Hai xa anos que o PP de Ames ven insistindo sobre o mal estado do paseo fluvial de Bertamiráns sen que se vexa interese algún por arranxar todas as deficiencias que arrastra e que afectan tanto á súa seguridade como a súa correcta conservación.
O paseo fluvial de Bertamiráns constitúe un dos principais espazos naturais, de lecer e esparexemento do Concello de Ames, sendo ademais un enclave de grande valor ambiental vinculado ao río Sar e un lugar de referencia para a veciñanza e visitantes.
Desta volta o Partido Popular ven de presentar unha moción para debater no próximo pleno ordinario no que insta ó goberno municipal a realizar de maneira inmediata unha inspección técnica completa, identificando todas as deficiencias existentes en materia de seguridade, infraestruturas, saneamento e medio ambiente.
A maiores solicita que se redacte e execute, no prazo máis breve posible, un plan integral de rehabilitación do paseo fluvial, que inclúa cando menos a reparación de camiños, pasarelas e mobiliario urbano, a adecuación e mellora da iluminación pública, a limpeza, desbroce e mantemento da vexetación, a reposición de elementos deteriorados ou inexistentes e a mellora da accesibilidade.
O PP considera que é urxente actuar sobre as infraestruturas de saneamento, en especial sobre colectores e puntos susceptibles de vertidos, garantindo que non se produzan filtracións nin derrames de ningún tipo ao paseo nin ao río Sar.
É necesario implementar un plan de mantemento periódico do paseo fluvial, con actuacións programadas que eviten o seu deterioro progresivo e establecer medidas de vixilancia e control ambiental, en coordinación cos organismos competentes, para previr e actuar ante posibles episodios de contaminación.
Para que estas peticións non queden en papel mollado, o PP pide que se de conta trimestralmente ó pleno municipal do grao de execución destas actuacións tan necesarias.
Porque semella que o paseo fluvial de Bertamiráns interesa moi pouco ó goberno municipal. Non hai máis que comprobar os escritos do PP de Ames, que xa no ano 2016, hai unha década, instaba ó tripartito a limpar e manter o sendeiro á beira do río en óptimas condicións. No 2017 aprobouse por unanimidade unha proposta na que se pedía realizar un plan de actuación para reparar os elementos externos á conca do canle fluvial tales como papeleiras, bancos, muros de contención, fontes, etc.
Tempo despois, en 2022 advertíase da degradación progresiva do paseo, incluíndo riscos derivados da caída de árbores e da falta de mantemento, solicitando a elaboración dun estudo técnico e a execución de obras de mellora. Só dous anos máis tarde, o Partido Popular volveu insistir na necesidade de actuar, denunciando problemas graves como vertidos de augas fecais procedentes dun colector en mal estado, así como o abandono xeneralizado da vexetación, deficiencias na iluminación e unha imaxe impropia dun espazo público destas características.
Ademais, nos últimos tempos producíronse episodios de contaminación no entorno do paseo fluvial, con presenza de residuos, lodos e malos cheiros, o que evidencia a falta de control e mantemento desta zona.
Malia as reiteradas advertencias, preguntas en pleno e propostas realizadas por este grupo municipal do PP, a realidade é que o paseo fluvial de Bertamiráns continúa presentando importantes carencias, o que demostra a inacción e falta de planificación do goberno municipal.









