[28-06-2013] O pleno do Concello de Ames aprobou onte por unanimidade a adhesión a un novo convenio coa Dirección Xeral de Tráfico e deu luz verde á desafectación da parcela do Milladoiro para un equipamento relixioso. Ademais, aprobouse a participación do Concello de Ames na convocatoria dos Premios Reina Sofía 2013, de accesibilidade universal de municipios. Tamén por unanimidade, o pleno aprobou unha moción de apoio ás escolas unitarias de Ames tras a confirmación por parte da Consellería de Educación de que non se pecharán os centros de Covas e Agrón, e outra sobre as obras de ampliación do CEP de Ventín. Por último, aprobouse unha moción para a posta en marcha dunha comisión informativa especial sobre o acontecido nos plenos de setembro e novembro. Antes do inicio do pleno, no que tomou posesión o concelleiro Francisco Villaverde, a Corporación gardou un minuto de silencio polo falecemento de José Ramón Agra, que fora concelleiro de Ames polo grupo municipal popular.
Deste xeito, na sesión celebrada onte aprobouse por unanimidade a solicitude de adhesión do Concello de Ames ao convenio subscrito entre a Xefatura Provincial de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias para o intercambio de información e a mutua colaboración administrativa. En virtude deste convenio, establécese un novo servizo e cando os cidadáns acudan a empadroarse ao Concello os trámites, de carácter gratuíto, que se poderán solicitar nos rexistros municipais de Milladoiro e Bertamiráns serán os seguintes: o cambio de domicilio no permiso de condución e no permiso de circulación. Deste xeito, evitaranse as molestias de desprazamento ata Santiago para facer estas modificacións en Tráfico.
Ademais, deuse luz verde á aprobación definitiva do expediente de desafectación dunha parcela no Milladoiro destinada a un equipamento relixioso. Con data 1 de abril de 2013, o pleno do Concello aprobou a desafectación desta parcela co obxectivo de dar cumprimento ao convenio asinado co Arcebispado de Santiago de Compostela no ano 2001. Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que o obxectivo deste trámite “é cumprir coa obriga do Concello pola que a Igrexa lle entregou tres parcelas en Ortoño e Milladoiro, que o Concello vén empregando dende entón”. O rexedor lembrou que se está facendo uso deses terreos e que mesmo en 2010 houbo un proxecto para realizar un centro sociocultural en Ortoño, dentro do apoio dos orzamentos do ano 2010 entre PSOE e BNG e que non se levou a cabo.
O pleno do mes de xuño tamén supuxo a ratificación da solicitude que realizou o Concello de Ames para presentarse á convocatoria da concesión dos Premios Reina Sofía 2013, de accesibilidade universal de municipios, que dependen do Real Patronato sobre Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. O Concello de Ames pode concorrer a estes premios na categoría de municipios entre 10.001 a 100.000 habitantes, cunha contía de 15.000 euros. Para esta convocatoria, o Concello elaborou unha memoria do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de accesibilidade nos últimos anos, entre as que destacan as levadas a cabo na Casa da Cultura de Bertamiráns, nas instalacións deportivas municipais, a creación do plan integral de accesibilidade ou a posta en marcha de programas como o proxecto Adames. O rexedor amiense fixo fincapé en que o Concello espera que “a presentación a estes premios sexa un acicate para seguir traballando en accesibilidade”.
Mocións por unanimidade
No apartado de control ao Goberno, toda a Corporación presentou unha moción a favor do mantemento das escolas unitarias de Ames. Esta moción, que foi aprobada por unanimidade, foi aprobada na mesma xornada na que a Consellería de Educación ratificaba a información facilitada hai unha semana aos pais e nais das escolas unitarias de Covas e Agrón de que non se produciría o seu peche. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, destacou que desde hai meses o Concello estivo levando a cabo xestións coa Consellería sobre as escolas unitarias e que mantén compromisos efectivos coas escolas unitarias do municipio, levando a cabo o seu mantemento e realizando obras nas súas instalacións. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de maio a Deputación da Coruña autorizou a sinatura dun convenio co Concello para acometer obras nas escolas unitarias como melloras eléctricas e nas condicións dos inmobles.
Tamén houbo unanimidade para aprobar unha moción sobre as obras de ampliación do CEP de Ventín, co obxectivo de reclamar que se aceleren o máximo posible. Sobre esta cuestión, o concelleiro de Educación subliñou que o Concello de Ames “fixo os deberes, mantendo xestións coa Xunta desde febreiro para transmitir a importancia destas obras e da axilidade que tiñan que ter”. Ademais, no pleno de xuño deuse luz verde á creación dunha comisión informativa especial sobre os feitos acontecidos nos plenos de setembro e novembro. A proposta orixinal non se axustaba á normativa, polo que tivo que ser modificada. Nun principio, solicitábase a creación dunha comisión de investigación, unha figura non regulada no ROF e propoñíase unha composición que non se axustaba á das comisións, polo que, tras a introdución dos cambios, aprobouse a creación dunha comisión informativa especial, presidida polo alcalde e con 2 representantes do grupo municipal popular, dous do grupo socialista e tres dos non adscritos.
Por último, aprobouse a declaración institucional contra a discriminación por motivo de orientación sexual e identidade de xénero presentada polos ex concelleiros do BNG e unha moción do grupo socialista para instar ao Goberno central sobre o tipo de IVE aplicable a bens e servizos culturais.




