Pestanas principais

O pleno sobre o estado do concello centrouse no debate da xestión feita polo grupo de goberno durante o ano 2017

Venres, 16 de marzo de 2018

[16-03-2018] Este xoves, 15 de marzo, celebrouse o segundo pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello. Deste xeito, deuse cumprimento ao regulamento que indica que dentro dos tres primeiros meses do ano debe ter lugar o pleno do estado do Concello. Interviron o alcalde, José Miñones, os voceiros/as dos grupos políticos que forman parte do goberno: David Santomil (BNG), Genma Otero (Contigo Pódese) e Blas García (PSdG), así como os voceiros/as do resto dos grupos con representación na corporación municipal: Oliva Agra (PP), Enrique Costas (Ames Novo), Ramón García Argibay (Pacto x Ames) e o concelleiro non adscrito Javier López. Todos e todas fixeron balance da xestión feita polo grupo de goberno no ano 2017.


Intervencións dos voceiros/as da oposición
O primeiro en intervir por parte da oposición foi o concelleiro non adscrito, Javier López, que dixo “un ano máis comparecemos neste pleno para facer unha radiografía do estado actual do concello. Houbérame gustado dicir que as melloras foron do 100%, respecto ao ano pasado, pero non é así. Faltan políticas empresariais que convertan o polígono do Milladoiro no centro económico da comarca. Ademais, seguimos agardando unha solución ao problema de tráfico que soporta a avenida Rosalía de Castro. O Milladoiro precisa de máis espazos verdes e unha piscina municipal cuberta. A día de hoxe non se entende esa falta de espazos públicos no principal núcleo urbano de Ames. Tamén se necesitan máis programas de envellecemento activo e un centro de día público. No eido do turismo este goberno non deu un paso adiante na promoción dos dous Camiños, que pasan polo noso concello, entre os máis de 70.000 peregrinos que pasan por Ames facendo ditos Camiños. Animo a este equipo de goberno a que non perda estes nove meses que quedan deste ano para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”.

A continuación interveu o voceiro do grupo municipal de Pacto x Ames, Ramón García Argibay, que explicou que “escoitando ao goberno municipal teño que lanzar un titular: Xunta de Galicia. Todas as infraestruturas que se están facendo en Ames son sufragadas polo goberno autonómico. Ademais, os compromisos adquiridos por este goberno non foron cumpridos. Non se fixo o regulamento de participación cidadá; adxudicáronse a dedo contratos por un importe superior ao millón e medio de euros; todos os programas de emprego son desenvolvidos pola Xunta de Galicia; non se fixo modificación algunha ao PXOM que está vencido dende o ano 2011; o rural, esta abandonado; a comisión de desafiuzamentos reuniuse tan só en tres ocasións; a renda social materializouse igual que se viña facendo coas axudas de emerxencia social; e as políticas de lingua e cultura desenvolvéronse ao xeito que nos ten acostumado o BNG. No apartado económico, en 2016 tan só se investiron en investimentos reais 838.000 euros, a partida máis baixa dos último anos no Concello, e alardean de derogar un plan de axuste que foi moi necesario para este Concello, xa que en 2011 o remanente de tesourería era de menos 2 millóns de euros. Por último, non cumpriron coa promesa de municipalizar ningún servizo”.

O voceiro de Ames Novo, Enrique Costas, comezou a súa intervención dicindo que “o ano pasado neste mesmo pleno diciamos que botábamos de menos máis ambición. Este ano o diagnóstico é semellante. Hai unha falta clara de coordinación entre distintas concellarías do goberno municipal e iso notouse por exemplo na programación do Día de Rosalía. Ademais, cremos que hai unha falta de definición do modelo de concello que quere este goberno e existe unha falta de transversalidade nas súas políticas. Notamos unha falta clara de liderado político na área de mocidade. En materia de educación xa advertimos que o Consello municipal de educación non era o órgano máis axeitado para manter un contacto directo coas ANPAS e estase demostrando que iso é así porque as propias ANPAS quéixanse da falta de fluidez na relación que manteñen co Concello. Nos ámbito social, a nova renda social non se está empregando como nos gustaría, xa que para o goberno é un instrumento do departamento de servizos sociais”.

