[26-04-2013] O pleno do Concello de Ames deu luz verde na sesión celebrada onte a todos os puntos que formaban parte da orde do día: o plan especial de dotacións da cidade deportiva do Real Aero Club, a ordenanza reguladora de hortas urbanas sostibles e solidarias, a de prestación de alimentos e a modificación da ordenanza reguladora de prezo público por utilización das instalacións deportivas e culturais.
O primeiro punto do día foi a aprobación definitiva do plan especial de dotacións da cidade deportiva que o Real Aero Club de Santiago proxecta instalar na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro. Este era o paso que restaba neste proceso, tras a recepción do informe favorable da Xunta de Galicia. Este plan especial afecta a un ámbito de 641.889 metros cadrados, situado na parroquia amiense de San Mamede de Piñeiro, no límite cos concellos de Val do Dubra e de Santiago de Compostela. Nel, ordénase un complexo deportivo centrado no campo de golf que ocupa a maior parte do ámbito, e zonas destinadas a outros usos (aparcadoiro, edificacións ou instalacións deportivas cubertas e de mantemento). Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “se trata dun proxecto moi importante para Ames” e subliñou que, aínda que desde a posta en marcha deste proxecto non había ningún proxecto por escrito en relación a contraprestacións para o municipio, o Concello “está en boa sintonía coa directiva do Real Aero Club e mantendo conversas”.
Ademais, a sesión plenaria acordou por unanimidade a aprobación inicial da ordenanza reguladora das hortas urbanas sostibles e solidarias do Concello de Ames, un proxecto que foi ben recibido e acollido por todos os membros da Corporación. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, subliñou que o Concello establecerá unha horta municipal sostible en Bertamiráns que terá unha superficie de 1.600 metros cadrados.
O acceso ás hortas urbanas sostibles e solidarias estará aberto a todos os veciños de Ames maiores de idade e empadroados. Ademais, reservarase un 14% das parcelas para casos de emerxencia social e outro 14% das parcelas para maiores de 65 anos. O procedemento de adxudicación das parcelas iniciarao o Concello, establecendo os prazos de solicitude. Despois, a adxudicación das parcelas farase mediante sorteo público.
Ordenanza de prestación de alimentos
Por outra banda, o pleno tamén deu luz verde á aprobación inicial da ordenanza reguladora da prestación de alimentos do Concello de Ames. O obxectivo era adaptar e actualizar as bases reguladoras vixentes, aprobadas no ano 2004. O que se propuxo foi a aprobación dunha ordenanza na que se concreta a prestación de alimentos e na que se introducen actualizacións e modificacións para emendar as necesidades detectadas na aplicación das bases vixentes, así como a unificación de criterios en concordancia con outras ordenanzas municipais.
As principais modificacións introducidas son a concreción do organismo do que se reciben os alimentos, determinación dos beneficiarios da axuda e modificar o criterio que se utiliza para a determinación dos ingresos dos beneficiarios, pasando a empregar o IPREM en lugar do salario mínimo interprofesional. O obxectivo é seguir as premisas do Fondo Español de Garantía Agraria, entidade supervisora do plan de axuda alimentaria.
Por último, a sesión plenaria deu luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza que regula o prezo público pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. O que se propuxo é a modificación de prezos públicos no tocante ás entradas individuais das piscinas descubertas municipais, mantendo os prezos dos abonos para persoas empadroadas no Concello de Ames. Deste xeito, a entrada individual para maiores de 18 anos situase nos 3 euros, a dos usuarios de entre 11 e 18 anos sería de 2 euros e a dos que teñen entre 4 a 10 anos queda en 1 euro. A entrada para menores de 4 anos, acompañados dunha persoa adulta, será gratuíta.
No último punto da orde do día, e a petición do concelleiro Manuel Ferreiro, compareceu o edil de Vías, Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, para responder ás preguntas que se lle formularon.
Por último, os concelleiros do grupo socialista e parte dos non adscritos presentaron unha moción sobre os servizos educativos complementarios, que finalmente foi aprobada por unanimidade.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El campo de golf del AeroClub, al PXOM amiense"
La Voz de Galicia: "Ames ratifica el plan especial del proyecto del Aero Club"
La Voz de Galicia: "Ames destina 14.000 euros a la primera huerta urbana, que tendrá 36 beneficiarios"




