ames-Brión para participar no acto de inauguración desta nova infraestrutura que dará servizo á veciñanza dos concellos de Ames e Brión.

As autoridades da Xunta de Galicia e dos Concellos de Ames e Brión, que estiveron acompañados do director técnico de obra, José María García Regueira, realizaron unha visita polas instalacións da nova ETAP. Deste xeito, accederon á Estación pola sala de cadros, e a continuación, visitaron a área de pretratamento, á oficina de control, e a zona de filtrado. Por último, o director técnico da obra realizoulles unha explicación técnica sobre un panel que estaba colocado na sala de bombeo.

A ETAP, que se sitúa preto da aldea da Ponte Maceira, dispón dunha capacidade de 175 litros por segundo para dar servizo aos municipio de Ames e de Brión, sendo máis de 50.000 os habitantes beneficiados coa súa posta en marcha y uns 100.000 nunha estimación futura. O proxecto inclúe 12 quilómetros de tubaxe, así como un deposito de regulación e de cabeceira de 10.000 metros cúbicos que se conecta por gravidade e subministra auga cara os depósitos xa existentes en Ames e Brión.

Para a execución desta ETAP a Xunta de Galicia achegou 8,1 millóns de euros, mentres que o Concello de Ames puxo 400.000 euros e o Concello de Brión aportou 200.000 euros, sumando un investimento total de 8,7 millóns de euros.

Trala visita o alcalde de Ames, José Miñones, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceron diante dos medios de comunicación. En primeiro lugar, Miñones agradeceulle á Xunta de Galicia “o traballo realizado para facer realidade esta instalación tan necesaria para os Concellos de Ames e Brión, que axudará a paliar os problemas de abastecemento que temos durante os meses de verán. Tamén aproveito para escusar a ausencia do alcalde de Brión que hoxe non nos pode acompañar como a el lle gustaría ao ter pleno na Deputación de A Coruña”.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"A Maía estrena ETAP y Feijóo anuncia el centro de salud para Milladoiro"
La Voz de Galicia:"Feijoo inaugura la potabilizadora de Ames y Brión, que aún no funciona"
La Voz de Galicia:"El Concello pide a la Xunta que asuma la potabilizadora mientras decide su modelo de gestión del agua"