[28-08-2014] Este xoves, 28 de agosto, celébrase o pleno ordinario de agosto no que se someterá á aprobación inicial a ordenanza do servizo de taxi do Concello de Ames, que regulará as tarifas que se aplicarán neste servizo durante o ano 2014 e o cobro mediante taxímetro. Outros dos temas que se abordarán será a aprobación inicial do regulamento do servizo municipal de transporte adaptado, que está dirixido ás persoas do concello amiense con mobilidade reducida que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065). No caso de aprobarse esta ordenanza e regulamento, o Concello de Ames disporá por primeira vez dunha regulación nestes servizos. Ademais, abordaranse tres mocións presentadas polo grupo municipal socialista e polos concelleiros/as non adscritos.
O pasado 14 de xullo entrou en vigor a Lei do taxi de Galicia. Dende ese momento o colectivo de taxistas de Ames comezou a empregar o taxímetro, tal e como marca a devandita lei. Para regular as tarifas do ano 2014 e o cobro mediante taxímetro o Concello de Ames, a través da concellaría de Promoción Económica, estivo elaborando unha nova ordenanza que será levada ao pleno ordinario de agosto para, se procede, ser aprobada pola corporación municipal amiense.
Para a elaboración de dita ordenanza o Concello de Ames traballou de forma conxunta coa asociación de taxistas de Ames. O goberno municipal mantivo varias xuntanzas tanto coa anterior como coa actual directiva desta asociación para realizar este documento. Na nova ordenanza regúlanse as tarifas para o ano 2014 e a colocación de taxímetros en todos os vehículos que ofrezan este servizo, así como outras particularidades do servizo. Esta ordenanza está totalmente adaptada ao que establece a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, aprobada en 2013 polo Parlamento de Galicia.
Tarifas do servizo de taxi
Esta ordenanza recolle que o taxímetro comezará a computar o percorrer 1.700 metros ou transcorrer cinco minutos tras o comezo do servizo (o que antes suceda). No momento da entrada en vigor da devandita ordenanza, as tarifas aplicables aos servizos urbanos de taxi serán as seguintes. A tarifa 1 aplicarase de luns a venres, das 06:00 h ás 22:00 horas, e os sábados dende as 06:00 h ata as 15:00 horas. A percepción mínima será de 3,70 euros, mentres que o custo por quilómetro será de 0,95 euros. A hora de espera polo cliente terá un custo de 19,30 euros.
A tarifa 2 aplicarase de luns a domingo entre as 22:00 h e as 06:00 horas. Neste caso a percepción mínima será de 5 euros, mentres que o custo por quilómetro percorrido será de 1,40 euros. A hora de espera terá un custe de 28,80 euros. A tarifa 3 aplicarase os domingos e festivos entre as 06:00 h e as 22:00 horas e os sábado das 15:00 h ás 22:00 horas. A percepción mínima desta tarifa é de 4,30 euros, mentres que o custe por quilómetro percorrido será de 1,18 euros. A hora de espera terá un prezo de 23,80 euros.
Todos estes prezos son con IVE incluído. Os prezos establecidos nestas tarifas terían un suplemento de 0,50 euros por introducir algún tipo de vulto ou paquete no maleteiro do vehículo. O suplemento por ocupación de maleteiro cobrarase a partir do terceiro vulto, é dicir, os dous primeiros vultos non se cobran e o terceiro xa se cobra a razón de 0,50 euros por vulto, cun máximo de 3 vultos a cobrar. Non se entenderán como vultos os cans guías, as cadeiras de bebes e as cadeiras para dependentes. As tarifas aplicables aos servizos interurbanos, serán as fixadas pola consellería competente en materia de transportes da Xunta de Galicia.
Regulamento do servizo municipal de transporte adaptado
Outro dos temas que se someterán á aprobación inicial do pleno será o regulamento do servizo municipal de transporte adaptado do Concello de Ames. Este servizo está dirixido aos veciños e veciñas do concello amiense con mobilidade reducida que non sexan atendidos polo servizo de transporte adaptado autonómico (programa 065), ben pola lista de espera que existe ou ben por non ter recoñecido o grao de dependencia que esixe a normativa autonómica, ou incluso, por tratarse de rutas non cubertas polo referido programa 065.
O servizo de transporte adaptado, posto en marcha no ano 2006, está xestionado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Ata o ano 2010 esta iniciativa denominada proxecto ANTA (Apoio Normalizado de Transporte Adaptado) contou coa colaboración económica da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Posteriormente, dende o ano 2010 ata este momento, este servizo está sufragado integramente polo Concello de Ames.
O obxectivo fundamental deste programa é poñer a disposición das persoas que teñan dificultades de mobilidade os medios axeitados ás súas necesidades e facilitarlles, na medida do posible, a mobilidade para realizar as actividades da súa vida diaria, na procura da promoción da autonomía persoal, a prevención da dependencia e a participación activa no seu contorno habitual.
Os usuarios/as empregan o transporte adaptado para realizar múltiples tarefas, tales coma facer xestións administrativas e públicas (Seguridade social, Facenda, Concello, Xulgados...), acudir a citas médicas e terapéuticas (centros de día, unidades ocupacionais, hospitais, centros de saúde,..), eventos sociais, actividades municipais como a Escola integral de maiores e actividades da vida cotiá (perruquería, facer pequenas compras, podólogo,...).
Actualmente o transporte adaptado conta con nove prazas, e un espazo habilitado para dúas cadeiras de rodas e o seu horario de funcionamento é das 8:00 h ás 19:00 horas, en horario ininterrompido, cun teléfono gratuíto e de atención directa. A media de persoas transportadas polo servizo durante o ano 2013 (de xaneiro a setembro) foi de 14 persoas, entre usuarios/as e acompañantes. O servizo atendeu a máis de 250 persoas no ano 2013. Neste 2014 o número de servizos, así coma o de persoas beneficiarias, está incrementándose de xeito considerable.





