A piscina descuberta do Milladoiro debería ser unha instalación pública exemplar no verán, pero converteuse nunha demostración máis da incapacidade do goberno municipal para xestionar, planificar e manter en condicións unha infraestrutura que debería ser un dos sinais de identidade dun concello que debería mirar máis polos veciños da localidade máis importante do municipio.
O PP de Ames levará a pleno unha proposta na que se solicita unha actuación urxente e definitiva para solucionar de maneira estrutural os problemas de perdas de auga e as deficiencias técnicas da piscina descuberta do Milladoiro para garantir que este en condicións óptimas antes do inicio da tempada de verán e non cando sexa tarde e se prive ós veciños dunha instalación cando máis falta fai.
Desde o PP tamén se pide un plan de actuación e que se reforce de maneira inmediata o mantemento preventivo da instalación e o establecemento de protocolos de control técnico periódico para evitar que se volvan producir peches en plena tempada estival.
A historia repítese ano tras ano. Primeiro chegan as promesas, despois anuncios de investimentos, a continuación parches improvisados e por último peche en plena tempada estival. Non son precisamente actuacións para presumir, máis ben trátase de erros que non veñen dados pola casualidade senón que xa se converteron case nunha norma. A forma de gobernar baseada na improvisación permanente, a falta absoluta de previsión e unha xestión claramente deficiente dos recursos públicos conducen inevitablemente a un maltrato á veciñanza.
Tanto no verán de 2024 como neste último de 2025 a piscina descuberta do Milladoiro viuse na obriga de pechar varios días precisamente cando máis se precisa desta instalación e no momento de máis afluencia. As causas hai que buscalas nas perdas de auga e problemas técnicos graves, que deixaron a centos de usuarios sen alternativa ó tempo que demostraron que o goberno municipal non foi quen de garantir que a piscina municipal estivese en condicións xusto cando máis se necesita.
O peor é que desde o goberno municipal xa se anunciara anos atrás, coa publicidade coa que acostuma a facelo, que o problema estaba resolto despois dun investimento de 80.000 euros. Pero quedou demostrado que foron cartos estragados xa que para nada se solucionaron as avarías, nunha clara demostración de mala xestión.
Os investimentos mal planificados e as obras sen control nin seguimento non despertaron para nada un mínimo atisbo de autocrítica dun goberno municipal que fai pagar as consecuencias das súas malas actuacións a uns sufridos veciños que padecen instalacións pechadas e servizos interrompidos e viven con unha crecente sensación de que en Ames as cousas só se arranxan cando xa non queda máis remedio, cando as cousas rebentan, pero nunca antes.
E mentres o equipo de goberno do Partido Socialista segue mirando para a piscina do Milladoiro como un problema menor, cando a realidade é que para centos de familias é o único espacio público de lecer acuático no verán. O PP insiste en que é preciso actuar xa, cando aínda quedan varios meses para a súa apertura, e hai que facelo priorizando una planificación eficaz e non as fotos e a propaganda que non solucionan os problemas.




