Pestanas principais

O Pleno debaterá sobre a prórroga de concesión administrativa para a xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira

Mércores, 23 de setembro de 2026

Este xoves, 24 de setembro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal abordará a ratificación do decreto da sexta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; a revisión do IPC de xullo de 2025 a xullo de 2026 e a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira; e a ratificación do acordo de aprobación do proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos. Ademais, debateranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, a primeira de apoio á transferencia e á gratuidade da autoestrada AP-9, e a segunda sobre o nome escollido pola Xunta de Galicia para o novo colexio do Milladoiro. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Neste apartado tamén se dará conta de tres actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta da sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o pasado 10 de setembro de 2026.

A continuación, debaterase sobre a ratificación do decreto da sexta prórroga de concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, ata a adxudicación do contrato da nova concesión do complexo deportivo ou polo prazo máximo de 2 anos. Cómpre lembrar que a quinta prórroga, por un prazo de dous anos, foi ratificada polo pleno do Concello o 11 de setembro de 2024, estendéndose o prazo de vixencia ata o 9 de setembro de 2026. 

A concelleira de Deportes informa da necesidade de prorrogar dito contrato ata a adxudicación dun novo contrato de concesión, que incluiría a construción e explotación dunha nova instalación deportiva do Milladoiro e as obras de reforma e explotación da actual existente en Bertamiráns, que na actualidade xa está en fase de tramitación. A prórroga terá unha duración máxima de 2 anos, ata 9 de setembro dde 2028, ou ata a adxudicación do novo contrato de concesión que se atopa en tramitación.

Revisión IPC xullo 2025- xullo 2026 e modificación da ordenanza
Por outra banda, tamén relacionado co centro deportivo municipal A Telleira, a Corporación municipal terá que debater sobre a revisión do IPC de xullo de 2025 a xullo de 2026, e a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. 

Deste xeito, a Corporación municipal terá que aprobar, se procede, a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. O incremento cuantificase no 4,1% e resulta do calculo do IPC galego tomando como referencia os períodos de xullo 2025 a xullo 2026, e terá efectos dende 1 de xaneiro de 2027, unha vez se aprobe definitivamente a modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A finalidade desta modificación da ordenanza é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo de 2025 a xullo de 2026, que ascende ao 4,1%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado.

Mercado municipal de abastos
De seguido, abordarase a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 13 de agosto de 2026, polo que se aprobou o proxecto de execución das obras para a construción do mercado municipal de abastos en Bertamiráns, cofinanciado pola Unión Europea a través do fondo europeo de desenvolvemento rexional (FEDER), dentro do programa operativo plurirrexional de España POPE 2021-2027 e do plan EDIL Conecta Ames. O proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 3.293.003,90 euros (IVE incluído).

No caso de ser aprobado este punto, haberá que comunicar este acordo á Deputación Provincial da Coruña, a efectos de darlle cumprimento ao requirimento feito, para dar cumprimento ao previsto no artigo 18.1.c) da Ordenanza Xeral de Subvencións e Transferencias da Deputación Provincial da Coruña.

Apartado de mocións
Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, a primeira de apoio á transferencia e á gratuidade da autoestrada AP-9, e a segunda sobre o nome escollido pola Xunta de Galicia para o novo colexio do Milladoiro.

Imaxe de arquivo do salón de plenos