Pestanas principais

O pleno sobre o estado do concello centrouse no debate da xestión feita polo grupo de goberno durante o actual mandato

Xoves, 21 de marzo de 2019

[21-03-2019] Este xoves, 20 de marzo, celebrouse o terceiro pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello. Deste xeito, deuse cumprimento ao regulamento que indica que dentro dos tres primeiros meses do ano debe ter lugar o pleno do estado do Concello. Interviron o alcalde, José Miñones, os voceiros/as dos grupos políticos que forman parte do goberno: David Santomil (BNG), Genma Otero (Contigo Pódese) e Blas García (PSdG), así como os voceiros/as do resto dos grupos con representación na corporación municipal: Oliva Agra (PP), Quique Costas (Ames Novo) e Ramón García Argibay (Pacto x Ames). Todos e todas fixeron balance da xestión feita polo grupo de goberno no actual mandato.

Intervención dos voceiros/as do grupo de goberno
O voceiro do BNG e concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “na área de educación por primeira vez houbo un único responsable durante os catro anos de mandato o que aportou estabilidade a un departamento tan importante para o Concello de Ames como é o departamento de educación”. Tamén salientou a posta en marcha do Consello escolar municipal, un órgano que permite a participación da comunidade educativa; a revisión dos regulamentos e ordenanzas fiscais dos servizos complementarios; as negociacións mantidas coa Xunta de Galicia para a mellora e ampliacións das instalacións educativas, etc”.

Na área de cultura destacou a mellora da calidade dos programas existentes como a programación teatral, a recuperación do festival Millarock, e a posta en marcha de novos proxectos como A Billeteira, Cinema Crianza e A Factoría. Ademais, salientou a aposta polas políticas de normalización lingüística co desenvolvemento do programa Apego e a elaboración do primeiro mapa sociolingüístico escolar de Ames, en colaboración coa Real Academia Galega, para analizar o uso do galego nos centros e ensino do concello e evitar a perda de galegofalantes. No departamento de Comunicación destacou a elaboración das bases orientadoras para a contratación de publicidade institucional do Concello de Ames e a posta en marcha do proxecto de Radio cidadá en Ames Radio.

De seguido interveu, a voceira de Contigo Pódese e concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, que comezou dicindo que “este goberno tripartito en minoría conseguiu aprobar tres orzamentos en catro anos de mandato. Tamén conseguimos amortizar toda a débeda bancaria existente en 2015, cando estramos no goberno, que ascendía a 5.000.000 euros”. Outras aspectos que salientou foron a implantación, por primeira vez no concello, dos Orzamentos Participativos, que en 2017 foron dirixidos ao rural, mentres que en 2018 ampliáronse tamén á mocidade; a forte redución do período medio de pago a provedores, que era de 86 días en 2015 e baixou no último trimestre de 2018 a 5,63 días; a aposta pola transparencia das contas públicas a través do portal web http://orzamentosabertos.concellodeames.gal; e a creación do Plan de prevención de incendios forestais.

Por outra banda, Genma Otero destacou a recente aprobación do Orzamento municipal de 2019, por importe de 26.000.000 euros, que recolle a blindaxe dos servizos sociais municipais, así como das áreas de educación, servizos básicos e políticas de emprego públicas coa aprobación da OEP 2018. Tamén neste Orzamento se recollen importantes investimentos que superan os 4.400.000 euros e inclúen actuacións do Plan Impulsa Ames da EDUSI por valor de 1.800.000 euros. Genma Otero rematou a súa intervención dicindo que o goberno tripartito “é un goberno aberto, transparente, participativo e estable”.

