[29-03-2016] A Concellaría de Medio Ambiente convida á veciñanza amesá a sumarse á conmemoración do Día Forestal Mundial, que se celebrará en Ames ao longo da mañá do sábado 2 de abril. O marco escollido para o evento é o Monte Escolar, situado no lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte. Un autobús trasladará gratuítamente as persoas participantes até as fincas do Monte Escolar. Unha vez realizarase un pequeno roteiro polas fincas, explicando a filosofía que impulsou este proxecto didáctico. As persoas participantes axudarán ao acondicionamento de partes do terreo, ao mantemento das suas árbores e asistirán á planta de tres carballos chegados a Ames dende a Fraga de Catasós, en Lalín. Será necesaria a inscrición para asistir, que se poderá realizar a través do enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 660004665.
O sábado un autobús recollerá as persoas interesadas en participar na planta, xa que na contorna do Monte Escolar non se pode aparcar. Fará parada ás 10:45 horas no Milladoiro e ás 11:00 horas en Bertamiráns. Despois das actividades da mañá o autobús realizará a viaxe de volta, aproximadamente ás 13:00 horas.
Ademais da plantación do carballo realizaranse no Monte Escolar labores de aburatamento, enmendas e fertilización das fincas. A concelleira de Medio Ambiente, Catuxa García, explica que a conmemoración do Día Mundial Forestal non queda así nun mero acto de celebración senón que se leva a práctica: "concienciamos así á sociedade sobre a importancia da conservación do monte e do seu manexo racional e sostible para poder preservalo".
A plantación dos carballos terá lugar ás 12:00 horas. As árbores que chegan a Ames foron doadas pola cooperativa A Nosa Enerxía, dentro dun proxecto denominado "Je suis Fraga de Catasós", que decidiu espallar as sementes e brotes dos carballos da fraga centenaria de Catasós. A cooperativa apoia así á loita da Plataforma Salvemos Catasós para a conservación da fraga. A súa filosofía de respecto polo medio ambiente e a labor de concienciación do coidado dos bosques autóctonos entra en sintonía co proxecto levado a cabo coa creación do Monte Escolar.




