[01-03-2013] A corporación municipal de Ames deu luz verde por unanimidade na sesión plenaria ordinaria de febreiro á creación da sede electrónica do Concello de Ames, á aprobación da ordenanza reguladora da administración electrónica municipal e á ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.
A primeira das cuestións da orde do día foi a aprobación por unanimidade da creación da sede electrónica do Concello de Ames, de titularidade municipal, cuxo enderezo será sede.concellodeames.org, que se configurará como unha subsede da sede electrónica da Deputación da Coruña (sede.dicoruna.es) e que estará accesible á cidadanía a través destes dous enderezos. Isto supón a adhesión do Concello ao convenio marco aprobado pola Deputación para a utilización compartida da súa sede electrónica, que ten unha duración de catro anos.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que a sede electrónica é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, dispoñible para que a cidadanía poida realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano. Actualmente, o Concello atópase inmerso na execución da segunda fase da administración electrónica, na que se contempla a implantación total de 49 procedementos tramitables de xeito electrónico. Algúns destes procedementos teñen carácter teletramitable, ao permitir que os veciños e veciñas poidan empregar a páxina web do Concello para efectuar diversos trámites e xestións. O rexedor, que agradeceu o traballo dos técnicos municipais para a posta en marcha da administración electrónica, explicou que esta é a opción que se considera máis favorable tendo en conta criterios económicos e de xestión, xa que non ten custe para o Concello. Os grupos da oposición consideraron positivo este paso e deron a benvida á creación da sede electrónica.
En relación a isto, o pleno celebrado onte tamén deu luz verde por unanimidade á aprobación inicial da ordenanza reguladora da administración electrónica. Esta ordenanza fai referencia á sede electrónica e regulará o acceso dos cidadáns a este servizo, así como os deberes e obrigas do Concello e os cidadáns nesta relación. O rexedor explicou que se crea, deste xeito, un marco de actuación no eido da administración electrónica.
Por último, a sesión plenaria do mes de febreiro tamén aprobou de xeito inicial a ordenanza xeral municipal sobre tráfico, que supón a derrogación da existente. Unha vez aceptada pola Deputación da Coruña a delegación de competencias do Concello de Ames en materia de instrución dos expedientes sancionadores por denuncias cursadas polo concello por infracción das normas sobre tráfico, procede a adaptación da ordenanza municipal á proposta para todos os concellos que teñen delegada esta materia.
Sobre este punto, o alcalde de Ames explicou que se trata dunha ordenanza tipo que inclúe algunhas medidas que non se van a adoptar no Concello e outras modificacións que permiten adaptar o texto á realidade municipal. Deste xeito, explicou que se rebaixan as sancións leves de 100 a 80 euros, que se controlará o uso de publicidade nos vehículos ou que se vixiará o uso fraudulento de tarxetas de aparcamento para persoas con discapacidade.
Mocións
O pleno de febreiro tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal socialista sobre a radio municipal do Concello de Ames e unha moción conxunta dos tres grupos relativa ao programa de prevención de drogodependencias. Por último, deuse luz verde a unha moción de urxencia relativa ás sancións notificadas pola Subdelegación do Goberno a membros da Plataforma do Lixo para que o Concello solicite o arquivo das causas.




