Pestanas principais

O prazo de matrícula na Escola integral de maiores xa está aberto

Mércores, 21 de setembro de 2016

[21-09-2016] O prazo de matrícula na Escola integral de maiores, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Voluntariado, xa está aberto. As persoas maiores que queiran participar desta actividade deberán inscribirse chamando ao teléfono 662 377 044 ou acudir ás Casas da Cultura de Bertamiráns ou do Milladoiro. Nas súas clases o alumnado adquirirá e repasará coñecementos como a lectura, a escritura, as contas matemáticas básicas dun xeito dinámico. As clases comezarán a principios do vindeiro mes de outubro e rematarán en maio.

As persoas interesadas en participar poden escoller entre as clases na Casa da Cultura do Milladoiro ou na de Bertamiráns. Na primeira o alumnado dividirase en dous grupos, un de iniciación e outro para aquelas persoas que queiran profundar un pouco máis nos seus coñecementos. Os primeiros terán clases os mércores e os venres de 16:30 a 17:30 horas e os segundos, os mesmos días, de 17:30 a 18:30 horas. As aulas en Bertamiráns impartiranse os martes e os xoves de 16:30 a 17:30 horas.

Por cada un dos grupos ofrécense vinte praza; para reservar unha delas as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou solicitalo nos centros socioculturais municipais. Tanto a Casa da Cultura de Bertamiráns como a do Milladoiro teñen un horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas. O prazo permanecerá aberto ata o mes de xaneiro, sempre e cando haxa prazas dispoñibles.

Baixo o lema “Aprende divertíndote” a Escola integral de maiores ofrece aulas para todas aquelas persoas de Ames que non tiveron oportunidade de continuar a súa educación básica. Os dous mestres voluntarios, Antonia Figueiras e Antonio Rodríguez, repasarán co alumnado a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. Ambos teñen experiencia na materia; levan xa moitos anos impartindo estas clases.

A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases, que se complementarán con charlas ou saídas. O pasado curso, por exemplo, alumnos e alumnas visitaron os canóns do Sil e a vila de Monforte de Lemos. O curso rematará cun acto nun dos centros socioculturais que preparará o propio alumnado, ao que se lle entregará un diploma acreditativo.