Pestanas principais

O Pleno Telemático deste xoves, 16 de abril, pódese seguir vía streaming

Xoves, 16 de abril de 2020

Hoxe, ás 20.30 horas, celebrarase de xeito telemático o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, a través da aplicación Councilbox subministrada por AVA Soluciones tecnológicas. Esta sesión plenaria quedou pendente de celebrar debido ao estado de alarma no que nos atopamos como consecuencia da pandemia do Covid-19. As persoas que estean interesadas en seguir en directo dito pleno poden facelo premendo no banner que está colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal. Deste xeito, accederán a unha canle para ver vía streaming a sesión plenaria.

Coa a posta en funcionamento da aplicación Councilbox pódese realizar hoxe, a partir das 20.30 horas, a sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, que non se puido celebrar a finais do pasado mes ao estar declarado o estado de alarma. Dita aplicación permite establecer o quórum necesario para aprobar os asuntos tratados en cada órgano municipal e elaborar unha orde dos día cos puntos a tratar. Preme aquí para consultar a orde do día de dita sesión plenaria.
 
Nesta aplicación, durante a realización da sesión tan só se ve á persoa que está falando en cada momento coa quenda de palabra, e non a todos os/as participantes. O presidente de cada órgano, neste caso o alcalde, será o encargado de darlle a palabra a cada participante. Tamén inclúe unha opción para solicitar a palabra para intervir e unha opción para votar de xeito telemático (a favor, en contra ou para absterse) e de forma certificada. Unha vez feita a votación a propia aplicación fai reconto de votos e confirma se o asunto foi aprobado ou rexeitado.
 
O Pleno será gravado e a citada aplicación permite facer un borrador de acta que tamén se pode converter a formato texto. O pleno poderase seguir en directo vía streaming. Para iso tan só hai que premer no banner que está colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal.
 
Orde do día do Pleno Telemático
A Corporación municipal debaterá a aprobación, se procede, de actas anteriores (acta da sesión extraordinaria do 20 de febreiro de 2020 e maila acta da sesión ordinaria do 27 de febreiro de 2020). A continuación, abordarse a contestación ao escrito da empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames na que solicita a compensación económica debido a paralización da súa actividade empresarial.
 
De seguido, o Pleno deberá aprobar, se procede, a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela de 13.167 metros cadrados, necesaria para construír o novo CEIP do Milladoiro. Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no Rexistro da propiedade, agora toca aprobar un convenio de colaboración para ceder a parcela a Administración autonómica, para que se ocupe da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción.
 
Por último, tratarase a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento 2020. A exposición pública do orzamento municipal de 2020 suspendeuse debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban 2 días para finalizar dita exposición.
 
Para o goberno municipal, tratar de retomar, na medida do posible, a normalidade na administración é unha prioridade. Por iso volver a realizar as sesións plenarias permite a participación e transparencia na toma de decisións importantes, que senón habería que tomar vía decreto de alcaldía.
 
O Pleno Telemático deste xoves, 16 de abril, pódese seguir vía streaming