[13-01-2012] Onte celebrouse en Ames o primeiro pleno ordinario deste ano 2012. Nesta sesión plenaria aprobouse por unanimidade a modificación da periodicidade das sesións ordinarias de pleno pola que estes se celebrarán tamén nos meses de agosto e decembro. O concelleiro, Carlos Fernández trasladoulle ao pleno a súa renuncia e o BNG levou á sesión de control ao goberno unha moción de proposta sobre a elaboración dun plan de equilibrio financeiro antes de levar a cabo a modificación da RPT que foi rexeitada cos votos do Partido Popular, o grupo de goberno que ten maioría absoluta.
Na sesión plenaria celebrada o concelleiro Carlos Fernández presentou a súa renuncia. Aínda que o que foi dirixente do Concello de Ames durante oito anos non estivo presente no pleno, o concelleiro socialista Xosé Miñones leu unha carta de despedida no nome de Carlos Fernández na que agradecía o cariño e apoio recibido por parte dos veciños durante os 25 anos que se adicou á vida municipal de Ames. Fernández agradeceu tamén neste escrito o respaldo político e a lealdade dos compañeiros tanto do grupo municipal coma do PSOE de Galicia. O concelleiro xa presentara por escrito a súa renuncia a todos os cargos na corporación de Ames o pasado 30 de decembro, pero para que o seu abandono se fixese efectivo debía formalizarse no pleno.
A voceira do grupo municipal do BNG, Pilar Candocia, tivo palabras de recoñecemento ao traballo de Carlos Fernández, de igual xeito que as tivo Patricia Conde, exconcelleira de Facenda que foi a portavoz no pleno do Partido Socialista de Ames. Patricia Conde dixo que o grupo de se sentía orguioso de formar parte do proxecto de goberno socialista de Ames.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, expresou os seus mellores desexos na nova andaina de Carlos Fernández e desexoulle o mellor tanto a nivel profesional coma persoal. Santiago Amor recoñeceu o traballo e dedicación que fixo Carlos Fernández durante 16 anos na oposición e logo durante 8 anos no goberno e loubou o seu interese por servir aos veciños e veciñas de Ames.
Non saiu adiante a moción do BNG
O BNG presentou onte unha moción na que propoñía elaborar un plan económico e financieiro que evitase a proposta do grupo de goberno de modificar a Relación de Postos de Traballo. O edil nacionalista, Anxo Doval foi o encargado de expoñer esta moción. As principais razóns que esgrimiron os nacionalistas foi que o concello non ten unha situación económica tan mala como se supón e que se debe elaborar primeiro un plan económico de equilibrio financieiro e logo tomar medidas se é preciso. O nacionalistas consideran que se deu "unha visión alarmista da situación económica do Concello de Ames" e din que se atopa mellor que outros concellos cunha poboación similar. Mentres que a visión dos socialistas é similar á do BNG e Patricia Conde pediu ademais que non só non haxa despidos senon que non se suprimisen na RPT os postos de traballo sen cubir, a postura do Partido Popular dista moito da visión dos grupos da oposición.
O portavoz do Partido Popular, Ramón García Argibay argumentou con diferentes datos o rechazo do seu grupo á moción. Por un lado explicou a necesidade de modificar a Relación de Postos de Traballo xa que "está desfasada e non garda relación directa coa situación actual do Concello"e por outro, aportando datos do ano 2011 coma que a débeda por habitante en Ames é de 387 euros mentres que a media da débeda dos concellos galegos é de 229 euros.
Argibay explicou tamén que o Concello de Ames ten un resultado orzamentario negativo en máis de -200.000 euros e un aforo negativo de 1.400.000 euros. O portavoz popular dixo tamén que "o remanente de tesoureiría é a cifra máis negativa na historia do Concello e que hai que ter en conta que ata o de agora aos concellos se lles permitía endebedarse un 110% e agora só o poden facer nun 75%". En referencia aos traballaores municipais deu tamén un dato: no ano 2003, con 19.000 habitantes o concello tiña 76 traballadores, no ano 2011 con 29.000 habitantes o concello ten 262 traballadores. A poboación incrementouse en Ames nun 34% mentres que o Concello incrementou a súa plantilla nun 244%.
O protavoz popular insistiu en que ás veces é preciso tomar medidas pouco populares pero precisas para manter e salvagardar os servizos básicos e dixo máis: " se dentro de catro anos non estamos aquí, aceptarémolo con normalidade, pero polo menos teremos a conciencia tranquila de ter traballado con responsabilidade e loitando polo beneficio dos veciños e veciñas de Ames".




