Pestanas principais

O prazo para inscribirse no programa de conciliación Nadal Lúdico remata o 15 de novembro

Martes, 08 de novembro de 2011

[08-11-2011] O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o programa de conciliación Nadal Lúdico. Deste xeito, o departamento de Educación do Concello abre o prazo para inscribirse neste programa co que se ofrece unha alternativa que, ademais de ocupar o tempo libre dos rapaces e rapazas dun xeito divertido e educativo, permita a nais e pais conciliar o seu traballo coas vacacións dos cativos. O prazo para apuntarse está aberto dende o día 1 ata o día 15 de novembro.

Co tempo de Nadal comezan as vacacións para os máis cativos, pero moitos pais e nais seguen traballando, por iso, dende o Concello lévase a cabo unha clara aposta polos lúdicos para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar. Na páxina web do Concello de Ames están a disposición de todos os usuarios e usuarias que desexen inscribirse no Nadal Lúdico, as bases de funcionamento dos programas lúdicos, o impreso de inscrición, e a documentación necesaria para solicitar a bonificación das taxas.

As persoas interesadas tamén poden recoller esta documentación no departamento de Educación en Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. A entrega da documentación deberá facerse no Rexistro Xeral do Concello, en Bertamiráns, e na Oficina Municipal do Milladoiro en horario de 9.00 h a 14.00 h, tendo en conta tamén que o Rexistro Xeral do Concello abre de luns a sábado e as Oficinas Municipais do Milladoiro, abren de luns a venres.

Os lúdicos de Nadal desenvolveranse os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30, de decembro de 2011, e os días 2, 3, 4, 5 de xaneiro de 2012. Nestas xornadas levaranse a cabo diferentes actividades lúdicas destinadas ao entretemento e á aprendizaxe dos máis pequenos. O horario deste programa será dende as 7.30 h ás 16.00 h. Estas actividades desenvolveranse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "O prazo para inscribirse no programa Nadal Lúdico de Ames remata o 15 de novembro"