O PP de Ames critica a tardanza da reunión do alcalde con ACUAES, dez días despois da contaminación, e a súa reacción centrando as críticas na Xunta que nada tivo que ver con este suceso.
O PP de Ames presentou o pasado domingo unha moción no Concello a raíz da aparición de verquidos contaminantes no río Sar, procedentes según todas as informacións das obras de construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de A Silvouta, situada no termo municipal de Santiago e executadas pola empresa pública estatal ACUAES (Aguas de las Cuencas de España,SA), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Na moción presentada o PP destaca cinco puntos. O primeiro deles é “ condenar os verquidos producidos no río Sar como consecuencia das obras da nova EDAR de A Silvouta, instando á empresa pública ACUAES a asumir a súa responsabilidade e executar, con urxencia, as actuacións necesarias para reparar o dano medioambiental causado neste espazo pertencente á Rede Natura 2000”.
O PP tamén esixe a ACUAES e ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que “investiguen con rigor a orixe, o alcance e as consecuencias dos verquidos, asuman públicamente as responsabilidades derivadas do ocorrido, presenten un plan integral de restauración ambiental do río Sar e establezan un sistema de control e vixilancia ambiental permanente mentres duren as obras”.
A maiores o principal partido da oposición de Ames pide que se recoñeza e pon en valor “ o labor de Augas de Galicia, pola súa rápida resposta, polo traballo de inspección realizado e polo seu compromiso constante coa defensa dos ríos galegos, solicitando que continúe co seguimento e control técnico do estado do río Sar e das actuacións correctoras que se adopten”.
E por último insta ó Concello de Santiago a “colaborar activamente na supervisión e control da obra, esixindo tamén a ACUAES o cumprimento de todas as medidas ambientais” ó tempo que solicita ó Concello de Ames que “requira información detallada e actualizada a ACUAES, ó Ministerio e ó Concello de Santiago; que reforce o seguimento do estado do río Sar no seu termo municipal; e que manteña informada á cidadanía sobre as actuacións realizadas, as medidas adoptadas e o proceso de reparación ambiental”.
A reacción do alcalde ante este verquido é ben curiosa. Presentou unha denuncia ante a Fiscalía de Medio Ambiente por parte do Concello sen informar a ninguén, de feito o principal partido da oposición enterouse pola prensa. E o que aínda e máis salientable é que enviou escritos á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e ó director de Augas de Galicia, sen mencionar sequera a ACUAES, culpable dos feitos e dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que está en mans dos socialistas. A actitude de Blas García é ben difícil de entender.
E o caso e que despois de presentada esta moción técnicos de ACUAES trasladáronse a Ames para reunirse co alcalde e dous concelleiros recoñecendo que o verquido foi causado ó detectarse “un pico de carga inesperado provocado pola acumulación de sedimentos nos colectores tras anos de uso. Ademais, a situación viuse agravada pola seca extrema, que impediu a disolución axeitada dos vertidos no río”.
O propio alcalde protestou porque “a primeira comunicación oficial sobre o incidente, excluíndo un informe da Policía Autonómica, non chegou ata o martes, 21 de outubro, malia que os episodios máis graves tiveron lugar os días 11 e 12 de outubro”, o que non fai máis que darlle a razón ó PP.
Agora o alcalde, dez días despois do verquido, reúnese con ACUAES para solicitar “a posta en marcha inmediata dun plan de continxencia ambiental, con medidas de reparación e mitigación dos efectos do vertido no río Sar; a elaboración dun plan de recuperación ecolóxica do río Sar, que inclúa o saneamento dos tramos máis afectados, a restauración de hábitats fluviais e a implicación directa das administracións competentes; e un plan de ampliación da EDAR de Sisalde, que actualmente se atopa claramente sobrepasada, e cuxa mellora é imprescindible para garantir un tratamento axeitado das augas residuais do concello”.
Non se entende a reacción do alcalde centrando todas as súas críticas na Xunta, que nada tivo que ver neste verquido. Esta situación require de máis seriedade porque xerou unha fondísima preocupación entre os veciños de Ames, que ven como se deteriora un cauce fluvial de alto valor ecolóxico, paisaxístico e social. O río Sar é parte esencial do patrimonio natural do concello e, ademais, o seu contorno forma parte da Rede Natura 2000, un espazo protexido a nivel europeo pola súa riqueza ambiental e pola presenza de hábitats e especies de interese comunitario.
O PP xa indicaba o domingo, que “cómpre subliñar tamén o correcto e inmediato papel desenvolvido por Augas de Galicia, que activou os mecanismos de control e inspección ambiental en canto tivo coñecemento dos feitos. A actuación da Administración autonómica demostra o seu compromiso coa protección do medio natural e co cumprimento estricto da normativa vixente en materia de verquidos e calidade das augas. O río Sar non entende de fronteiras administrativas: o que ocorre augas arriba en Santiago repercute directamente en Ames. Por iso, o noso Concello debe esixir explicacións, responsabilidades e a inmediata reparación do dano causado, e colaborar coa Xunta de Galicia e co resto de administracións para garantir a máxima transparencia e protección ambiental”.
A contaminación deste espazo non só supón un atentado contra o medio ambiente, senón tamén un incumprimento dos compromisos de conservación que deben de levar a cabo as Administracións públicas. O Partido Popular de Ames no seu escrito sinala que “considera inxustificable que unha empresa pública estatal poida causar un dano ambiental destas características e que ata o momento non se asumiran responsabilidades nin se presentara un plan de reparación e restauración do entorno afectado. Nunha obra pública desta envergadura e custo, é inadmisible que non se garantiran as medidas preventivas necesarias para evitar un suceso tan grave”.