O voceiro do PSdG e concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, comezou dicindo que “o diálogo e maila transparencia foron piares básicos deste goberno. Ao longo deste mandato dedicamos preto de 5 millóns de euros obras e novos investimentos. Ademais, hai que engadir outros proxectos que están en fase de licitación ou que xa foron adxudicadas e nos vindeiros meses se executarán. Por iso debo de poñer de manifesto o traballo e xestión que se fixo durante os últimos catro anos. Ademais, quedan para este ano máis de 2 millóns de euros para executar en obras no rural, porque para os núcleos urbanos xa se van investir durante os vindeiros anos máis de 5 millóns de euros a través do Plan Impulsa Ames financiado con fondos europeos FEDER”.

Blas García tamén salientou as melloras feitas nos vehículos e maquinaria da brigada de obras coa compra de tres novas furgonetas para dita brigada, unha eléctrica e outra híbrida a gas. Na área de urbanismo destacou o traballo feito no S-15, onde se está construíndo o novo centro de saúde do Milladoiro; o incremento de solicitudes de licenzas para a construción de novas vivendas unifamiliares e a construción de novos bloques de vivendas en Bertamiráns e no Milladoiro; xestións para a licenza de primeira ocupación de 200 vivendas na urbanización de Raíces; entre outras actuacións. Por último destacou a creación da Agrupación de Protección Civil, que en pouco máis de ano e medio xa é unha referencia na provincia da Coruña. Durante o ano 2018 realizaron máis de 1.300 operativos.

Intervencións dos voceiros/as da oposición
O primeiro en intervir por parte da oposición foi o voceiro do grupo municipal de Pacto x Ames, Ramón García Argibay, dixo “este é un goberno que comezou con folgos pero foi perdendo capacidade e deixou ao rural en segundo plano. Dende Pacto por Ames fixemos unha oposición responsable durante este mandato. Así criticamos a actuación do goberno cando o consideramos necesario, pero tamén colaboramos como cando houbo que aprobar o novo contrato do ciclo integral da auga. Este foi un goberno que fixo un abuso dos contratos menores con contratos deste tipo por valor de 2.330.000 euros, e o 85% destes contratos outorgados a un só licitador”. Argibay tamén destacou que o incremento do remanente de tesourería foi debido á aprobación en 2012 do Plan de Axuste aprobado polo Partido popular. “En 2011 cando o Partido Popular entrou no goberno había un remanente de tesourería de -2.170.000 euros, mentres que en 2016 era de +5.300.000 euros”.

A continuación interveu o voceiro do grupo municipal Ames Novo, Quique Costas, que tamén apuntou que “hai que repensar a fórmula do pleno de estado porque non está fomentando á participación da veciñanza”. Sobre o traballo do grupo de goberno dixo “pódese dicir que estes catro anos de mandato foi un período de avances moderados porque víñamos dunha etapa de parálise total. Durante esta etapa, dende o grupo Ames Novo optamos por facer unha oposición construtiva. Por iso en 2016 establecéronse unhas liñas estratéxicas para chegar a un acordo orzamentario. Finalmente ese ano o goberno non presentou un borrador de orzamentos, pero serviunos para chegar a un acordo en 2017 para aprobar o orzamento dese exercicio. Foi un orzamento moi importante para a veciñanza de Ames porque introduciu elementos de avance como foron a renda social e axudas a situacións de emerxencia e os investimentos para o equilibrio do territorio, a través dos cales se reinvestiu no rural o recadado polo catastrazo. En 2018 chegouse a un novo acordo para aprobar o orzamento no que consolidaron as políticas de 2017 e cancelouse o Plan de Axuste. En 2019, dende a responsabilidade volvemos a subscribir un acordo para que Ames teña novo orzamento que permite dedicar 454.000 euros para a construción dun novo comedor no CEIP A Maía”.