A quenda de intervención dos voceiros e voceiras da oposición pechouna Oliva Agra por parte do Partido Popular. Agra comezou falando do eido económico. “O Partido Popular deixo en 2015 máis de tres millóns de superávit. En 2012 puxo en marcha un Plan de Axuste que lle permitiu a este Concello solucionar a mala xestión feita polo anterior goberno socialista. Dito Plan de Axuste permitiu cumprir a lei e pagarlle aos provedores. Por outra banda, a Conta Xeral de 2016 reflicte que durante ese exercicio este goberno tan só investiu 800.000 euros en investimentos reais o que son 26 euros por habitante”. Por outra banda, o centro de saúde do Milladoiro é unha realidade grazas ao financiamento da Xunta de Galicia que investirá 2,8 millóns de euros. O Milladoiro necesita un novo centro educativo. Agardemos que este goberno os poña en disposición da Xunta para poder executar ese novo CEIP”. Por último, a voceira do grupo municipal popular criticou a falta de investimento no rural e que Agrón quedase sen a súa partida dos orzamentos participativos”.

Principais obxectivos de 2018
Para acabar o pleno o alcalde dixo que durante o 2018 o goberno municipal seguirá traballando para tratar de solucionar o problema de tráfico que circula diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro; seguirá mantendo o seu rexeitamento á construción da depuradora de Santiago no lugar de O Souto; traballará na creación dun espazo de coworking, duns novos orzamentos participativos, onde tamén participará a mocidade amesá, etc. A estabilidade chegou a este Concello da man deste goberno e grazas a iso temos un Ames máis participativo, máis social e máis accesible”.

Intervención dos voceiros/as do grupo de goberno
O voceiro do BNG e concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “durante o primeiro ano de goberno xa éramos conscientes de que era necesario un mapa de necesidades educativas, que unha vez elaborado, foi presentado na Xunta de Galicia. Grazas a elaboración de dito plan e as xestións que se fixeron no goberno autonómico conseguimos que se ampliase o IES de Ames, situado en Bertamiráns, e maila ampliación do CEIP Agro do Muíño. Ademais, no próximo pleno debaterase a modificación do plan parcial do S-05 (As Cortes-A Condomiña), que permitirá ampliar o CEIP Agro do Muíño e dispor de 6 novas aulas, para grupos de educación primaria, coas que este colexio pasará a ter unha liña más. Asemade, no CEIP de Barouta, cumpriuse o compromiso de construír unha nova sala de usos múltiples que foi sufragada con 60.000 euros de fondos propios. O gran reto para o 2018 é a construción dun novo CEIP no Milladoiro”.

No ámbito cultural, Santomil dixo que se cumpriu o compromiso de recuperar o Millarock. “A próxima semana presentarase o cartel do Millarock de 2018. Ames en 2017 foi sede do festival de cine infantil e xuvenil, Cinema Crianza, no que se puideron ver filmes de máis de 30 países e que tivo unha boa resposta de público coa venda de máis de 1.200 entradas. Tamén se chegou a un acordo co profesorado da Escola de Música para regularizas a súa situación laboral. Isto permitirá que estes postos se poidan incluír este ano na RPT. Investíronse máis de 100.000 euros na reforma do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns e o reto e poder facer o mesmo este ano no auditorio do Milladoiro”.

No apartado de patrimonio, Santomil destacou a solicitude que se fixo para declarar a Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural (BIC), así como o traballo feito para a conservación da ponte Cabirta. No eido da comunicación e Normalización dixo “cómpre salientar o traballo feito pola miña compañeiro, Isabel Vaquero, que deulle un grande impulso a lingua e cultura galega a través do programa Apego e doutras iniciativas postas en marcha na área de Normalización Lingüística. Asemade, abriuse a radio municipal á veciñanza cunha campaña dirixida ás persoas que queren facer o seu propio programa radiofónico. Tamén seguimos avanzando na actualización da páxina web municipal, publicouse o Xornal 94km2, de información municipal, e creáronse as bases reguladoras para o reparto de publicidade institucional do Concello de Ames”.

De seguido interveu, a voceira de Contigo Pódese e concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que comezou dicindo que “en 2017 aprobouse un novo orzamento municipal despois de cinco anos. En ditos presupostos blindáronse os servizos sociais municipais. Asemade, avanzouse moito en transparencia, xa que neste concello nunca se publicaran os datos económicos, e agora a veciñanza pódeos consultar no portal web de Orzamentos Abertos. Tamén se puxo en marcha unha iniciativa como foron os Orzamentos Participativos nos que a veciñanza do rural participou activamente a través dunha Comisión. Reduciuse, de xeito moi considerable, o período medio de pago a provedores. No terceiro trimestre de 2015 estaba en 82,67 días, mentres que na actualidade atópase en 8,31 días. Amortizouse toda a débeda do Concello. A 30 de xuño de 2015 o Concello tiña unha débeda bancaria de 4.325.000 euros, mentres que na actualidade a débeda está en 0 euros. En 2017 tamén se puxo en marcha unha campaña para o fraccionamento do pago do IBI”.

