[11-04-2018] Quedan xa poucos días para participar no certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Velaquí unha das iniciativas incluídas dentro do proxecto Enreguéifate -impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo-, co que se procura que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar.
Para participar debe enviarse un vídeo regueifando a través da web www.enregueifate.gal, onde se atopa toda a información, incluídas as bases completas e as pezas gañadoras da anterior edición. A inscrición é aberta e de balde e pode facerse en dúas categorías: unha xeral e outra escolar. A temática é libre, pero entre outros requisitos debe terse en conta que o vídeo non poderá superar os tres minutos de duración e que nel deberán saír cando menos dúas persoas regueifando en lingua galega. En cada categoría haberá premios para a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada.
Na anterior edición participaron no certame máis dun cento de persoas de todo o país e desta volta xa se recibiron diversas propostas, se ben nestes últimos días é cando está chegando un maior número de vídeos. A participación procede do ámbito educativo mais tamén do público en xeral, ao que animamos a enviar os seus vídeos regueifando.
Encontro Regueifesta
Os premios daranse a coñecer o 23 de abril e a entrega terá lugar o 2 de maio no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, durante o III Encontro Regueifesta de improvisación oral en verso para centros de ensino galegos.
Nesta actividade didáctica intervirán rapazas e rapaces da nova xeración galega do repentismo, así como alumnado de Euskadi e de Catalunya, que improvisarán ao xeito do bertsolarismo e da glosa. Dinamizarán o acto os/as regueifeiro/as Alba María, Josinho da Teixeira, Lupe Blanco, Séchu Sende e Manolo Maseda; e inclúense tamén diversas intervencións musicais. Proximamente abrirase o prazo de inscrición para asistir a este evento.
Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "El plazo para presentar vídeos al certamen Enreguéifate acaba el próximo día 15 de abril"
La Voz de Galicia: "O xurado da segunda edición do certame Enreguéifate terá que elixir entre máis de 70 vídeos"




