Pestanas principais

O PP de Ames logra que o Goberno local reaccione e anuncie o saneamento para Tapia e Piñeiro tras anos de parálise

Venres, 13 de marzo de 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames amosa a súa satisfacción ao comprobar como o goberno local iniciou a redacción dun proxecto de saneamento para as parroquias de Piñeiro e Tapia apenas uns días despois de que o PP presentase unha moción solicitando estas actuacións.

Para os populares, que decataronse pola prensa da recente visita do alcalde e o concelleiro de Obras a Tapia para anunciar a instalación de fosas sépticas e a mellora das existentes na Rúa e Fernande, é unha “reacción directa e apresurada” á presión exercida polo PP tras reunirse cos veciños o pasado 2 de marzo.

Os concelleiros do PP coa súa portavoz, Oliva Agra, mantiveron un encontro directo cos veciños de Tapia dentro da rolda de visitas que a formación está a realizar por todo o municipio. “Nesta xuntanza, a reclamación foi clara: o saneamento non pode esperar máis. Comprometémonos a levar a súa voz ao Pleno de xeito inmediato e así o fixemos”, explica Agra.

Na moción presentada, o PP argumenta que o acceso á auga potable e ao saneamento é unha obriga legal e unha cuestión de dignidade básica. “O PSOE leva gobernando Ames de xeito ininterrompido desde 2015. Máis de dez anos de responsabilidade directa son tempo máis que suficiente para ter resolto unha carencia que afecta seriamente á calidade de vida diaria dos nosos veciños”, engaden desde o grupo popular.

Malia celebrar o anuncio do goberno municipal, o PP advirte de que non aceptará “promesas electorais ou anuncios baleiros”. Por iso, na súa iniciativa plenaria esixen compromisos concretos como a presentación nun máximo de tres meses dun plan técnico e económico para o saneamento e abastecemento en Tapia e Piñeiro, a publicación dun cronograma real que indique as fases, o financiamento previsto e as datas de inicio e fin das obras, a inclusión de partidas específicas nos orzamentos municipais para que as obras non queden nun papel, e un informe trimestral ó Pleno dando conta do estado da execución do proxecto.