[26-01-2016] O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou esta mañá unha visita institucional ao Concello de Ames e asinou no libro de honra do Concello. Neste encontro o presidente do organismo provincial mantivo unha xuntanza co goberno municipal e outros concelleiros da corporación, pertencentes aos grupos municipais do Partido Popular e Ciudadanos. Nesta visita tamén participaron o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira. Tras esta reunión desprazouse á planta de Feiraco para realizar unha visita polas instalacións desta cooperativa, onde foi recibido polo presidente de Feiraco, José Montes, e polo director xeral da cooperativa, José Luís Antuña. Nesta visita tamén participaron o alcalde de Ames, José Miñones, e o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas.
En primeiro lugar realizouse un encontro aberto no salón de plenos da Casa do Concello no que participaron o alcalde de Ames, José Miñones, os voceiros dos grupos municipais que forman parte do goberno, do PSdeG-PSOE, Blas García, Contigo Pódese, Genma Otero, e BNG, David Santomil, as concelleiras de Medio Ambiente, Catuxa García, Promoción Económica, Isabel González, e Servizos Sociais, Luísa Feijóo, así como outros concelleiros da Corporación, pertencentes aos grupos municipais do Partido Popular e Ciudadanos. Por parte da Deputación asistiron o presidente deste organismo, Valentín González Formoso, o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira.
O alcalde de Ames, José Miñones, deulle a benvida ao Concello de Ames ao presidente da Deputación da Coruña e destacou a necesidade de establecer uns criterios no reparto de axudas provincias acordes ás características de concellos como Ames. “Somos o concello máis xoven de Galicia cunha idade media de 38 anos e o municipio con maior crecemento vexetativo e con maior número de nacemento ao ano. Ademais, temos dúas grandes localidades de poboación como son Bertamiráns, que conta con preto de 9.000 habitantes, e O Milladoiro que roza os 13.000 veciños/as. Iso provoca que teñamos que duplicar os investimento en infraestruturas”, explicou Miñones.
O rexedor amesán continuou dicindo “mentres que en concellos como Fene ou Padrón, que teñen unha poboación similar a do Milladoiro e Bertamiráns respectivamente, poden investir as achegas da Deputación nunha soa infraestrutura como poden ser un pavillón e cubrir así as necesidades da poboación, en Ames isto non acontece tendo que duplicar dita inversión para non crear discriminacións entre a veciñanza amesá. Así temos dous pavillóns, dúas casas da cultura, dúas oficinas administrativas, etc, tendo ademais a obriga de levar a cabo o seu mantemento. Asemade, na actualidade estas instalacións xa son insuficientes debido ao gran crecemento de poboación que temos en Ames xa que estamos preto de alcanzar os 31.000 habitantes. Nos últimos 16 anos duplicamos a poboación”.
Miñones tamén destacou que “hai que sumar unha terceira pata, e non menos importante, como é o rural amesán que conta cunha gran extensión de 9 parroquias que suman un total de 9.000 veciños e veciñas. Deste xeito o reparto das axudas da Deputación debería ter en conta estas particularidades, xa que Ames recibe por exemplo 500.000 euros de fondos do POS e concellos cunha poboación similar a que ten O Milladoiro reciben entre 250.000 e 400.000 euros, e municipios cunha poboación como ten Bertamiráns perciben fondos por valor de arredor de 250.000 euros. É evidente que a suma dos dous principais núcleos urbanos de Ames queda por debaixo das cantidades doutros concellos cunha poboación similar a destas localidades, sen que polo tanto os 9.000 veciños do rural sexan tidos en conta nestes plans. Para finalizar pídolle a Deputación que teña en conta estas particularidades para que a se faga unha corrección nas achegas provinciais en base a esta realidade”.
Plan provinciais baseados en criterios obxectivos
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, explicou que “nesta lexislatura a Deputación trata de traballar cada vez máis a través de plans. A través de distintos plans Ames recibiu 687.000 euros a través do PAS, 503.000 euros a través do tradicional POS, e 447.000 euros a través do PAI, un préstamo concedido sen intereses”.
“A nosa idea é sacar ao longo deste ano outra serie de plans que se adxudicarán seguindo criterios puramente obxectivos. Estamos traballando nun plan de recuperación do patrimonio histórico que estará dotado de aproximadamente 2 millóns de euros e un plan medioambiental dotado de 2,5 millóns de euros destinados a proxectos que vaian dende a substitución do alumeado público para o aforro enerxético, pasando pola contratación de cuadrillas para o mantemento e as labores de conservacións de parques e xardíns ou dar un pulo ás enerxías renovables”, explicou Valentín González.