Genma Otero tamén falou do feito nos departamentos de medio ambiente e de mocidade. “Hai que destacar a programación que realiza a Aula da Natureza que durante o pasado ano contou con máis de 800 usuarios/as, practicamente a partes iguais entre nenos/as e adultos. Ademais de actividades para os rapaces e rapazas (Ciencia divertida, Contacto natural, etc) desenvolvéronse diferentes charlas para persoas adultas sobre o control e mitigación da vespa velutina. Neste departamento tamén se puxo en marcha o proxecto CES (captura, esterilización e solta) para controlar de xeito ético as colonias felinas dentro dos ámbitos urbanos. Asemade, continuase co plan de prevención de incendios forestais, que é un modelo a seguir por todos os concellos galegos. No departamento de mocidade destaca a impartición de obradoiros e actividades de lecer que durante 2017 tivo máis de 600 participantes. Destaca o curso de inglés ou o obradoiro de linguaxe de signos, entre outros”.

O voceiro do PSdG e concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, comezou dando conta do traballo feito no departamento de Urbanismo que “durante o ano 2017 centrou o seu traballo en conseguir parcelas para construír novas infraestruturas co obxectivo de ampliar o CEIP Agro do Muíño, o IES de Bertamiráns e construír un novo CEIP no Milladoiro. Asemade, púxose a disposición da Xunta de Galicia a parcela situada no S-15 para construír o novo centro de saúde do Milladoiro. Por outra banda, traballouse para regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas, que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. A remodelación proposta supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros”.

No apartado de obras, Blas García destacou “o investimento de máis de 1 millón de euros feito no rural de Ames, así como os 400.000 euros investidos en obras de saneamento e abastecemento. A estas contías hai que sumar 300.000 euros dedicados á mellora da accesibilidade nas Oficinas xerais do Milladoiro, na biblioteca municipal, na Casa do Concello e na praia fluvial de Tapia. Ademais, podo adiantar que de aquí ao final do noso mandato vamos a investir outros 500.000 euros en accesibilidade. Por último, quero destacar o traballo feito polo persoal da brigada de obras e polo persoal administrativo do meu departamento. Durante o último ano dotouse ao persoal da brigada do vestiario que necesitaban e dos correspondentes EPIS. Tamén se impartiron varios cursos de formación co obxectivo de mellorar a seguridade laboral”.

O pleno extraordinario comezou co alcalde dicindo que “o ano 2016 quixemos destacalo como o ano do cambio e o ano 2017 definímolo como o ano do compromiso para o eido económico e educativo, co centro de saúde do Milladoiro, do cemiterio municipal, coas asociacións do rural, coa participación e transparencia, cos traballadores/as do Concello e na xestión do día a día. Na xestión económica o ano 2017 destacou por ser a primeira vez na que Ames consegue a deixar a débeda a cero euros; pola eliminación do plan de axuste; por conseguir pagar máis pronto que nunca ao provedores, en cinco días; e por ter uns orzamentos municipais cinco anos despois. No referente as relacións institucionais coa Xunta de Galicia asinouse un convenio coa Consellería de Sanidade para a construción do centro de saúde do Milladoiro; e en educación conseguiuse o financiamento necesario para ampliar o IES de Bertamiráns e o CEIP Agro do Muíño”.

Miñones continuou dicindo “ademais, mantivéronse contactos coa Consellería de Vicepresidencia para avanzar sobre o parque comarcal de bombeiros. Os contactos coas Consellerías de Industria e Política Social tamén están dando os seus froitos coa mellora dos programas de emprego e mailo incremento das políticas sociais no noso concello, que conta con máis persoal neste eido. Outro dos grandes proxectos logrados en 2017 foi a creación da Agrupación de Protección Civil. Dous dos piares principais deste goberno están sendo a atención veciñal e maila transparencia. O pasado ano, por primeira vez, os veciños e veciñas do rural puideron participar nos orzamentos, e asinouse un acordo entre o Concello e maila Federación de Asociacións do Rural para reinvertir os cartos do catastrazo no propio rural. A participación veciñal tamén se deu nos Consellos educativos e deportivos, así como na Comisión da radio municipal. Ames situase no posto número 12 en transparencia de toda Galicia, segundo o último estudo da plataforma Dyntra. Pero o noso compromiso coa transparencia foi moito máis alá coa publicación de toda a información económica a través do portal web http://orzamentosabertos.concellodeames.gal”.

