[04-05-2012] Os alumnos e alumnas que cursan segundo e terceiro ciclo de educación primaria no Concello de Ames poden presentar ata o vindeiro martes, 8 de maio, as creacións literarias coas que queiran participar na cuarta edición do Certame Artístico-literario Intercentros que organiza o Concello. Os rapaces e rapazas poderán elaborar creacións literarias tanto no eido da poesía como no da narrativa. Nesta edición, a temática xirará arredor da necesidade da protexer a diversidade en xeral e a lingüística en particular. Os premios entregaranse o 17 de maio de 2011, Día da Letras Galegas, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do IV Certame Artístico-literario Intercentros.

O IV Certame Artístico-literario Intercentros do Concello de Ames ofrece un ano máis aos cativos e cativas amienses a oportunidade de desenvolver e amosar as súas capacidades de creación literaria. Os nenos e nenas do segundo e terceiro ciclos de primaria dos centros do concello poderán elaborar un texto en prosa ou en verso acompañado dun debuxo propio e entregalo ao seu titor ou titora. A primeira fase de selección levarase a cabo nos propios centros.
Desde os propios centros de ensino enviaranse con posterioridade, antes do 8 de maio de 2012, os orixinais e dúas copias dos traballos seleccionados ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Nesta segunda fase, un xurado formado por tres membros designados polo Concello de Ames escollerá os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública e comunicaráselles aos centros o luns, 14 de maio de 2011. Os premios entregaranse o 17 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
Nesta edición do Certame, a temática xirará arredor da importancia das linguas como algo vivo, que precisan coidados como calquera outro elemento do medio natural. O alumnado participante terá que desenvolver en verso ou en prosa a seguinte idea: temos unha lingua, real ou imaxinaria, nun país, real ou imaxinario, en perigo... ¿como podemos protexela? Poderanse presentar textos en prosa ou en verso acompañados dunha ilustración. En prosa, a extensión máxima será de 500 palabras. En poesía, a extensión máxima será de 50 versos. Entregarase o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.




