O Partido Popular levou ao Congreso dos Deputados a humanización do Milladoiro tras non obter resposta do goberno municipal ás solicitudes de información sobre a execución e recepción da obra, financiada con fondos europeos Next Generation.
Segundo informou o PP de Ames, o pasado 13 de xaneiro solicitaron o Concello unha copia do informe de deficiencias detectadas que remitiron o Ministerio de Trasnportes Movilidade e Axenda Urbana. Este grupo tamén presentou un escrito solicitando copia das achegas realizadas polo Concello durante a redacción do proxecto. O grupo popular asegura que non recibiu resposta aos seus requirimentos.
Ante esta situación, os populares recorreron aos seus deputados no Congreso para formular unha batería de preguntas ao Goberno central. Neste contexto, a deputada Marta González visitou o Milladoiro para comprobar o estado das obras de humanización da principal vía do núcleo urbano, que presenta diversas deficiencias.
A obra foi recibida o 29 de decembro de 2025. Entre as incidencias sinaladas figuran marquesiñas con problemas de accesibilidade, semáforos fóra de servizo durante longos períodos, deficiencias no acabado das beirarrúas, un carril bici sen sinalizar e ocupado por vehículos, problemas derivados da localización de contedores de residuos, sinalización deficiente durante a execución dos traballos e falta de control do tráfico, o que xerara molestias á veciñanza.
O PP tamén pon o foco na actuación prevista na rotonda de acceso ao polígono industrial do Milladoiro, aprobada provisionalmente o 9 de novembro de 2023, que non se executou nin conta, segundo indican, cun calendario para as expropiacións necesarias, a pesar de transcorrer máis de dous anos desde a súa publicación no Boletín Oficial do Estado.
Os deputados do PP pola provincia da Coruña —Marta González, Miguel Tellado, Tristana Moralejo e Álvaro Pérez— xunto co deputado Héctor Palencia, membro da Comisión de Transportes do Congreso, rexistraron preguntas dirixidas ao Goberno nas que solicitan aclaracións sobre os controis técnicos realizados durante a obra, a responsabilidade na recepción dos traballos e a posible apertura de expedientes á empresa adxudicataria ou á dirección facultativa.
Así mesmo, preguntan se o Goberno central prevé corrixir as deficiencias detectadas, en que prazos e con cargo a que orzamento, e solicitan un cronograma para a mellora da rotonda de acceso ao polígono industrial. Por último, reclaman información sobre as garantías que se ofrecerán para evitar que se repitan situacións similares en obras financiadas con fondos europeos.






