Pestanas principais

O prazo de inscrición e renovación de praza das Escolas Culturais permanecerá aberto do 9 ao 13 de setembro

Martes, 03 de setembro de 2019

A próxima semana abre o prazo de inscrición nas Escolas Culturais para o curso 2019/2020. A matrícula permanecerá aberta do 9 ao 13 de setembro. O proceso de inscrición e renovación de praza pódese realizar tanto de xeito presencial como telemático. Este ano creáronse novos grupos de baile moderno, arte miúda e de teatro infantil e xogo dramático. As clases comezarán a semana do luns 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2020. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando aos números de teléfono 981 535 940 – 662 377 444 ou enviando un correo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal.

As Escolas Culturais municipais continuarán durante o curso 2019/2020. Organizadas pola Concellaría de Cultura, as Escolas Culturais ofrecen actividades para crianzas e para persoas maiores de 16 anos, tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na de Bertamiráns. O prezo das actividades é de 40 euros para menores de 18 anos e de 50€ para maiores de idade. No caso de familias que inscriban unha segunda persoa menor de 18 anos, o prezo é de 20 euros. O prezo diminúe a 10 euros para terceiras e demais persoas. Para participar nos cursos é preciso estar empadroada ou empadroado en Ames. Só poderán acceder ás Escolas Culturais persoas non empadroadas se quedasen prazas libres unha vez rematado o prazo de inscrición.

No tocante aos cursos, as Escolas Culturais ofrecen clases de baile (baile de salón e baile moderno), de teatro (teatro infantil e xogo dramático; e o grupo municipal de teatro) e de artes plásticas (arte miúda e manualidades). Como novidade, no vindeiro curso, as Escolas Culturais contarán cun novo grupo de baile moderno no Milladoiro, para rapaces e rapazas a partir dos 6 anos. Tamén se crearon dous novos grupos de arte miúda para rapaces e rapazas de 10 a 13 anos, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Ademais, creáronse dous novos grupos de teatro infantil e xogo dramático para rapaces e rapazas que teñan a partir 11 anos, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro.

Dentro da Escola Cultural de artes plásticas ofértanse 105 prazas; na Escola de baile hai 75 prazas; e na Escola de teatro existen outras 105 prazas. En total, ofértanse 285 prazas, aínda non todas elas están dispoñibles xa que moitos dos usuarios/as que participaron no curso anterior teñen a posibilidade de renovar a súa praza. Para formar grupo en calquera das actividades será preciso que se cubran como mínimo a metade do número de prazas ofertadas por cada modalidade e grupo.

Tramitación das inscricións e da renovación de praza
A inscrición e renovación de praza poderase facer de xeito telemático enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodemaes.gal. Unha vez tramitada a inscrición telemática, deberase solicitar a autoliquidación do prezo público nas oficinas de Recadación, no correo electrónico ames@canaltributos.com ou obtela directamente na Oficina Virtual Tributaria. O prazo para facer o pagamento remata o 13 de setembro. As oficinas de recadación atópanse en Bertamiráns na praza da Horta de Abaixo, número 6; e no Milladoiro están situadas na rúa Viorneira, núm. 6.

A inscrición e renovación de praza tamén se poderá realizar presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, do 9 ao 13 de setembro, en horario de 09.00h a 14.00 horas. Preme aquí para descargar o PDF co folleto informativo das escolas Culturais 2019/2020.

Criterios de adxudicación das prazas
Terán preferencia as persoas inscritas no curso pasado que cumprimenten e abonen correctamente a inscrición e en prazo. Non se permite a inscrición en máis dun grupo da mesma actividade.  As prazas que non sexan cubertas polas persoas inscritas no curso anterior, adxudicaranse por sorteo público que se celebrará o luns, 16 de setembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As listaxes das persoas admitidas faranse públicas ese mesmo luns, a partir das 14:00 horas. Poderán consultarse nos taboleiros da Casa da Cultura do Milladoiro e no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.
      
As persoas que por sorteo obtiveran praza deberán solicitar a autoliquidación do prezo público nas oficinas de Recadación, no correo  electrónico ames@canaltributos.com ou obtela directamente na Oficina Virtual Tributaria e abonar as taxas ata o 20 de setembro. É requisito imprescindible estar empadroado no concello de Ames. Unha vez rematado este prazo se quedan prazas libres poderán optar os non empadroados.

As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando aos números de teléfono 981 535 940 – 662 377 444 ou enviando un correo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal.

O prazo de inscrición e renovación de praza das Escolas Culturais permanecerá aberto do 9 ao 13 de setembro

Multimedia

  • Imaxe do folleto informativo das Escolas Culturais 2019/2020
  • Imaxe do folleto informativo das Escolas Culturais 2019/2020