[24-02-2012] O Concello de Ames aprobou por unanimidade na sesión plenaria celebrada onte o regulamento que orientará o funcionamento do Rexistro Municipal de Asociacións, co obxectivo de fomentar a participación e o asociacionismo no municipio. O pleno acordou tamén por unanimidade a conmemoración institucional do 24 de febreiro como Día de Rosalía, facendo fincapé na especial vinculación de Ames coa vida e a obra rosalianas e comprometendo o “singular protagonismo” do Concello na difusión do legado da escritora. Na sesión procedeuse ao acto de toma de posesión de José Pazos Balsa como concelleiro do Grupo Municipal Socialista e deuse tamén luz verde ao inicio do expediente para a elección do xuíz de paz titular. O pleno aprobou ademais un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 8.406 euros para afrontar pagamentos do canon de saneamento de 2005, 2007 e 2008.
A partir do Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións, promovido pola Concellaría de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, poderase actualizar o número de entidades asociativas que teñen a súa sede e exercen a súa actividade no concello de Ames, ademais de coñecer os seus fins e a súa representatividade. Actualmente, o rexistro ten inscritas máis de 120 asociacións. Coa entrada en vigor deste regulamento, poderán obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións aquelas entidades amienses de interese social sen ánimo de lucro, cuxo obxecto sexa a defensa, fomento ou mellora dos intereses xerais ou sectoriais.
As asociacións inscritas terán dereito a recibir axudas económicas do Concello, sempre que o permitan os recursos orzamentarios, e a subscribir convenios de colaboración coa Administración local no desenvolvemento da súa labor. Neste sentido, as entidades inscritas terán dereito a empregar os medios públicos municipais, especialmente os locais e medios de comunicación, sendo responsables do trato dado ás instalacións. Este uso deberá ser solicitado con dúas semanas de antelación e por escrito ao Concello, que deberá autorizalo expresamente. Aquelas asociacións que non concorran ás convocatorias de subvencións, ou non teñan asinado ningún convenio co Concello, presentarán un orzamento e un plan de actividades anuais. Aquelas que non o fagan en dúas anualidades consecutivas causarán baixa no rexistro.
O novo "Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións" será presentado ás entidades interesadas o próximo venres día 2 de marzo, ás 20:00 horas, no transcurso dunha reunión que terá lugar no Pazo da Peregrina.

Día de Rosalía
Doutra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha declaración institucional de recoñecemento do 24 de febreiro como Día de Rosalía no Concello de Ames. Na declaración, ínstase ademais á Xunta de Galicia a promover este recoñecemento en todos os concellos galegos. O texto consensuado entre os tres grupos municipais, a partir do incialmente presentado polo Grupo Municipal Socialista, marca como obxectivo o de impulsar desde o Concello de Ames a proxección do patrimonio literario de Rosalía de Castro cun singular protagonismo pola vinculación da escritora con Ames. O acordo compromete ao Concello a promover a difusión do legado da escritora, nomeadamente entre a cidadanía amesá e, con carácter xeral, en Galicia e fóra da comunidade.
Na exposición de motivos, defínese a Rosalía de Castro como "a escritora máis representativa da lingua e da literatura galega" e márcase a publicación de "Cantares Galegos", o primeiro escrito integramente en galego, como o "inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento". O texto reivindica a vixencia da súa obra como "retrato do pobo galego". Neste sentido, destácase "o entendemento permanente co seu pobo" que foi a que a fixo "poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos".
De xeito detallado, o Concello de Ames emprenderá e apoiará a realización de actividades divulgativas na data recollida oficialmente pola Consellería de Cultura no seu Calendario do Libro e da Lectura. Así, realizarase unha lectura pública da obra rosaliana con especial protagonismo do alumnado e anualmente implicarase aos centros de ensino municipais, asociacións culturais e veciñais na conmemoración das efemérides rosalianas e no coñecemento dos lugares da contorna relacionados coa escritora. Impulsarase ademais a organización de rutas e promoverase a articulación dunha rede informal de concellos rosalianos para o desenvolvemento de iniciativas comúns.
Do mesmo xeito, mellorarase a sinalética vinculada a Rosalía de Castro coa construción dun espazo de referencia que faga visible a vocación rosaliana de Ames. O Concello de Ames avaliará a posibilidade de estar representado a nivel institucional no Padroado da Fundación Rosalía. Neste sentido, o alcalde de Ames, Santiago Amor, anunciou que xa se iniciaron contactos cos responsables da Fundación para establecer futuras liñas de colaboración.
Na xornada de hoxe, varios membros da Corporación municipal participarán, ás 13:00 horas, nunha lectura de poemas de Rosalía de Castro e textos dedicados á escritora na escalinata da Casa do Concello.

Outros acordos
Na sesión plenaria celebrada onte, procedeuse á toma de posesión de José Pazos Balsa como concelleiro do Grupo Municipal socialista, en substitución de Carlos Fernández Castro, e acordouse o inicio do expediente para elixir xuíz de paz titular do Concello de Ames ao expirar o prazo do mandato actual, establecido en 4 anos.
Por último, o pleno do Concello de Ames aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por importe de 8.406 euros para afrontar o pagamento de facturas impagadas referidas ao canon de saneamento dos exercicios 2005, 2007 e 2008. No exercicio de 2012 e sucesivos será efectuada unha estimación das necesidades de auga dos servizos municipais, co fin de cuantificar o importe que o Concello deberá asumir polos tributos autonómicos asociados a tales consumos, de feito que no momento en que se produza o devengo destes exista respaldo orzamentario suficiente para a súa aprobación.
Mocións de urxencia
No transcurso da sesión debateuse unha moción de urxencia presentada polo Grupo do BNG na que se solicitaba que o pleno se manifestase en contra do decreto de reforma laboral. A proposta, apoiada polo Grupo Socialista, foi rexeitada polo voto en contra do Grupo Popular.
Por último, o Grupo Socialista presentou unha moción de urxencia con motivo da celebración o 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres. A proposta non foi debatida ao non contar co respaldo da maioría absoluta do Pleno respecto a súa urxencia.




