- Tematica
Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. Na sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do regulamento para a xestión do Ciclo Integral da Auga e sobre a aprobación de dous proxectos (pavimentación de viarios en Raíces e Ínsua) incluídos no Plan AGADER. Tamén se vai tratar un expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Carballo, a aprobación do proxecto de eficiencia enerxética e de iluminación pública no parque empresarial do Milladoiro, a modificación do lote 3 do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal, a aprobación do suplemento de crédito 2/2023 e maila aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2023. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación aprobaranse, se procede, as actas anteriores correspondentes á sesión extraordinaria de constitución da nova corporación do 17 de xuño, sesión extraordinaria de sorteo das mesas electorais do 22 de xuño, sesión extraordinaria de organización do 28 de xuño, e sesión extraordinaria e urxente de concesión de medalla do Concello do 18 de xullo.
De seguido, debaterase a aprobación dos proxectos de pavimentación dos viarios de Raíces, na parroquia de Biduído, e de Ínsua, na parroquia de Agrón. O primeiro denomínase pavimentación de viario en Raíces (Biduído) e outros e conta cun presuposto total de execución por contrata de 19.833,33 euros, dos cales 3.442,15 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. O segundo proxecto recolle a pavimentación do viario en Insua (Agrón), que conta con un presuposto total de execución por contrata de 39.512,33 euros, dos cales 6.857,53 euros son a parte correspondente ao IVE que tamén debe asumir o Concello. Deste xeito, a través do plan AGADER sufráganse 32.654,80 euros e o Concello terá que achegar 6.857,53 euros. A contía total de ambos proxectos ascende a 39.512,33 euros dos cales 13.714,73 euros corresponden ao exercicio 2023 e 25.797,60 euros ao exercicio 2024.
Outro dos temas que haberá que tratar é un expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Carballo. Sobre este asunto proponse ao Pleno declarar que o camiño sito no lugar de Carballo, na parroquia de Trasmonte, de 227 metros cadrados que linda con tres parcelas do lugar ten carácter de ben de dominio publico. No caso de aprobación de dito punto procede anotar dito camiño no Libro inventario de bens do Concello.
Regulamento de xestión do Ciclo integral da auga
Por outra banda, na sesión plenaria de xullo a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do regulamento do servizo municipal de abastecemento de agua, potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. No caso de que dito regulamento sexa aprobado deberá someterse dita aprobación inicial a información pública, por prazo de 30 días hábiles, a efecto de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.
Cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado mes de maio o Pleno aprobou a creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL. Concretamente o Pleno aprobou a constitución da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, que xestionará de xeito directo o servizo do ciclo integral da auga; os estatutos que rexerán esta entidade pública empresarial; adscribir a entidade pública empresarial ás instalacións e bens que figuran no inventario municipal; subrogar o persoal que procede da actual concesionaria Espina y Delfín (son 16 empregados); e clasificar a entidade pública Augas de Ames EPEL no grupo dous de acordo á disposición adicional 12 da lei 785 reguladora das bases de réxime local.
Previamente, na sesión ordinaria do mes de abril aprobouse a memoria xustificativa e o modelo do sistema de xestión do Ciclo Integral da Auga, que pasará a ter unha xestión directa a través dunha entidade pública empresarial local (EPEL).
Eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro
A Corporación municipal tamén terá que tratar a aprobación do proxecto técnico de eficiencia enerxética e iluminación pública para o parque empresarial Novo Milladoiro, que conta cun orzamento de execución por contrata de 52.254,65 euros. Este proxecto pretende renovar parte da iluminación pública da zona do parque empresarial do Milladoiro para adaptarse á normativa existentes e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade de iluminación, factores de cegamento, contaminación lumínica e redución do consumo enerxético, garantindo un uso sustentable das instalacións e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.
Ademais, haberá que aprobar, se procede, a modificación do contrato do servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal do Concello de Ames, correspondente ao lote 3 do expediente de licitación por lotes do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. O importe da modificación ascende a 30.096,80 euros anuais que se corresponde cun incremento anual de horas de 2.213 non superando así a porcentaxe do 20% de modificación do contrato.
Suplemento e recoñecemento extraxudicial de crédito
A Corporación municipal tamén deberá aprobar inicialmente, se procede, o expediente de modificación de créditos número 2/2023 do orzamento na modalidade de suplemento de crédito financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Debido a que estamos no segundo semestre do exercicio é necesario dotar crédito para facer fronte a gastos do exercicio 2022, cuxas facturas tiveron entrada no concello no exercicio 2023, e para os que será necesario tramitar un recoñecemento extraxudicial de crédito aos efectos de que poidan ser abonados e o Concello poida cumprir co período medio de pago. O importe ascende a 1.339.877,51 euros. O acordo de aprobación inicial elevarase a definitivo se durante o prazo de exposición pública non se presentan reclamacións.
Por último, debaterase a aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito debido a existencia de obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 87.905,32 euros e que se corresponden todas elas a gastos realizados no exercicio 2022.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames debaterá o regulamento do Ciclo Integral da Auga este xoves"