Pestanas principais

O prazo para preinscribirse e renovar praza nos servizos complementarios do Concello de Ames remata o próximo venres

Martes, 10 de abril de 2012

[10-04-2012] O Concello de Ames lembra que o próximo venres día 13 de abril remata o prazo para que os usuarios dos servizos complementarios municipais formalicen a preinscrición e renovación de praza para o curso 2012-2013 na rede de comedores escolares e nos programas “Bos días cole” e “Tardes divertidas”. Por primeira vez, os interesados poden realizar este ano a tramitación administrativa das súas solicitudes a través do portal www.conciliames.org, o sistema on line habilitado polo Concello de Ames co obxectivo de facer a xestión máis sinxela para os interesados. As persoas que non dispoñan das ferramentas informáticas necesarias para poder facer esta xestión de forma on line terán a súa disposición ao persoal do departamento municipal de Educación. Deberán achegarse ata o Departamento de educación de Bertamiráns ou as oficinas municipais do Milladoiro. Alí o persoal municipal realizará estes trámites por eles de forma telemática.

Segundo os datos recabados pola Concellaría de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, a resposta dos usuarios ante o novo sistema on line está a ser “moi satisfactoria”, xa que o 43,21 por cento das 1.333 solicitudes recibidas desde o pasado 8 de marzo foron presentadas xa a través desta ferramenta web. En detalle, do total de 576 solicitudes presentadas a través do portal www.conciliames.org, 190 corresponden a preinscricións e 386 a renovacións. De forma desglosada, para a rede de comedores presentáronse 396 solicitudes (120 preinscricións e 276 renovacións), para o programa “Bos días cole” tramitáronse 123 solicitudes (47 preincricións e 76 renovacións) e para o programa “Tardes divertidas” un total de 57 solicitudes (23 preinscricións e 34 renovacións). Do mesmo xeito, das 757 solicitudes tramitadas a través do departamento municipal de Educación, 641 son renovacións.

O Concello de Ames lembra que os usuarios que desexen obter praza por primeira vez terán que realizar a correspondente preinscrición no prazo aberto aberto ata o día 13 e, de igual xeito, os que xa estean de alta nestes servizos actualmente deberán renovar a súa praza. No caso de non realizar a renovación no período de tempo estipulado, perderase a praza. O mesmo acontece se teñen algunha débeda pendente co Concello de Ames. Desde o departamento de Educación incídese en que para rexistrar correctamente as solicitudes de preinscrición ou renovación, os interesados deben facer entrega do correspondente resgardo no Rexistro Municipal.

A partir do mes de xuño abrirase o prazo para formalizar a matrícula de cara ao vindeiro curso 2012-2013.

Sistema áxil e novidoso

O Concello de Ames recomenda realizar a preinscrición e renovación dos servizos complementarios de forma telemática para axilizar a xestión do proceso administrativo. Para acceder ao portal www.conciliames.org tan só é preciso entrar na web municipal e premer no banner que está na cabeceira do portal municipal. Ao premer neste banner entrarán noutra páxina web onde poderán realizar todas as operación de renovación e preinscrición. Primeiro terá que darse de alta no servizo como novo usuario/a. Para iso hai que premer en crear conta. Despois xa se poderá iniciar sesión para facer as xestións que se estimen oportunas. Unha vez feita a preinscrición ou renovación haberá que imprimir un resgardo que se entregará no Rexistro Municipal.

Ademais, entrando nesta páxina web os usuarios/as dispoñen dun simulador de cotas. Introducindo os datos que se solicitan os veciños/as amiense poderán saber que cota terán que pagar por ser usuarios/as de calquera dos servizos complementarios.

Conciliación de vida familiar e laboral

Os servizos complementarios teñen como principal obxectivo conciliar a vida familiar e laboral de todos os veciños e veciñas de Ames. Durante este curso son 1.407 os nenos e nenas que participan nas actividades dos servizos complementarios, o que amosa o éxito destes programas educativos. O servizo da rede de comedores escolares, do que na actualidade se benefician un total de 1.064 nenos/as, está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, funcionando actualmente no CEIP A Maía, no CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimentario sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Os programas Bos Días Cole e Tardes divertidas desenvólvese tamén en cinco centros educativos como son o CEIP A Maía, o CEIP Agro do Muíño, no CEIP de Barouta, no CEP de Ventín e na EEI Milladoiro. Ambos os dous programas están dirixidos ao alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e Primaria. Actualmente no Bos Días Cole participan 232 usuarios/as, mentres que no programa Tardes Divertidas participan un total de 111 usuarios.

Para máis información pódese poñer en contacto co departamento de Educación en Bertamiráns chamando ao teléfono 981 891 476.