Pestanas principais

O pleno do Concello de Ames dá luz verde á Conta Xeral de 2012 e aproba por unanimidade a resolución das alegacións á expropiación de terreos para a construción da potabilizadora Ames-Brión

Sábado, 02 de novembro de 2013

[02-11-2013] O pleno ordinario do mes de outubro no Concello de Ames deu luz verde onte á Conta Xeral correspondente a 2012, que reflicte un remanente de tesourería superior aos 190.000 euros e un superávit de 3,2 millóns de euros, e aprobou por unanimidade da Corporación a resolución de alegacións e aprobación definitiva da relación de bens afectados pola expropiación de terreos para a posta en marcha da potabilizadora Ames-Brión, o que implica que se dá vía libre ao inicio das obras.

O primeiro dos puntos da orde do día foi a resolución de ditas alegacións, que foi ratificada por unanimidade. O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou na súa intervención que este expediente foi aprobado inicialmente no pleno do mes de setembro, foi sometido a exposición pública e notificado aos propietarios. Neste período, presentáronse un total de seis alegacións. A proposta aprobada onte polo pleno supón a estimación de dúas delas, relacionadas con variacións de titularidade das parcelas, e a desestimación das restantes. Ademais, fixouse o vindeiro 26 de novembro como día para o levantamento de actas previas da expropiación.

Seguidamente, o pleno deu luz verde á aprobación da Conta Xeral de 2012, un asunto que contou cos votos a favor do grupo de goberno e dos exconcelleiros do PP. A Conta Xeral foi ditaminada favorablemente pola Comisión Especial de Contas o pasado 26 de agosto e tamén sometida a exposición pública. Esta conta reflicte que o Concello de Ames pechou o exercicio 2012 cun remanente de tesourería de máis de 190.000 euros e un superávit de 3,2 millóns de euros, o primeiro positivo desde o ano 2006, e é unha cifra significativa despois de que na última liquidación o remanente de tesourería alcanzara un rexistro negativo récord de máis de -2.100.000 euros.

Sobre esta cuestión, o alcalde de Ames destacou que “se trata dunha boa noticia para Ames”, aínda que apostou por “ser prudentes e seguir traballando nesta liña de solvencia e rigorosidade”. Santiago Amor fixo fincapé en que o Goberno amiense “segue traballando e acurtando prazos de rendición, presentando a Conta Xeral dentro do ano natural seguinte”. O rexedor agradeceu o traballo dos técnicos e asegurou que este resultado débese “a un cambio de mentalidade e a unha actitude de responsabilidade que ten como obxectivo que Ames sexa un concello sostible, goberne quen goberne”.

Outro dos puntos da orde do día do pleno do mes de outubro foi a aprobación por unanimidade do inicio do proceso para a elección de xuíz/a de paz susbtituto/a do Concello de Ames.

Ordenanzas e mocións
En canto á actualización das ordenanzas, o pleno ordinario do mes de outubro aprobou por unanimidade a ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de axuda no fogar e a reguladora do prezo público polo uso das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Ademais, o pleno deu luz verde á modificación da ordenanza fiscal xeral, á que regula a taxa por ocupación do subsolo, solo e voo da vía pública, á que regula o prezo público polos servizos culturais e deportivos e á de prestación do servizo das escolas infantís municipais. No pleno acordouse deixar sobre a mesa as dúas ordenanzas que se refiren a servizos prestados por concesionarias (a da piscina e a de hixiene urbana) co obxectivo de negociar con elas a conxelación de ditas taxas. Con todo, o Goberno amiense xa mantivo conversas coa xerencia da empresa que explota o Centro Deportivo A Telleira, que manifestou por escrito a imposibilidade de renunciar á suba do IPC galego. O Executivo tamén lle solicitou por escrito á Mancomunidade Serra do Barbanza unha resposta sobre esta cuestión. Pola súa banda, a oposición votou en contra das actualizacións das ordenanzas propostas polo Goberno, pese a que a postura da oposición conta con informes desfavorables dos servizos técnicos do Concello.

A proposta levada ao pleno polo Goberno municipal en relación ás ordenanzas supoñía o cumprimento do Plan de Axuste 2012-2022, algo necesario para a boa marcha do concello na senda do cumprimento da lei de morosidade, e non inclúe as taxas que afectan a un maior número de veciños e veciñas de Ames. Polo tanto, supón que no vindeiro exercicio fiscal de 2014 se manterán conxeladas as taxas da auga e saneamento, o Imposto de Bens Inmobles (a contribución) e o IAE, que non experimentarán subida algunha.

No apartado de control ao Goberno, aprobouse por unanimidade da Corporación unha declaración institucional con motivo da celebración, o vindeiro 25 de novembro, do Día internacional contra a violencia de xénero. Nesta declaración, o Concello manifesta o seu máis profundo rexeitamento a calquera forma de violencia exercida contra as mulleres e reitera o seu compromiso obxectivo de alcanzar unha sociedade libre de violencia na que as mulleres gocen da dignidade e os dereitos que lle son inherentes, como corresponde a unha sociedade libre e democrática.

Ademais, no apartado de control ao Goberno aprobouse, coa abstención dos exconcelleiros/as do BNG, unha moción presentada polo grupo municipal popular que ten como obxectivo o rexeitamento á violencia terrorista en Galicia. Tamén se aprobaron dúas mocións, presentadas polo PSOE e polos exconcelleiros do BNG, sobre o copagamento de medicamentos en farmacia hospitalaria.