O presidente da Deputación tamén destacou que “un plan prioritario desta lexislatura, transversal a todas as políticas da Deputación, será o de solicitar aos servizos técnicos correspondentes a tradución de calquera iniciativa ou acción política a un número de horas de traballo, de unidades laborais. Entendemos que o paro segue sendo o problema real que ten esta sociedade e que segue habendo unha taxa desbocada de paro nos concellos da provincia. Iso conleva a unha situación difícil para os Concellos e, polo tanto, tamén para a Deputación. Este plan de emprego significa que pasamos dunha dotación de 1,2 millóns de euros a case 6 millóns de euros. Estableceranse bases que pretenden dotar aos Concellos da posibilidade de contratar a persoal para cubrir, sobre todo, as limitacións de contratacións que impón a Lei de Sostibilidade e Racionalidade da Administración Local”.
Por outra parte, en coordinación coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña está intentando crear un plan social, xa que hai xente que é imposible incorporar a un posto de traballo, por distintos motivos, o cal supón un problema para os Concellos. Sobre este asunto, Valentín González, dixo que “esa xente debe ter unha mínima saída laboral durante o ano, aínda que sexa mínima. Asignarase unha cantidade de fondos ao empredurismo, aos emprendedores, aos que consideramos o futuro. Os emprendedores xeran postos de traballo, e debemos apoialos, a pesar de que somos conscientes de que hai iniciativas que se caen polo camiño. É moito máis difícil conseguir que unha gran empresa se implante no teu territorio”.
Reunión de traballo interna
De seguido, desenvolveuse unha xuntanza interna na que o rexedor amesán trasladoulle ao presidente da Deputación algunhas das necesidades de Ames a curto e medio prazo. José Miñones explicoulle a Valentín González que de forma inminente comezarán as obras que permitirán finalizar o cemiterio municipal dos Batáns. O goberno municipal acondicionará o cemiterio a través do PAI. Tres cuartas partes desta subvención provincial, 333.250 euros, serán invertidos no arranxo e mellora das instalacións deste cemiterio. Está previsto que esta instalación estea en funcionamento antes do remate do primeiro semestre de 2016.
Nesta xuntanza de traballo tamén se analizou a situación das instalacións deportivas amesás. Os núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro contan con dous pavillóns polideportivos e un campo de fútbol cada un, insuficientes para dar acollida aos máis de 3.000 rapaces e rapazas que practican deportes de base no municipio.
O proxecto conxunto de Teo e Ames para dar saída á Travesía do Porto do Milladoiro coa construción dunha rotonda e un viario tamén foi posto enriba da mesa. Trátase da mellora dun camiño, que vai dende a estrada provincial DP-0206 ata a rotonda da N-550 que está á altura do Supermercado Gadis. O Concello de Teo está elaborando un proxecto para enviarllo á Deputación da Coruña co obxectivo de conseguir o financiamento necesario para poder pavimentar esta vía. Deste xeito, o concello de Ames disporía dunha nova saída dende a Travesía do Porto e dende o polígono Novo Milladoiro. Ao mesmo tempo, para o concello de Teo permitiríalle dispor dunha nova saída para os veciños e veciñas do lugar da Agrela.
Outro asunto tratado nesta reunión foi a necesidade de mellorar a seguridade viaria en tres puntos da estrada DP-0205 coa construción de pasos de peóns elevados. Estes puntos están situados na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns, na rotonda situada diante do CEIP Agro do Muíño, e no lugar de Firmistáns. Tamén se abordou a necesidade de revisar o espazo existente entre os barrotes da pasarela da ponte da Condomiña na estrada DP-0205, que segundo algúns veciños/as están moi separados o que ocasiona un perigo para os nenos/as.
Por último, falouse da necesidade de adquirir unha nova furgoneta para a Rede Municipal de Comedores Escolares e sobre a mellora do sistema de recadación que xestiona a Deputación.
Visita á planta cooperativa de Feiraco
Tras esta reunión, o presidente da Deputación da Coruña desprazouse á planta de Feiraco para realizar unha visita polas instalacións desta cooperativa, onde foi recibido polo presidente de Feiraco, José Montes, e polo director xeral da cooperativa, José Luís Antuña. Nesta visita tamén participaron o alcalde de Ames, José Miñones, e o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas, o deputado de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira.


Contido relacionado

La Voz de Galicia:"Ames solicita fondos provinciales para el servicio de comedores y sedes deportivas"
La Voz de Galicia:"La Diputación mejorará el vial a Ponte Nafonso sin hacer expropiaciones"
El Correo Gallego:"Atención provincial a la bicefalia amiense y el vial a Ponte Nafonso"




