Pestanas principais

O prazo de inscrición e renovación de praza das Escolas Culturais permanecerá aberto do 4 ao 8 de xuño

Sábado, 02 de xuño de 2018

[02-06-2018] A próxima semana abre o prazo de inscrición nas Escolas Culturais para o curso 2018/2019. A matrícula permanecerá aberta do 4 ao 8 de xuño. O proceso de inscrición pódese realizar tanto de xeito presencial como telemático. Entre o 10 e o 14 de setembro abrirase un novo prazo de inscrición. As aulas comezarán a semana do luns 1 de outubro e rematarán o 31 de maio de 2019. As persoas interesadas poderán solicitar máis información chamando ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo ao enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo acerca de todas as actividades que se ofertan.

As Escolas Culturais municipais continuarán durante o curso 2018/2019. Organizadas pola Concellaría de Educación e Cultura, as Escolas Culturais ofrecen aulas para crianzas e para persoas maiores de 16 anos, tanto na Casa da Cultura do Milladoiro como na de Bertamiráns. O prezo das actividades é de 40 euros para menores de 18 anos e de 50€ para maiores de idade. No caso de familias que inscriban unha segunda persoa menor de 18 anos, o prezo é de 20 euros. O prezo diminúe a 10 euros para terceiras e demais persoas. Para participar nos cursos é preciso estar empadroada ou empadroado en Ames. Só poderán acceder ás aula persoas non empadroadas se quedasen prazas libres unha vez rematado o prazo de inscrición.

No tocante aos cursos, as Escolas Culturais ofrecen aulas de baile, de teatro (teatro infantil e xogo dramático, expresión dramática e o grupo municipal de teatro) e de artes plásticas (técnicas artesanais e arte miúda). Como novidade, no vindeiro curso, as Escolas Culturais contarán cun novo grupo de baile de salón de nivel avanzado no Milladoiro e con dous novos grupos de arte miúda para idades comprendidas entre os 7 e os 9 anos, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Para formar grupo en calquera das actividades será preciso que se cubran a metade máis unha do máximo de prazas ofertadas.

Tramitación das inscricións e da renovación de praza
A renovación de praza poderase facer de xeito telemático, a través dun banner instalado na cabeceira da páxina web municipal. Así mesmo, a renovación tamén se poderá realizar presencialmente na Casa da Cultura do Milladoiro ou no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 09.00h a 14.00 horas. Unha vez tramitada, deberase solicitar a folla de autoliquidación a través do enderezo de correo electrónico cultura@concellodeames.gal.

O importe da matrícula deberase aboar antes das 14.00 horas do 8 de xuño. As persoas que se inscriban por primeira vez nunha actividade ou que queiran matricularse nun grupo distinto poderán realizar os trámites a través dos mesmos mecanismos, telemática ou presencialmente. As inscricións de menores de idade deberán estar acompañadas dos datos persoais das persoas proxenitoras ou titoras.

Segundo prazo de inscrición do 10 ao 14 de setembro
O prazo para a renovación de praza ou para a primeira inscrición permanecerá aberto do 4 ao 8 de xuño. Posteriormente, no mes de setembro, abrirase un segundo prazo de inscrición do 10 ao 14. Unha vez cubertas as prazas polas persoas que renoven matrícula, sortearanse as restantes. O sorteo, que será público e polo tanto aberto a toda a veciñanza, terá lugar o 17 de setembro, ás 09.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

As listas publicaranse o mesmo luns, 17 de setembro, a partir das 12.00 horas, nos taboleiros do Pazo da Peregrina e da Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas admitidas deberán solicitar nese momento a folla de autoliquidación nos locais de inscrición ou no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal. O prazo para efectuar o pagamento pecharase o 21 de setembro ás 14.00 horas.