Pestanas principais

O pleno do Concello de Ames debaterá mañá a sinatura dun convenio con Tráfico e a saída da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago

Mércores, 30 de xaneiro de 2013

[30-01-2013] A corporación municipal de Ames debaterá mañá na sesión plenaria ordinaria correspondente ó mes de xaneiro varios temas de vital importancia para a mellora dos servizos que presta a Administración local. En primeiro lugar, debaterase a saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. A continuación tratarase a aprobación dun convenio entre a Xefatura Central de Tráfico e o Concello de Ames que permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía Local. Tamén se debaterá a aprobación do proceso de elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames e a aprobación do recoñecemento extraxudicial plenario 1/2013.

A orde do día do pleno ordinario do mes de xaneiro inclúe un total de dez puntos. Un dos máis salientables é a saída do Concello de Ames da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago de Compostela. Cómpre lembrar que este tema tratouse no pleno ordinario do mes de decembro, pero tralo acordo de todos os grupos municipais decidiuse deixar este tema sobre a mesa co obxectivo de aclarar algúns aspectos. Agora, unha vez tratado máis a fondo este punto volve ao pleno.

A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, explicou en decembro que “a pertenza a Bando está supoñéndolle ao Concello un importante sobrecusto sobre o previsto inicialmente. Ademais, a contratación dunha empresa privada permitirá un aforro de máis de 36.000 euros. Este cambio de modelo incluiría o servizo de lacería que ata o de agora se realizaba a través de traballadores do Concello e que non se podía facer polas tardes ou o fin de semana, co conseguinte problema para a seguridade viaria. Deste xeito, favoreceríase a eficacia na recollida e traslado dos animais nun tempo máximo de media hora”.

A concelleira destacou, ademais, que se mantiveron conversacións co Concello de Santiago e que non se trataría dunha saída sen retorno. Eugenia Martín tamén explicou que a empresa á que se lle contrataría o servizo conta con todos os certificados de calidade, leva a cabo campañas de adopción e traballa con numerosos concellos da provincia da Coruña.

Convenio coa Xefatura Central de Tráfico
Por outra banda, tratarase a aprobación dun convenio entre a Xefatura Central de Tráfico e o Concello de Ames que permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía local de Ames. Un dos obxectivos deste acordo é desenvolver determinadas accións en materia de tráfico e seguridade viaria, concretamente as relativas á transmisión de datos e acesos a rexistros. O convenio que se pretende subscribir fai mención igualmente as accións consistentes en cesión de materiais, apoio técnico e/ou económico para a elaboración de plans de seguridade viaria ou posta en marcha de medidas específicas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O pleno de Ames debaterá mañá a sinatura dun convenio con Tráfico e a saída da Fundación Pública Refuxio de Animais de Santiago"