Pestanas principais

O pleno do Concello de Ames debaterá mañá a aprobación definitiva do plan especial de dotacións da cidade deportiva do Real Aero Club de Santiago

Mércores, 24 de abril de 2013

[24-04-2013] Tras a recepción do informe favorable da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, o pleno do Concello de Ames debaterá mañá, na sesión correspondente ao mes de abril, a aprobación definitiva do plan especial de dotacións da cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro.

Este plan especial afecta a un ámbito de 641.889 metros cadrados, situado na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro, no límite cos concellos de Val do Dubra e de Santiago de Compostela. O obxectivo do plan especial é establecer e ordenar unha instalación de uso deportivo nun ámbito territorial clasificado polo PXOM de Ames como solo rústico de especial protección forestal.

Neste plan especial ordénase un complexo deportivo centrado no campo de golf que ocupa a maior parte do ámbito, e zonas destinadas a outros usos (aparcadoiro, edificacións ou instalacións deportivas cubertas e de mantemento).

A orde do día do pleno ordinario do mes de abril tamén inclúe a aprobación inicial da ordenanza reguladora das hortas urbanas sostibles e solidarias do Concello de Ames. Segundo a ordenanza que se debaterá mañá, o Concello establecerá unha horta municipal sostible en Bertamiráns que terá unha superficie de 1.600 metros cadrados.

O acceso ás hortas estará aberto a todos os veciños de Ames maiores de idade e empadroados. Ademais, reservarase un 14% das parcelas para casos de emerxencia social e outro 14% das parcelas para maiores de 65 anos. O procedemento de adxudicación das parcelas iniciarao o Concello, establecendo os prazos de solicitude. Despois, a adxudicación das parcelas farase mediante sorteo público.

Ordenanza de prestación de alimentos
Por outra banda, no pleno de mañá tamén se abordará a aprobación inicial da ordenanza reguladora da prestación de alimentos do Concello de Ames. O obxectivo é adaptar e actualizar as bases reguladoras vixentes, aprobadas no ano 2004. O que se propón é a derrogación desas bases e a aprobación dunha ordenanza na que se concrete a prestación de alimentos e na que se introducen actualizacións e modificacións para emendar as necesidades detectadas na aplicación das bases vixentes, así como a unificación de criterios en concordancia con outras ordenanzas municipais.

As principais modificacións que se pretenden introducir é a concreción do organismo do que se reciben os alimentos, determinación dos beneficiarios da axuda e modificar o criterio que se utiliza para a determinación dos ingresos dos beneficiarios, pasando a empregar o IPREM en lugar do salario mínimo interprofesional. O obxectivo é seguir as premisas do Fondo Español de Garantía Agraria, entidade supervisora do plan de axuda alimentaria.

Ademais, a sesión plenaria debaterá a aprobación inicial da modificación da ordenanza que regula o prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. O que se propón é a modificación de prezos públicos no tocante ás entradas individuais das piscinas descubertas municipais, mantendo os prezos dos abonos para persoas empadroadas no Concello de Ames. Deste xeito, a entrada individual para maiores de 18 anos situaríase nos 3 euros, a dos usuarios de entre 11 e 18 anos sería de 2 euros e a dos que teñen entre 4 a 10 anos quedaría en 1 euro. A entrada para menores de 4 anos, acompañados dunha persoa adulta, será gratuíta.

Por último, a petición do concelleiro Manuel Ferreiro, comparecerá o edil de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, para responder ás preguntas que se lle formulen.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames debatirá a aprobación do plan especial para a cidade deportiva"