Pestanas principais

O PP de Ames leva ó pleno a construción dunha senda peonil entre Villaverde e Balindo

Martes, 21 de abril de 2026

O PP de Ames segue a reunirse cos veciños parroquia a parroquia nunha iniciativa que consideran moi positiva para coñecer de primeira man os problemas do rural e poder trasladalos ó pleno municipal. Despóis das visitas a Lens, Transmonte, Biduido, Tapia e Piñeiro está programada unha cita na casa agraria de Bugallido o próximo martes, 28 de abril, e no mes de maio chegará a quenda de Ortoño.

Unha das inquedanzas detectadas entre a veciñanza é a da seguridade viaria, que constitúe unha prioridade fundamental para garantir a protección das persoas usuarias das vías públicas, especialmente no ámbito rural, onde a convivencia entre vehículos e peóns presenta maiores dificultades.

Neste sentido, cómpre poñer en valor o traballo que a Xunta de Galicia vén desenvolvendo nos últimos tempos en materia de conservación e mellora das estradas autonómicas que afectan ao concello de Ames e á súa contorna.

Así, recentemente coñeceuse o avance no estudo para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-544 ao seu paso por Ames, co obxectivo de analizar actuacións que permitan reducir a sinistralidade e incrementar as condicións de seguridade.

Do mesmo xeito, tamén se teñen impulsado actuacións na estrada AC-453, no treito Roxos–Portomouro, tanto a nivel de planificación como coa execución de obras de mellora do firme, evidenciando unha aposta decidida pola modernización e seguridade da rede viaria autonómica ao seu paso polo Concello de Ames.

Estas actuacións responden ás demandas da veciñanza e da administración local, e supoñen un exemplo de colaboración institucional orientada a mellorar a calidade de vida no rural. Porén, existen aínda tramos nos que é necesario seguir avanzando, especialmente no relativo á seguridade dos peóns en vías interurbanas.

Na última xuntanza coa veciñanza de Piñeiro trasladouse ós membros do PP de Ames o caso do treito da estrada autonómica AC-453 que comunica as aldeas de Villaverde e Balindo, na parroquia de Piñeiro, onde na actualidade non existe unha infraestrutura específica que garanta un tránsito peonil seguro, obrigando a facer os desprazamentos pola propia calzada, co conseguinte risco.

A execución dunha senda peonil neste tramo da AC-453 permitiría mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade, ademais de dar resposta a unha demanda da veciñanza da zona, polo que o PP trasladará unha iniciativa ó pleno municipal na busca de instar á Xunta de Galicia a estudar e impulsar a construción dunha senda peonil no treito da estrada AC-453 que une as aldeas de Villaverde e Balindo, na parroquia de Piñeiro; solicitar que esta actuación sexa incluída na planificación de melloras da rede viaria autonómica, en continuidade coas intervencións xa realizadas nesta mesma estrada; e dar traslado do presente acordo á Consellería competente en materia de infraestruturas e mobilidade.