O rexedor municipal tamén indicou que “no eido da comunicación publicouse o Xornal 94 Km2, no se deu conta da xestión realizada no Concello de Ames durante os dous últimos anos, aprobáronse unha bases para regular, de forma obxectiva, o reparto de publicidade institucional do Concello de Ames. No apartado de obras cómpre salientar, que despois de máis de dez anos agardando pola apertura do cemiterio municipal, xa podemos dicir que este servizo está a disposición da veciñanza. Tamén se investiron máis de 300.0000 euros na mellora da accesibilidade, e no rural en 2017 investiuse máis de 1 millóns de euros. O investimento en emprego foi superior ao 1,2 millóns de euros para desenvolver diversos obradoiros de emprego, acompañado da potenciación do servizo de asesoramento e orientación laboral, a través do cal se atenderon a máis de 500 persoas desempregadas e preto 50 persoas emprendedoras. En relación ao comercio en 2017 conseguiuse un fito importante como foi a sinatura dun convenio con todas as asociacións de comerciantes e empresarios do concello para o desenvolvemento da campaña de Nadal, e tamén se incrementou nun 43%, a partida de subvencións para o comercio que permitiu acadar unha cifra récord de 70.000 euros”.

Miñones dixo que “a estabilidade en Ames alcanzouse con moito traballo dun goberno tripartito en minoría. O ano pasado aprobamos un orzamento no que se blindaron os servizos sociais cun partida de 1,4 millóns de euros, a terceira partida máis importante dos presupostos tan só superada por benestar comunitario e educación. Neste mesmo eido, dos servizos sociais, conseguise contratar a unha nova traballadora social e incrementar a xornada da educadora familiar. Apostamos fortemente polo servizo de axuda no fogar co incremento de horas na prestación deste servizo, impulsouse xunto aos concellos de Santiago e Teo o protocolo de desafiuzamentos, sumámonos ao programa de Vivendas Baleiras, aprobouse a ordenanza de vivendas de tránsito, dotouse a Ames, por primeira vez, dunha vivenda social e veciñal coa rehabilitación da escola unitaria de Firmistáns, e aprobouse a ordenanza da renda social que está dirixida ás persoas máis necesitadas. As axudas sociais por primeira vez foron en concorrencia competitiva dedicándolle máis de 40.000 euros. En materia de igualdade presentouse o terceiro plan”.

“En canto ao turismo hai que destacar catro actuacións que son á mellora da accesibilidade na praia fluvial de Tapia; a mellora e acondicionamento do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía; a integración de Ames na nova ruta turística Senda das estrelas; e a creación da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía que foi presentada en Fitur. No ámbito deportivo, no Milladoiro, construíronse unhas gradas no campo de fútbol, rematáronse as obras da sala de spinning do pavillón e acondicionouse a piscina descuberta. Asemade, rehabilitouse a pista deportiva da urbanización de As Mimosas, construíuse unha nova pista deportiva na urbanización Agro do Muíño e comezáronse obras, consensuadas no Consello de deportes, como a ampliación dos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro, o cambio de pavimento do pavillón do Milladoiro, a construción da primeira pista de squash e a dotación de iluminación da pista de tenis de Bertamiráns. Aprobáronse novos investimento, por valor de 240.000 euros, para mellorar a accesibilidade en ambos pavillóns e para a construción de dúas novas pistas de tenis. Foron preto de 900.000 euros os que se investiron no eido deportivo. En materia de desenvolvemento local en 2017 Ames tivo unha das mellores novas da súa historia como foi a concesión de 5 millóns de euros, para empregar no desenvolvemento da Estratexia DUSI, aos que o Concello sumará 1.250.000 euros”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La oposición ve seguidismo y Miñones, economía al alza"
La Voz de Galicia: "La solución al paso de la N-550 por Milladoiro centró el debate del estado del Concello de Ames"
Ames Go: "O Pleno do Estado do Concello. Relato institucional"