Pestanas principais

O prazo de presentación de traballos ao Certame Literario do Concello de Ames continuará interrompido ata que se levante o estado de alarma ou muden as condicións en canto a prazos

Mércores, 13 de maio de 2020

O prazo de entrega de traballos para o Certame Literario de Ames interrompeuse o 14 de marzo, o mesmo día que se declarou o estado de alarma por mor da Covid-19, debido á suspensión decretada dos prazos administrativos. Nese momento quedaban 17 días do período de presentación de traballos, polo tanto, así que remate o estado de alarma ou muden as súas condicións en canto a prazos, haberá 17 días máis para presentar os traballos de maneira segura.

O departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ames informa que o prazo de presentación de traballos ao Certame Literario segue interrompido ata que se levante o estado de alarma ou muden as condicións no referente aos prazos administrativos. Como cando se decretou este estado quedaban 17 días do período de presentación, no momento en que quede sen efecto a interrupción, disporase de 17 días máis para a presentación destes traballos. Con todo, convén aclarar que se están recollendo todos os traballos que chegaron ou que sigan chegando ao longo de todo este período de interrupción.

Esta interrupción do prazo de presentación implica tamén o adiamento da data de resolución e de entrega de premios. As datas novas difundiranse, en canto sexa posible,  a través desta páxina web e das redes municipais.

Liberar a imaxinación e aproveitar o mes das letras para poñérmonos a escribir

Estes días de confinamento nos que a creatividade non para poden ser unha oportunidade para encontrar o tempo e o espazo necesarios para darlle forma e poñer por escrito as nosas creacións literarias, ao tempo que atopamos unha fórmula para que a corentena sexa o máis amena posible.

O Certame Literario do Concello de Ames chega xa a súa décimo sétima edición, ten como obxectivo central promover a creatividade na nosa lingua e está dirixido a calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega.

Ao longo das súas dezasete edicións, o certame foise consolidando e converténdose nun referente para novos creadores e creadoras. Supón unha oportunidade para todas aquelas persoas que desexan poñer en práctica a súa capacidade creativa, máis aínda, nestes días nos que estamos vivindo circunstancias totalmente excepcionais.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas está dividida en tres categorías, de xeito que poderán participar persoas de calquera ideade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría; a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos; e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Hai tres premios en metálico para cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, ademais da publicación dos textos gañadores.

Incremento da contía económica dos premios

Este ano cómpre destacar que incrementaron os premios en 840 euros en total Deste xeito, na primeira categoría os premios serán de 200 euros, 170 euros e 140 euros (rapaces e rapazas ata 13 anos); 230 euros, 200 euros e 170 euros na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e 300 euros, 260 euros e 230 euros na terceira categoría (18 anos ou máis).

Para escoller os textos premiados, o Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio do ámbito cultural. A data na que se fará pública a súa decisión, igual que a data da entrega dos premios, aínda están por determinar debido a esta ampliación do prazo de presentación de textos.

Ademais dos correspondentes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nunha antoloxía que recompilará os traballos premiados.

Estanse recollendo e admitindo todos os traballos que chegan neste período de interrupción

Aínda que o prazo de presentación continúa interrompido por mor do estado de alarma,  estanse recollendo e admitindo  todos os traballos que chegaron e sigan a chegar ao concello a través do correo postal  durante o período de interrupción. Os autores ou autoras deben remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en poesía e outro en narrativa.

É requisito imprescindible que os textos se presenten baixo pseudónimo, e que neles non aparezan datos persoais nin sinaturas, co obxectivo de garantir o anonimato do/a autor/a. Nos textos deberá figurar só a modalidade (narrativa ou poesía) a categoría (primeira, segunda ou terceira) e o pseudónimo do autor ou autora.

Ficha de participación descargable ao pé desta nova

Será obrigatorio presentar cuberta e asinada a ficha de participación. Esta ficha recolle todos os datos persoais necesarios das persoas participantes e, se é o caso, das súas representantes legais. Deberá cubrirse, asinarse e introducirse nun sobre pechado. Este documento pode descargarse ao pé desta nova.

O sobre pechado coa ficha de participación dentro e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora, pero nunca o nome real.

Publicación dos traballos premiados

O Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital. No caso de que os autores ou autoras decidan publicar pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.

Ao pé desta nova pódense consultar as bases do certame para ir preparando os textos. Tamén é importante lembrar, tal como mencionabamos anteriormente, que a data de publicación da decisión do xurado e a data de entrega de premios veranse afectadas por esta ampliación do prazo de presentación de textos. Cando se normalice a situación publicaranse nesta mesma páxina as novas datas.

Cartel Certame Literario