Pestanas principais

O Pleno debaterá unha cuestión de confianza vinculada á aprobación do orzamento municipal do exercicio 2026

Mércores, 25 de febreiro de 2026

Este xoves, 26 de febreiro, celébrase o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá unha cuestión de confianza vinculada á aprobación do orzamento municipal do exercicio 2026, a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal do ICIO, a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para financiar e poñer en marcha unha nova liña de axudas para as comunidades enerxéticas, e a aprobación da modificación do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia para a realización do obradoiro dual de emprego Renova Verde. Ademais, abordaranse catro mocións presentadas polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, Partido Popular e BNG. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de catro actas de Xunta de Goberno Local, correspondentes ao meses de xaneiro e febreiro, e da designación de representantes do grupo municipal socialista de Ames na Comisión informativa permanente de Xestión Cultural, Deportiva e Promoción da Saúde.

Por outra banda, a concelleira de Servizos Económicos dará conta do informe de execución e período medio de pago a provedores correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2025; e a concelleira de Atención e Participación Veciñal dará conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas durante o ano 2025. 

Na parte resolutiva, o primeiro punto que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de xaneiro celebrada o 29 de xaneiro de 2026, e da acta da sesión extraordinaria do POS+ 2026, celebrada o 4 de febreiro de 2026.

​Cuestión de confianza vinculada ao orzamento de 2026
A continuación, abordarase unha cuestión de confianza vinculada á aprobación do orzamento municipal do exercicio 2026. Na sesión plenaria celebraba o pasado luns, 23 de febreiro, resultou rexeitada a aprobación inicial do orzamento de 2026 con 8 votos a favor do grupo municipal do PSdeG-PSOE e 12 votos en contra (6 votos do grupo municipal do Partido Popular, 5 votos do grupo municipal do BNG e 1 voto do grupo municipal  de Espazo Común).

Debido a isto, vincúlase a aprobación do orzamento municipal do exercicio 2026 a unha cuestión de confianza. Cómpre lembrar que o orzamento para o exercicio 2026, presentado polo goberno municipal, ascende á cifra de 43.334.228,98 euros, e que está composto polo orzamento municipal de 38.753.577,15 euros e mailo orzamento da EPEL Augas de Ames de 4.580.651,83 euros.

Aprobarase dita cuestión de confianza se votan a favor da mesma a maioría simple dos concelleiros/as da Corporación municipal ou porque non se presenta no prazo dun mes unha moción de censura, ou presentada esta, non se alcanza o quórum requirido. Neste caso haberá expor ao público por un prazo de quince días o orzamento xeral de 2026, integrado polo orzamento do Concello e o da EPEL Augas de Ames, as bases de execución e os cadros de persoal aprobados.

ICIO e solicitude de subvencións
Outro dos temas que se van abordar é a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal do ICIO. Dita modificación afecta ás autoliquidacións nas comunicacións previas, clarificación de prazos para bonificacións, prelación de suxeitos pasivos substitutos e actualización de módulos.

Ademais, tratarase a solicitude á Deputación Provincial da Coruña dunha subvención nominativa, mediante convenio por importe de 100.000 euros, para o financiamento e posta en marcha dunha nova liña de subvencións para as comunidades enerxéticas do Concello de Ames. O importe de dita liña de axudas ascendería a 125.000 euros.

Por outra banda, abordarase a aprobación da modificación do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Brión, para a solicitude conxunta dunha subvención á Xunta de Galicia, co obxectivo da realización dun obradoiro dual de emprego denominado “Renova Verde”.

Apartado de mocións
Neste apartado vanse debater catro mocións. A primeira, presentada polo grupo municipal socialista, é para que a Xunta de Galicia acometa unha actuación definitiva e urxente na cuberta do CEIP A Maía. Solicítase a substitución integral da cuberta do CEIP A Maía, poñendo fin ás filtracións e garantindo a seguridade das instalacións, e que a Xunta de Galicia elabore e execute un plan de remodelación e renovación integral do centro educativo, que permita actualizar as súas infraestruturas.

Na segunda moción, presentada polo grupo municipal do Partido Popular, condénanse os actos de vandalismo cometidos contra as sedes do Partido Popular de Galicia, así como calquera outro acto de natureza similar dirixido contra sedes de formacións políticas democraticamente constituídas. Tamén se rexeita a utilización de mobiliario e espazos públicos ou privados para a colocación de pintadas, que non cumpren coa normativa vixente e con consignas que teñen o único fin de xerar crispación, polarización e alimentar a conflitividade social, por seren contrarias á legalidade e ao respecto debido á convivencia cidadá.

Na terceira moción, presentada polo grupo municipal do BNG, solicítase que o Concello de Ames estableza un sistema de autorización temporal de estacionamento para traballadoras e traballadores que, por razóns profesionais, deban prestar servizos a domicilio de maneira itinerante nos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro, permitindo estacionar durante o tempo imprescindible para o desenvolvemento da súa actividade. Tamén se pide que este sistema se articule mediante un distintivo identificativo municipal e que a autorización sexa válida para estacionar, de forma excepcional e limitada no tempo, en zonas de carga e descarga.

A cuarta e última moción, tamén presentada polo grupo municipal do BNG, é para conseguir avanzar en igualdade real e efectiva fronte ao rearmamento do machismo. Neste caso solicítase que a Corporación municipal reafirme o seu compromiso coa loita feminista e o apoio ás mobilizacións e reivindicacións do feminismo galego organizado neste 8 de marzo de 2026. Tamén se reclama á Xunta de Galicia a promoción dun acordo de país para a creación do Instituto Galego das Mulleres e a impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM. Por último, ínstase ao goberno municipal a impulsar a creación dun Consello Sectorial da Muller.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames debate a cuestión de confianza vinculada ao orzamento 2026"

Imaxe de arquivo do salón de plenos