Pestanas principais

O pleno do Concello de Ames aproba a revisión do contrato de limpeza viaria e de xestión do punto limpo

Venres, 28 de marzo de 2014

[28-03-2014] A corporación municipal de Ames aprobou onte por maioría absoluta os dous principais temas que se recollían no apartado de deliberación e acordo do pleno ordinario de marzo. Deste xeito, dóuselle luz verde a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e de xestión do punto limpo, correspondente ao exercicio 2014. Ademais, acordouse que sexa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que nomee un novo xuíz/a de paz substituto/a. Tamén se dou conta da renuncia do concelleiro socialista, José Francisco Doval, da súa acta de concelleiro e aprobouse unha moción presentada polos ex-concelleiros do Partido Popular sobre a escola de educación infantil que se vai a construír no Rego dos Pasos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “a nova escola infantil de Bertamiráns está garantida”. O pleno acabou cun minuto de silencio en memoria do primeiro presidente da democracia en España, Adolfo Suárez.

O pleno do Concello de Ames aprobou onte na sesión plenaria correspondente ao mes de marzo a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e de xestión do punto limpo, correspondente ao exercicio 2014. Esta revisión implica unha suba do 0,3% nos prezos deste servizo que ofrece a empresa Urbaser S.A. Deste xeito, o custo do servizo pasará a ser de 682.560,59 euros, resultando de aplicación, con efectos retroactivos, dende o pasado 1 de xaneiro de 2014, o que motivará o pagamento dos correspondentes atrasos dende a devandita data. Este punto foi aprobado por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, dos ex-concelleiros/as do Partido Popular e dos concelleiros/as do grupo socialista, mentres que os concelleiros/as do ex-concelleiros do BNG abstivéronse.

Outro dos puntos que se aprobou por maioría absoluta foi a adopción do acordo para que sexa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que nomee un novo xuíz/a de paz substituto/a para o Concello de Ames. Tendo en conta, que as tres últimas persoas elixidas como xuíza de paz substituta presentaron a súa renuncia a corporación municipal adoptou este acordo para que sexa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o que designe un novo/a xuíz/a de paz substituto/a. Ao igual que no caso anterior este punto foi aprobado por maioría absoluta cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno, dos ex-concelleiros/as do Partido Popular e dos concelleiros/as do grupo socialista, mentres que os concelleiros/as do ex-concelleiros do BNG abstivéronse.

O punto máis emotivo do pleno foi a despedida do concelleiro socialista, José Francisco Doval, que renunciou a súa acta de concelleiro por motivos persoais. No seu lugar entrará na corporación, José Blas García. Francisco Doval valorou como moi positiva a súa etapa como concelleiro. “Agora debo centrarme nas miñas ocupacións laborais. Teño que agradecer o traballo feito polos servizos técnicos do Concello de Ames e o apoio dos compañeiros e compañeiras da corporación”, explicou Doval. O alcalde de Ames, Santiago Amor, desexoulle a Francisco Doval un gran éxito tanto na súa vida persoal como profesional. Os voceiros dos outros grupos municipais tamén lle desexaron sorte a Francisco Doval e agradecéronlle o traballo feito polo e para o Concello de Ames.

Moción sobre a escola de educación infantil do Rego dos Pasos
Os concelleiros/as non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García presentaron unha moción sobre a escola de educación infantil que se vai a construír no Rego dos Pasos. Nesta moción os concelleiros nos adscritos instaron a Xunta de Galicia a que no prazo máis breve posible se lle requiran ao Concello de Ames todas as cuestións técnicas e administrativas necesarias pendentes para poder comezar a construción da nova escola infantil de Bertamiráns.

Cómpre lembrar que o pasado 22 de xaneiro deste ano asinouse o convenio que pon as bases para a construción desta segunda escola de Bertamiráns que contará con 6 unidades e 82 prazas co compromiso engadido de que o terreo sobrante reverta para o Concello co obxectivo de buscarlle unha utilidade acordo so seu emprazamento. O orzamento estimado para esta actuación é de 820.000 euros, dos cales o Concello de Ames terá que achegar o 40%, e dicir, 328.000 euros.

Na quenda de intervencións os voceiros dos partidos da oposición preguntáronlle ao goberno municipal pola partida presupostaria que ten que achegar o Concello xa que no orzamento municipal do exercicio 2014 ten que figurar a contía correspondente ao 40% dos custes de construción desta nova infraestrutura. Outra das cuestións feitas polos voceiros da oposición foi sobre as xestións que está realizando a Xunta de Galicia sobre este proxecto, xa que a construción desta nova escola infantil ten que comezar antes de que remate o presente ano, para non perder as subvencións europeas que foron concedidas para este proxecto.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que “a nova escola infantil de Bertamiráns está garantida”. O rexedor municipal explicou que “este xoves pola mañá celebrouse a Asemblea anual do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e aprobouse o presuposto anual deste organismo no que se inclúe unha partida orzamentaria para a nova escola infantil de Bertamiráns. Ademais, nesta asemblea confirmáronme que unha das escolas que se vai a construír é a de Bertamiráns. Dende a Xerencia do Consorcio manifestaron que no vindeiro mes entrará no Concello a solicitude de licenza para esta nova infraestrutura. En canto chegue o proxecto da nova escola infantil achegarémosllo aos membros da oposición para que poidan coñecelo”.

En canto ao presuposto municipal do Concello de Ames para o exercicio 2014, Santiago Amor, adiantou que “durante a primeira quincena de abril pasaráselle un borrador aos concelleiros/as da oposición para que poidan estudalo”.

Por outra banda, os concelleiros nos adscritos Pilar Candocia, Susana Mayo, Olaia Alvite e Anxo Doval presentaron unha moción por vía de urxencia para a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática destituída en xullo de 1936, na que o Óscar Lojo Batalla era o alcalde de Ames. A corporación municipal rexeito a urxencia desta moción polo que non se puido debater. Para poder tratar esta moción era necesario aprobala por maioría absoluta e a votación tivo 9 votos a favor (dos concelleiros/as do grupo socialista e dos concelleiros/as nos adscritos que presentaron a moción) e houbo 10 abstencións (dos concelleiros/as do grupo de goberno e dos ex-concelleiros/as do Partido Popular).

O pleno acabou cun minuto de silencio en memoria do primeiro presidente da democracia en España, Adolfo Suárez. Os concelleiros nos adscritos Pilar Candocia, Susana Mayo, Olaia Alvite e Anxo Doval saíron do salón de plenos e gardaron o minuto de silencio na entrada do salón de plenos en sinal de protesta por non poder tratar a moción presentada sobre a restitución simbólica nos seus cargos da Corporación democrática destituída en xullo de 1936.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Xunta ejecutará este año la guardería de Bertamiráns"