Pestanas principais

O Pleno debaterá sobre a prestación do servizo de transporte público de Ames

Mércores, 25 de xaneiro de 2023

Este xoves, 26 de xaneiro, o Concello de Ames celebra o primeiro pleno do ano. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre o inicio de expediente para a prestación do servizo de transporte público de Ames. Tamén se falará sobre a prórroga obrigatoria do actual contrato do SAF; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación puntual do regulamento de funcionamento dos servizos de Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas;  a declaración de especial interese das obras de edificación da residencia de persoas maiores no Milladoiro, para a posterior concesión de bonificación na cota do ICIO. Por último, abordarase a aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa pola utilización das instalacións culturais de propiedade municipal, a elección da xuíza de paz substituta e unha moción presentada polo grupo municipal socialista de apoio á mobilización da Atención primaria. O pleno poderase seguir por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. No apartado de deliberación e acordo abordarase en primeiro lugar a aprobación da acta do pleno ordinario do pasado mes de decembro.

Dentro do apartado de deliberación e acordo abordarase o inicio do expediente para a prestación do servizo de transporte público de Ames, que está incluído na EDUSI Impulsa Ames. Dentro das liñas de actuación da estratexia DUSI está incluída a liña de implementación dun transporte público no concello de Ames que corresponde co obxectivo temático OT4 (apoiar a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores).

Entre as propostas do Plan de Mobilidade Sostible de Ames está incluída a potenciación do transporte público, a través da implantación dun servizo de autobús municipal complementado cun servizo de transporte baixo demanda, para dar conexión ás zonas de menor poboación nas que non sería eficiente desprazar un vehículo senón se é coñecedor previamente de se haberá ou non persoas usuarias. Co fin de implementar o dito transporte publico foi contratada a redacción dun estudo de viabilidade redactado por Alomón consultoría de mobilidade.

Estes transporte interno buscará pasar polo maior número posible de parroquias de Ames para achegar á poboación aos núcleos urbanos, ao mesmo tempo deberá conectar ambos núcleos urbanos entre si. Desta forma poderase achegar á poboación aos puntos de interese (centros de saúde, centros educativos, comercios, zonas de ocio,...) e facilitar a conexión co transporte metropolitano que, maioritariamente, pasa polos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns.

Considerase que este transporte é un instrumento imprescindible para a vertebración do municipio ao conectar os núcleos de poboación de Ames coas liñas interurbanas, cuns horarios e frecuencias axeitadas para que a veciñanza amesá vexa no transporte público unha alternativa ao vehículo privado.

Servizo de Axuda no Fogar
O Concello de Ames ten subscrito un contrato coa empresa Atende Care SL para a prestación do servizo de Servizo de Axuda no Fogar. A duración inicial deste contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluído período inicial e prorrogas). O contrato iniciou a súa prestación o 1 de agosto de 2020.

En decembro de 2021 propúxose a modificación do réxime de prórrogas do contrato que pasaría de 1 ano a 6 meses prorrogables ata un máximo de 1 ano, dado que existía intención de aprobar unha nova licitación que responda máis axeitadamente ás necesidades actuais, máxime tendo en conta que xa están esgotadas as posibilidades de modificación do contrato. No Pleno do 27 de xaneiro de 2022 aprobouse a modificación do réxime de prórrogas por un prazo de seis meses, que comprende do 1 de agosto de 2022 ata o 31 de xaneiro de 2023, así como a súa execución. Posteriormente, o 28 de xullo de 2022 aprobouse en pleno o novo expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar.

Agora o Pleno deberá aprobar, se procede, a execución da prorroga obrigatoria ata a formalización do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar. A prorroga obrigatoria dará comenzo o 1 de febreiro de 2023 ata que se adxudique o novo contrato, e como máximo por un período de 9 meses.

Regulamento dos servizos de Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas
Por outra banda, o Pleno deberá resolver as alegacións e aprobar, se procede, de xeito definitivo a modificación puntual do regulamento de funcionamento dos servizos Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Dita modificación consiste en eliminar toda referencia á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, salvo nos supostos excepcionais con amparo na propia normativa, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes polas persoas usuarias do servizo.

Con esta modificación eliminarase a esixencia xeneralizada de solicitar documento orixinal ou cotexada. Modificarase tamén a redacción da disposición adicional primeira que contiña un erro na referencia legal precisando expresamente que a redacción aprobada manterase en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa, suprimindo a disposición final por duplicidade. Esta proposta de modificación foi consultada na reunión do Consello Escolar Municipal do 5 de outubro de 2022, resultando aprobada por unanimidade.

Residencia de maiores do Milladoiro
Ademais, abordarse a declaración de especial interese das obras de edificación da residencia de persoas maiores no Milladoiro, para a posterior concesión de bonificación na cota do ICIO. O obxectivo é declarar de especial interese e utilidade municipal as obras de edificación dunha residencia para persoas maiores na Travesía da Moa, no Milladoiro, fundamentado na concorrencia de circunstancias de fomento e creación de emprego, por implantación dunha nova empresa que implica o exercicio dunha actividade económica ou empresarial no termo municipal de Ames, coa creación de máis de 20 postos de traballo, en aplicación do establecido na Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras do Concello de Ames, fixando como porcentaxe da bonificación o 95% da cota tributaria.

Taxa pola utilización das instalacións municipais
Outro dos puntos a tratar será a aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa pola utilización das instalacións culturais de propiedade municipal. No pleno do 30 de xuño de 2022 aprobouse o regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais do Concello de Ames. O aspecto económico da utilización de ditas instalacións viña sendo regulado na ordenanza denominada reguladora de prezo publico pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Porén a figura correcta non é un prezo publico, senón unha taxa motivo polo que se iniciou expediente de elaboración de dita ordenanza fiscal.

Elección de xuíz/a de paz substituto
Tamén se abordará a elección de xuíza de paz substituta do Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de instancias, que comprendeu dende o 7 ata o 28 de decembro de 2022, presentáronse sete candidatos/as. Unha vez examinados os méritos de cada un/unha dos/as candidatos/as proponse  que a Corporación municipal elixa, se procede, a Xiomara Erlinda Lazo Fuentes, como xuíza de paz substituta do Concello de Ames.

Moción de apoio á mobilización da Atención primaria
Por último, está previsto que o grupo municipal socialista presente unha moción por vía de urxencia de apoio á mobilización da Atención primaria. Segundo se indica en dita moción a situación da Atención primaria en Galicia está a mostrarse como unha fonte de preocupación da cidadanía ao comprobar como un elemento fundamental do noso sistema de benestar, como é o sistema sanitario público, está a evidenciar debilidades provocadas por unha xestión errática e de desatención aos doentes, que se traduce en días e incluso semanas de espera para ser atendidos polo médico de cabeceira ou pediatra.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A debate la fórmula de transporte municipal para la capital maiana"

Imaxe de arquivo do salón de plenos