A quenda de intervención dos voceiros e voceiras da oposición pechouna Oliva Agra por parte do Partido Popular. Agra destacou os investimentos feitos pola Xunta de Galicia en Ames para a mellora das instalacións dos centros educativos, melloras nas escolas infantís, financiamento de viaxes de autobús, proxecto de saneamento para as parroquias de Piñeiro e Tapia, construción do novo centro de saúde do Milladoiro, etc. Sobre o goberno municipal dixo que se dedicou a improvisar e se esqueceron do rural durante os últimos catro anos. Ademais engadiu “os orzamentos participativos non foron nin participativos nin útiles”. Por último, dixo que “ mellora da situación económica foi posible grazas a aprobación do Plan de Axuste en 2012 por parte do Partido Popular que lle permitiu ao Concello saír a flote”.


O alcalde de Ames, José Miñones, comezou dicindo que “o pleno do estado do concello é unha mostra de transparencia, unha oportunidade de dar conta en positivo do traballo feito polo grupo de goberno e debater sobre a xestión municipal. O obxectivo era que estes plenos fosen atractivos, para que a veciñanza acudise, algo que non conseguimos coa fórmula empregada, polo que o goberno que entre tralas elección municipais do 26 de maio terá darlle un novo pulo para animar a participar nestes plenos á veciñanza, a través do regulamento de participación cidadá”.

O rexedor municipal destacou que “os anos 2015 e 2016 quixemos destacalos como os anos do cambio, o ano 2017 definímolo como o ano do compromiso, e os anos 2018 e 2019 son os da estabilidade”. No ámbito económico destacou a aprobación de tres orzamentos en catro anos de mandato. “Agora Ames é un concello máis estable que cando chegamos en 2015. No orzamento de 2019 dáse continuidade e refórzanse as políticas sociais cun crédito que supera os 3.000.000 euros, incrementando en máis de 1.100.000 euros a cifra respecto do presupostado no ano 2018”. No ámbito dos servizos sociais destacou “a posta en marcha de programas como Xantar na Casa, Conectados, a vivenda de tránsito de Firmistáns, etc”.

No apartado de promoción económica salientou a continuidade na aposta polo fomento das políticas activas de emprego coa realización do obradoiro de emprego CreAs, posto en marcha en colaboración co Concello de Santiago, no que 20 alumnos/as-traballadores/as fórmanse na especialidade de repoboación forestais e tratamentos silvícolas. Tamén destacou o nivel de insercións da décima edición do programa integrado para o emprego InserAmes-Brión que acadou un 65% de insercións. No ámbito turístico destaca o impulso da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía, para declarala como ben de interese cultural, e o traballo feito para conseguir o recoñecemento do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia. Deste xeito, Ames pasaría a ser o único concello galego polo que pasan tres Camiños de Santiago.

No eido de persoal, Miñones salientou que no actual mandato o goberno municipal mantivo unhas 60 xuntanzas cos representantes do persoal municipal acadado importantes acordos para a modificación da RPT, a aprobación dunha Oferta de Emprego Público e un Plan de estabilización ligado a dita OEP. Este último está pendente de ser aprobado en Mesa Xeral de Negociación. Neste senso tamén destacou as negociacións mantidas co colectivo da Policía Local para desatascar un problema que levaba enquistado varios anos. No ámbito deportivo suliñou os investimentos feitos nos pavillóns polideportivos co cambio de pavimento, a execucións de novos anexos nestas instalacións, o incremento dos usuarios/as das Escolas deportivas municipais, a construción da primeira pista municipal de squash, a construción de dúas pistas de tenis, etc.

Miñones agradeceu o compromiso da Corporación municipal nos acordos acadados de xeito unánime por todos/as os/as concelleiros/as para humanizar a avenida de Rosalía de Castro do Milladoiro por onde pasa a N-550. Deste xeito, conseguiuse prohibir a circulación de vehículos pesados con MMA maior a 30 toneladas polo centro do Milladoiro. Tamén se acordou, por unanimidade de toda a corporación, o rexeitamento a que a nova EDAR de Santiago de Compostela se construíse no lugar de O Souto, a escasos metros do Concello de Ames e nun lugar de alto valor paisaxístico e patrimonial.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El pleno más estéril de Ames"