Pestanas principais

O presidente da Deputación da Coruña presenta na Casa do Concello o proxecto da senda peonil que discorre entre A Condomiña e Agro do Muíño

Xoves, 26 de xaneiro de 2017

[26-01-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, recibiu na Casa do Concello ao presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González, que visitou o concello de Ames para presentar o proxecto da senda peonil que se vai executar na estrada provincial DP 0205, que irá dende Bertamiráns ata Agro do Muíño (entre os puntos quilométricos 0,780 e 1,830). A través desta actuación, para a que se dispón dunha achega da Deputación de 533.097,12 euros, mellorarase a seguridade peonil nesta zona pola que transitan moitas persoas. Ademais, a Deputación da Coruña achegará unha axuda de 20.000 euros, aos que hai que engadir 5.000 euros de fondos propios do Concello, para a adquisición dunha nova furgoneta para a Rede Municipal de Comedores Escolares.

Furgoneta para a Rede Municipal de Comedores Escolares
Trala presentación de dito proxecto, o alcalde, o concelleiro de Educación e Cultura e o presidente da Deputación da Coruña, acompañados de varios membros do goberno municipal, visitaron o comedor do CEIP Agro do Muíño. A Deputación da Coruña achegará unha axuda de 20.000 euros, aos que hai que engadir 5.000 euros de fondos propios do Concello, para a adquisición dunha nova furgoneta para a Rede Municipal de Comedores Escolares. Nos vindeiros días asinarase un convenio entre ambas entidades para a adquisición da nova furgoneta.

O concelleiro de educación e Cultura, David Santomil, indica que “actualmente o Concello de Ames dispón dunha furgoneta de titularidade provincial, para realizar o servizo de reparto dos menús escolares, que ten máis de 20 anos, polo que dende o goberno cremos que é necesario adquirir un novo vehículo para poder desenvolver este traballo cunhas mellores condicións e prestacións”.


Gran corredor saudable
O rexedor municipal, José Miñones, agradeceu a presencia do presidente da Deputación, para facer a presentación deste proxecto diante dos veciños e veciñas de Ames, e as xestións feitas polo deputado provincial José Manuel Pequeño. “Trátase dun investimento de gran calado para o concello de Ames xa que se van investir máis de 500.000 euros para conectar Bertamiráns co CEIP Agro do Muíño a través dunha senda peonil. Este proxecto vai a repercutir de xeito positivo na veciñanza porque permitirá construír unha senda verde que discorrerá de forma paralela á estrada provincial DP 0205, mellorando deste xeito a seguridade de todos os peóns. Dende este goberno temos a idea de facer un gran corredor saudable para que os veciños e veciñas poidan facer deporte e camiñar con total seguridade”, explicou Miñones.

Por outra banda, o presidente da Deputación, Valentín González, dixo que “a realidade de Ames require que vexamos como podemos axudar a un goberno que ten claro cal é o seu escenario, con xente nova e onde a xente maior tamén ten cabida. Esta infraestrutura vale tanto para xente nova como para xente maior. En calquera caso é unha inversión en seguridade viaria para unha Deputación que no ano 2016 fixo unha inversión de tres millóns e medio de euros en sendas, con 16 actuacións en 27 quilómetros. Imos incrementar a dotación orzamentaria este ano para sendas e queríamos comezar pola maior, que é esta de Ames, con 533.000 euros”.

Valentín González engadiu que “é unha senda de 1.100 metros, 990 metros por unha marxe e 120 pola outra, cun prazo de execución de 6 meses e cun ancho de 1,80 metros. Quero dar as grazas de antemán polas molestias que poderán ocasionar as obras, pero seguro que cando veñamos gozala nos recibirán cun sorriso moi amplo. Recollo o guante do alcalde e do goberno municipal, porque non nos imos quedar só nesta inversión de medio millón de euros e vamos a seguir investindo en novos proxecto para Ames”.

A presentación deste proxecto correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, e do presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González, que estiveron acompañados do deputado provincial, José Luís García, así como de todos os concelleiros e concelleiras do goberno municipal e algúns dos edís dos grupos municipais con representación na corporación municipal. Ademais, a este acto asistiron membros da Asociación de Veciños Agro do Muíño, da Asociación de Mulleres de Ortoño, da ANPA do CEIP Agro do Muíño e outros veciños e veciñas que se interesaron por este asunto.

Esta obra enmárcase dentro do plan provincial de sendas peonís de 2016 (terceira fase), que foi aprobado en pleno da Deputación da Coruña o pasado 29 de xullo de 2016. Dito plan recolle investimentos por importe de máis de 3,6 millóns de euros para a mellora da rede viaria provincial nos concellos coruñeses. Desta contía ao Concello de Ames correspóndenlle 533.097,12 euros para executar unha senda peonil entre Bertamiráns e Agro do Muíño. O proceso de licitación desta obra abriuse o pasado 3 de xaneiro e a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas poderase facer ata o 29 deste mes. Está previsto que nun prazo aproximado de 2 meses dito proxecto estea adxudicado co obxectivo de que poidan comezar as obras.

Este proxecto recolle a construción dunha senda peonil para mellorar a seguridade viaria na estrada DP 0205 (Bertamiráns-A Ramallosa), que disporá de 1,80 metros de ancho por 1,110 metros de lonxitude (990 metros pola marxe esquerda e 120 metros pola dereita). Para a súa construción empregarase unha base de zahorra e pavimento de formigón. Inclúese a canalización de pluviais e iluminación e a construción de seis muros de contención de bloque de granito, así como a colocación de nova sinalización horizontal. Para executar este proxecto non é necesario facer expropiacións xa que dita senda discorre integramente por terreos expropiados no seu día pola propia Deputación.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las obras de la senda peatonal del colegio Agro do Muíño de Ames durarán seis meses"
El Correo Gallego: "La Diputación une Bertamiráns y Agro do Muíño con una senda"