Pestanas principais

O Pleno debaterá se dedicar 131.465 euros do superávit da liquidación do exercicio 2018 para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro e do parque infantil da Condomiña

Luns, 25 de novembro de 2019

Este xoves, 28 de novembro, realizarase o pleno ordinario do mes de novembro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do expediente de modificación orzamentaria número 4/2019, na modalidade de suplemento de créditos, por un importe de 131.465 euros, para sufragar a mellora de viarios en Biduído de Abaixo e no Milladoiro, así como a mellora do parque infantil da Condomiña. Tamén se vai debater a aprobación do suplemento de crédito 5/2019 por valor de 422.056 euros; prorrogar por cuarta vez e polo prazo dun ano o contrato asinado con Urbaser S.A para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo; aprobar dun xeito definitivo o estudo de detalle das parcelas 14, 15, 16 e 17 do Plan Parcial do Polígono industrial do Milladoiro; e unha proposta de Ciudadanos para a creación dunha sección da escola oficial de idiomas en Ames. Estes temas foron previamente tratados este luns, 25 de novembro, nas comisións informativas.

A Corporación municipal debaterá este xoves, 28 de novembro, a aprobación do expediente de modificación orzamentaria número 4/2019, na modalidade de suplemento de créditos, por un importe de 131.465 euros, para sufragar a mellora dun viario interior en Biduído de Abaixo, a pavimentación de varias rúas do Milladoiro (rúas Pardiñeiros, Cruxa, Agro do Medio e rúa de Abaixo) e maila mellora do parque infantil da Condomiña. Deste xeito, o Pleno, deberá aprobar, se procede, a aplicación do superávit do exercicio 2018, integrado no remanente de tesourería para gastos xerais, a investimentos financeiramente sustentables, de acordo co disposto na disposición adicional sexta da Lei 2/2012 de 27 de abril de Estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Outro dos asuntos que se abordarán será a aprobación do suplemento de crédito 5/2019 por valor de 422.056 euros. O importe de gastos correntes ascende a 192.191,72 euros e responde fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos nos que o crédito resultou insuficiente. Por outra banda, os gastos de investimentos ascenden a 229.865 euros, algúns deles xa realizados e outros pendentes de realizar pero necesarios, xa que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos.

Por outra banda, abordarase a aprobación inicial do estudo de detalle das parcelas 14, 15, 16 e 17 do Plan parcial do polígono industrial do Milladoiro, promovido por Santiago Sur Galicia, S.L. Cómpre lembrar que a Xunta de Goberno Local o 14 de febreiro de 2019 aprobou inicialmente o documento do Estudio de detalle nas parcelas 14-15-16 e 17 do polígono industrial do Milladoiro. Dito estudo someteuse a información pública. Durante o período de exposición pública presentáronse dúas alegacións ao documento. Ditas alegacións foron obxecto de informe pola arquitecta municipal e asesora xurídica de urbanismo que propuxeron a súa desestimación e a aprobación definitiva do estudo de detalle.

Por último, debaterase a prorroga, por cuarta vez e polo prazo dun ano, do contrato asinado con Urbaser S.A. para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo do Concello de Ames, dende o 15 de xaneiro de 2020 ata o 14 de xaneiro de 2021; e unha proposta de Ciudadanos na que se solicita instar á Consellería de Educación, da Xunta de Galicia, para a creación dunha sección da escola oficial de idiomas en Ames. Estes temas foron previamente tratados este luns, 25 de novembro, nas comisións informativas.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames da licencia a 20 viviendas y va amejorar vías y el parque A Condomiña"

Compostela 24 horas: "O Pleno debaterá se dedicar 131.465 euros do superávit do 2018 para sufragar a mellora de viarios de Biduído e do Milladoiro"

Imaxe Casa do Concello