- Tematica
Este xoves, día 25, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a revisión de prezos dos contratos de xestión do Servizo de Axuda no Fogar e do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Tamén se abordarán dúas mocións. A primeira presentada polo grupo municipal de Espazo Común para a inclusión no vindeiro orzamento municipal dunha partida de carácter participativo para as asociacións veciñais. Na segunda moción, que foi presentada polo grupo municipal do BNG, demándase que a Xunta de Galicia desenvolva accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de acta/s anterior/es, correspondente á sesión ordinaria do 28 de decembro de 2023.
De seguido, abordarase a revisión de prezos do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que foi presentada pola empresa Osventos Innovación en Servizos SL. O Pleno do Concello de Ames na sesión do 28 de xullo de 2022 aprobou o expediente de licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAF dependencia. Tramitado o expediente de licitación o contrato adxudicouse no pleno do 23 de febreiro de 2023 á empresa Osventos Innovación en Servizos SL, por unha duración inicial de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos, incluído período inicial e prorrogas.
O contrato foi asinado o 22 de marzo de 2023 iniciando a súa prestación o 1 de abril de 2023. Posteriormente, o 17 de novembro 2023 dita empresa solicitou a revisión do prezo do contrato argumentando a existencia de custes laborais non tidos en conta polo Concello no momento da licitación do contrato e que se resumen nunha acta do 10 de maio de 2022 asinada entre a empresa Attende Care e maila representación sindical.
O 14 de decembro de 2023 o Concello solicitoulle ao contratista que cuantificase e xustificara os custes que alegaba. O 27 de decembro de 2023 o contratista achegou dita cuantificación. Analizado o contido da documentación constátase que na acta do 10 de maio de 2022 non recolle novas condicións laborais ou circunstancias salariais non tidas en conta no momento da licitación, dado que é un resumo de acordos acadados anteriormente. Deste xeito, propónselle ao Pleno desestimar a revisión de prezos do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAF dependencia.
Revisión de prezos do servizo público do Ciclo Integral da Auga
Tamén se debaterá sobre a revisión de prezos do contrato do servizo público do Ciclo Integral da Auga. Cómpre lembrar que no pleno ordinario do 29 de decembro de 2022 acordouse a continuidade da prestación do servizo do Ciclo integral da auga pola concesionaria Espina & Delfín SL, a partir do 31 de decembro de 2022 ata o 30 de abril de 2023, salvo que anteriormente se acadase a prestación do servizo polo Concello, mantendo as mesmas condicións do contrato asinado o 27 de xaneiro de 2017 e as addendas posteriores.
No pleno celebrado o 11 de maio de 2023 acordouse a creación da entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL, así como a aprobación dos seus estatutos. Posteriormente, o 31 de outubro de 2023 a concesionaria do servizo solicitou a revisión de prezos para o 2024 cifrando o incremento nun 2.24%. Deste xeito, proporáselle ao Pleno aprobar a segunda revisión de prezos unitarios do contrato de xestión do servizo publico Ciclo integral da agua do Concello de Ames dende o 1 de xaneiro de 2024, conforme á formula prevista na cláusula 18 dos pregos de cláusulas administrativas particulares.
Tras a revisión do 2,24% o importe dos prezos sería o seguinte:
-Prezo m3 facturado por abastecemento ETAP: 0,624 euros/m3.
-Prezo m3 facturado por saneamento e depuración: 0,624 euros/m3.
-Prezo de circulación pola rede de auga en alta por m3 de auga facturada a Teo: 0,00 euros/m3.
-Prezo m3 de auga en alta facturada ao concello Brión con ETAP: 0,2935 euros/m3.
-Prezos Anexo VI: incremento do 2,24%, salvo que se apliquen ao mantemento correctivo en cuxo caso non se incrementaran no importe indicado, mantéñense os da oferta inicial do contratista.
Moción política de Espazo Común
Por outra banda, abordaranse dúas mocións. A primeira presentada polo grupo municipal de Espazo Común, para a inclusión no vindeiro orzamento municipal dunha partida de carácter participativo para as asociacións veciñais. Na proposta de acordos recóllese que o goberno do Concello de Ames se comprometa a incorporar no vindeiro orzamento unha
partida para este fin.
Tamén se solicita que o goberno do Concello de Ames se comprometa a elaborar unhas bases de participación que regulen os proxectos que se poden presentar e as contías que se destinarán a tal fin para cada asociación; que se adiante esas contías en función do proxecto presentado no que se deberá recoller o orzamento da iniciativa ou iniciativas, así como a Concellería/as a onde vai dirixido; e que se estableza unha contía predeterminada para actuación non inferior a 3.000 euros nin superior a 6.000 euros.
Moción política do BNG
Na segunda moción, que foi presentada polo grupo municipal do BNG, demándase que a Xunta de Galicia desenvolva accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas. En dita moción solicítaselle á Xunta que faga efectiva a súa colaboración cos Concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte á crise ambiental que están a vivir; aumente o persoal de limpeza das praias ao seu cargo, de xeito que ningún areal afectado quede sen atender; e centralice e se faga cargo de todas as xestións de reclamación de danos e resarcimento de gastos aos Concellos por parte da aseguradora do buque que provocou o accidente.
Ademais, solicítaselle que despregue todos os buques e helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza para intensificar a vixilancia e actuar de inmediato; leve a cabo os estudos necesarios nos centros de investigación propios e en colaboración coas universidades galegas para determinar a composición e efectos dos plásticos, tanto na flora e fauna costeira como nas persoas; e atenda a afectación que a marea plástica puidese ter na actividade pesqueira e marisqueira das nosas rías e, como consecuencia, nos traballadores e traballadoras do mar.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "El pleno debatirá si sube precios en la ayuda en el hogar y el ciclo del agua en la capital maiana"
Ames Go: "Os prezos do SAF e do ciclo da auga, a pleno en Ames"