Pestanas principais

O pleno do Concello de Ames dá luz verde á modificación puntual dos plans parciais do S-14 e S-16

Venres, 30 de novembro de 2012

[30-11-2012] O pleno do Concello de Ames deu luz verde onte á modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán”. Estas xestións urbanísticas, que benefician ao núcleo do Milladoiro, foron aprobadas provisionalmente pola Xunta de Goberno Local de Ames o pasado mes de agosto e remitidas á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia. Tras recibir o visto bo da Xunta de Galicia en outubro, procedeu a súa aprobación polo pleno.

Ao inicio da sesion plenaria, os concelleiros do PSOE e do grupo dos non adscritos decidiron abandonar o pleno. En relacion a esta cuestion, o Goberno amiense fai fincapé en que en ningún momento se prohibiu o acceso dos cidadans ao pleno, xa que o que se fixo foi garantir que o aforo non se desbordase e dese lugar a calquera problema de orde publico. 

Para garantir o correcto desenvolvemento da sesión plenaria, o Concello de Ames solicitou un informe aos técnicos municipais co obxectivo de establecer o aforo do salón de plenos por motivos de seguridade e ante os acontecementos rexistrados en anteriores ocasións. O informe elaborado polos técnicos municipais establece o aforo máximo do salón de plenos amiense en 40 persoas, tendo en conta os asentos situados na zona de publico e deixando o espazo correspondente ao corredor de evacuación. 

No pleno, deuse luz verde á modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán”. O desbloqueo deste tema urbanístico prioritario amosa a preocupación do Goberno amiense polo núcleo do Milladoiro, xa que en pouco máis dun ano tramitáronse as modificacións nos sectores S-14, S-16 e o plan parcial S-15. Ademais, estanse dando os pasos necesarios para poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela coa que poder dotar ao Milladoiro dun novo centro educativo. 

O pasado mes de agosto, a Xunta de Goberno Local procedeu á aprobación provisional da modificación puntual dos plans parciais do S-14 “Travesía do Porto norte” e S-16 “Galdrachán”. O obxectivo desta modificación puntual é redistribuír as zonas de uso público e os espazos verdes públicos destes dous sectores para poder xuntalos. Deste xeito, conséguese unha parcela para construír un novo equipamento público de grandes dimensións e reorganizar os espazos verdes públicos, tan escasos na zona do Milladoiro. Con esta modificación conséguese darlle maior magnitude e dimensión tanto as zonas verdes como as parcelas destinadas a equipamentos de uso público.

O ámbito de modificación abrangue arredor de 36.000 metros cadrados destes dous sectores do Milladoiro. Un total de 22.000 metros cadrados corresponden ao plan parcial do sector S-14 “Travesía do Porto norte” e algo máis de 14.000 metros cadrados corresponden ao plan parcial do sector S-16 “Galdrachán”. Esta xestión urbanística permite a unión dos espazos dedicados a uso público de ambos os dous sectores.

Como consecuencia desta xestión urbanística xorde unha área de equipamento provinte da fusión de áreas de dous sectores de solo (S-14 e S-16). A parcela resultante suma unha extensión de 8.201 metros cadrados. Esta parcela podería acoller un só equipamento de grandes dimensións ou un conxunto de equipamentos cunhas dimensións máis reducidas.

Outros acordos
Ademais, na sesión plenaria iniciouse o expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames e aprobouse a modificación do proxecto para a substitución dun colector de saneamento na rúa Alcalde Lorenzo de Bertamiráns.

Ademais, tamén se dou conta á Corporación do decreto de aprobación da liquidación 2011. O Concello amiense aprobou o pasado 24 de outubro a liquidación orzamentaria do ano 2011, remitindo os datos da mesma ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e informando dela no pleno do 25 de outubro.