[31-05-2013] O pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade a modificación da ordenanza de emerxencia social e a decisión de non prorrogar o contrato de abastecemento e saneamento para o inicio da nova licitación. Ademais, deuse luz verde á modificación da representación do grupo municipal popular nas comisións informativas e aprobouse definitivamente a modificación do Plan Parcial do sector S-02 Alto do Vento I. Na sesión plenaria de maio tamén se tomou coñecemento da renuncia da concelleira socialista Patricia Conde Lois e das renuncias anticipadas de once candidatos máis deste grupo.
A ordenanza reguladora das axudas de emerxencia social foi aprobada no pleno por unanimidade. Sobre o texto, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que se introduciron modificacións de carácter técnico, co obxectivo de axilizar os trámites, e tamén outras que permiten adaptar a normativa á situación económica actual. Así, subliñou que se elimina a obrigatoriedade de non ter débedas co Concello para poder recibir estas axudas e se amplía o tempo máximo que se poden percibir ditas axudas, pasando dos tres aos seis meses no período de un ano.
A concelleira agradeceu o traballo dos técnicos e fixo fincapé en que o paso do tempo e o traballo diario aplicando a normativa vixente determinou a necesidade de que a ordenanza se adapte á realidade social que se está a vivir, tendo en conta que a práctica diaria é a que vai marcando as necesidades de cambio. Estas modificacións foron destacadas polos/as concelleiros/as da oposición, que subliñaron que se introducen melloras no texto.
Ademais, tamén se aprobou por unanimidade a decisión do Goberno municipal de non prorrogar o contrato de abastecemento e saneamento para o inicio da nova licitación. A concelleira María Eugenia Martín explicou que este contrato é un dos máis importantes desde o punto de vista económico dos que actualmente mantén o Concello. O obxectivo desta moción, aprobada por unanimidade, é continuar cos traballos da comisión de saneamento, onde está presente a oposición, e levar o novo pliego deste contrato a un próximo pleno extraordinario.
A orde do día tamén incluía a modificación da representación do grupo municipal popular nas comisións informativas permanentes, pasando dos catro representantes que tiña antes aos dous de agora, incluído o presidente da comisión. Este punto foi aprobado cos votos a favor do grupo municipal popular e dos concelleiros que antes formaban parte do BNG. O resto dos membros da Corporación abstivéronse.
A Secretaría Xeral do Concello está á espera dun informe solicitado á Deputación da Coruña sobre a representación nas comisións informativas dos/as concelleiros/as non adscritos. Con todo, considera que de manterse en 7 o número de membros das comisións informativas permanentes, o número de representantes nas comisións do grupo municipal popular debe reducirse por terse reducido tamén o número dos seus membros. O informe da Secretaría Xeral do Concello establece que o número de representantes do grupo municipal popular debe ser, en coherencia cos informes anteriores, de 2 representantes incluído o presidente. De feito, o grupo municipal xa aplicou esta representación nas pasadas comisións, celebradas o 24 de maio.
Ademais, o pleno tamén deu luz verde a unha cuestión urbanística: a aprobación definitiva da modificación do plan parcial do sector S-02 'Alto do Vento I', na parroquia de Covas. Esta modificación puntual, que supón un cambio na tipoloxía de edificación, foi aprobada inicialmente en setembro de 2012 pola Xunta de Goberno Local. Este acordo foi sometido a exposición pública, sen que fora presentada ningunha alegación.
Mocións
No apartado de control ao Goberno, abordouse unha moción do grupo municipal socialista sobre a supresión dos xulgados de paz como dos rexistros civís, que foi aprobada incluíndo o voto particular do grupo municipal popular. Este voto incluía instar ao Goberno central a manter unha administración de xustiza eficaz e próximas, que as xestións de carácter obrigatorio seguisen sendo gratuítas e que se aproveitasen as infraestruturas actuais.
Ademais, aprobouse unha moción presentada polos exconcelleiros do BNG sobre a brigada de extinción de incendios postas en marcha pola Xunta de Galicia. Por último, os exconcelleiros do grupo municipal popular presentaron unha moción de urxencia na que solicitaban que só se cobrase pola asistencia a unha comisión informativa, independentemente das que se celebraran no día. Este punto quedou sobre a mesa, xa que se considerou a necesidade de esperar aos informes técnicos solicitados sobre esta cuestión.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello de Ames modifica la ordenanza de Emergencia Social para agilizar trámites"
La Voz de Galicia: "El contrato del agua de Ames no será prorrogado"
El Correo Gallego: "Emergencia Social actualizada en Ames y rifirrafes por las comisiones"




