- Tematica
Este xoves, 30 de marzo, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre o cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga e a aprobación definitiva do texto refundido do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas. Tamén se debaterá a rectificación do nome da obra de implantación de cociña central en Bertamiráns e a emenda de deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación no núcleo de Framil. Ademais debaterase unha proposta na que se lle insta á Consellería de Infraestruturas melloras na estrada AC-544 ao seu paso por Reino e Piñor. Premendo nesta ligazón podes ver a sesión plenaria en directo.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria.
No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de marzo. A continuación debaterase a ratificación do decreto 1027/2023 de 12 de abril de 2023, de rectificación do nome da obra incluída no POS + 2023 que pasa a denominarse adecuación de nave existente para implantación de cociña central en Bertamiráns.
O Pleno ordinario do mes de febreiro adoptou, entre outros, o acordo de aprobación da participación no Plan POS + 2023. Plan Único, incluíndo no acordo a obra denominada adecuación de nave existente para a implantación de cociña central. O pasado 4 de abril recibiuse un requirimento da Deputación da Coruña para incluír na denominación do proxecto un nome propio xa que, de acordo co establecido na Base 2.2 da convocatoria do Plan Único de Concellos 2023 da Deputación Provincial, non se admiten as denominacións xenéricas. Mediante decreto da Alcaldía resólvese que o proxecto debe denominarse adecuación de nave existente para a implantación de cociña central en Bertamiráns (Ames), debendo ser esta nova denominación ratificada en sesión de pleno do concello.
Emenda de deficiencias no proxecto das obras de Framil
Tamén se abordará a ratificación do decreto que recolle a emenda das deficiencias na redacción do proxecto das obras de pavimentación viarios no núcleo de Framil.
En sesión extraordinaria do 13.02.2023, o pleno do Concello acorda participar no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal “POS+2023” da Deputación Provincial da Coruña, coa obra Pavimentación de viarios no núcleo de Framil. Formalizada a petición recíbese informe sobre a necesidade de corrixir deficiencias de tipo técnico.
As deficiencias das que adoece o proxecto son unha cuestión menor de índole formal, que non teñen transcendencia algunha no deseño da obra, nin nas funcionalidades da mesma, nin no seu importe de execución, polo que, se presenta ante o Pleno un novo proxecto completo das obras de pavimentación viarios no núcleo de Framil no que se corrixiron ditas deficiencias.
Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas
Por outra banda, no Pleno tamén se tratará a aprobación do texto refundido do Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames e que recolle todas as modificacións que sufriu este Regulamento dende a súa publicación no ano 2018.
O Pleno do Concello de Ames na sesión do mes de outubro aprobou inicialmente a modificación do regulamento de funcionamento da rede municipal de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames, co fin de eliminar toda referencia relativa á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes. Co fin de corrixir a situación o concelleiro delegado de Educación, David Santomil Mosquera, presenta unha proposta para a elaboración dun texto refundido do Regulamento da rede municipal de Comedores Escolares, Bos Días Cole e Tardes Divertidas do Concello de Ames que englobe todas as modificacións aproveitando, ademais, para enviar o texto ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello co fin de mellorar a calidade lingüística e comunicativa do mesmo.
Cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga
Ademais, debaterase sobre o cambio da forma de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Na sesión ordinaria do mes de xuño o Pleno do Concello de Ames acordou iniciar expediente para a determinación do modelo de xestión do servizo público do Ciclo integral da Auga (CIA) do Concello de Ames.
Para tal fin creouse unha Comisión de Estudo que acordou na súa primeira sesión contratar o asesoramento necesario para determinar cal é a forma máis sostible e eficiente de prestación do servizo CIA. Tras ese estudo concluiuse que a forma de xestión máis sostible e eficiente é a xestión directa a través dunha sociedade mercantil local (SML) ou entidade pública empresarial local.
O Goberno optou pola xestión a través de EPEL por ser esta a forma proposta no seu día polo técnico municipal vinculado ao CIA e por considerar que é a forma de xestión máis conveniente ao interese público municipal. Esta entidade terá que ser constituída polo Pleno.
Proposta melloras na AC-544
Por último o Pleno vai debater unha proposta presentada polos grupos municipais PSdeG-PSOE, PP, BNG, Contigo Podemos, Ames Novo e a concelleira non adscrita, ao abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, demandando á Consellería de Infraestruturas melloras na estrada AC-544 ao seu paso polos núcleos de Reino e Piñor. As obras realizadas nesta estrada que une Bertamiráns e Negreira supuxeron unha mellora para a seguridade viaria, pero quedaron varios puntos que resultan perigosos para a veciñanza da contorna desta estrada, especialmente nos núcleos de Reino e de Piñor.
Con esta proposta instan á Consellería de Infraestruturas a colocar un paso peonil elevado na AC-544 no lugar de Piñor, na parroquia de Agrón. No lugar de Reino, na parroquia de Trasmonte, solicitan a construción dunhas cunetas transitables e dun paso de peóns. Así como estudar a viabilidade para a colocación dun paso peonil elevado.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames xestionará a auga directamente mediante sociedade mercantil local"
Lindeiros: "Ames aposta por unha empresa pública para xestionar o ciclo da auga"